Skip to Content

REUNIÓNS INFORMATIVAS PARA 1º ESO

As reunións informativas sobre a organización do curso escolar terán lugar o luns 21 de setembro:

- 16.30h - alumnado de 1º ESO A, B e C

- 18h - alumnado de 1º ESO D, E e F

Só poderá asistir o/a alumno/a matriculado en 1º ESO acompañado/a dunha persoa adulta, debido aos aforos máximos dos espazos onde se realizarán as reunións. Tanto o/a alumno como a persoa adulta deberán levar máscara, permanecer xuntos/as e manter as distancias de seguridade con respecto ao resto de alumnado e persoas adultas acompañantes.

Para evitar aglomeracións no exterior do edificio antes das reunións, deben agardar na zona indicada para cada grupo á hora que lles corresponda. Deben consultar a mensaxe de Abalar enviada o venres 18 para saber o grupo e a hora á que teñen que asistir.

SE ALGUNHA FAMILIA NON RECIBIU A MENSAXE DE ABALAR ENVIADA O VENRES, PODEN CONTACTAR CO CENTRO PARA QUE LLE INDIQUEMOS O GRUPO DE 1º ESO NO QUE ESTÁ O/A ALUMNO/A.

INSTRUCIÓNS DE INICIO DE CURSO

DATAS DE INICIO DE CURSO

Debido a que o 24 de setembro é festivo en Poio, foi necesario facer algunhas modificacións no calendario de comezo da actividade lectiva. No IES de Poio, as datas de inicio son as seguintes:

  • MÉRCORES 23 – 1º ESO, 2º ESO, 1º BACHARELATO, 1º CICLO MEDIO
  • VENRES 25 – 3º ESO, 2º BACHARELATO
  • LUNS 28 – 4º ESO

No día de inicio de curso correspondente, todos os niveis comezarán no horario ordinario do centro (9.00h) e permanecerán no centro toda a xornada (ata as 14.30h e o luns tamén de 16.30h a 18.10h). Os días seguintes o alumnado continuará vindo ao centro no horario ordinario.

Para vir ao centro, xa dende o primeiro día, o alumnado de ESO con transporte subirá á liña que lle corresponde. Antes do inicio das clases confirmaráselle ao alumnado de Bacharelato se dispón de praza no transporte.

DISTRIBUCIÓN DO ALUMNADO POR NIVEIS

Todos os grupos terán docencia presencial, mantendo a distancia de seguridade na aula. Despois de realizar os desdobres correspondentes e reducir as ratios por aula, contamos coa seguinte distribución de grupos:

  • 6 grupos de 1º ESO
  • 6 grupos de 2º ESO
  • 5 grupos de 3º ESO
  • 4 grupos de 4º ESO
  • 3 grupos de 1º BACHARELATO
  • 2 grupos de 2º BACHARELATO

PROGRAMA DE ACOLLIDA

Polo momento, só é posíbel realizar reunións de acollida coas familias e alumnado de 1º ESO. Terán lugar o luns 21 pola tarde. Enviarase a convocatoria a través de Abalar e publicarase na páxina web.

Para o alumnado de 2º ESO en diante subirase toda a información á páxina web para que poidan consultala antes de comezar as clases.

Ademais, o día de inicio de curso cada grupo será recibido pola súa titora ou titor, quen lle explicará as cuestións relacionadas coa nova  organización e funcionamento do centro.

 

CALENDARIO DE ENTREGA DO FONDO DE LIBROS

Se lle foron adxudicados exemplares do fondo de libros (consultar aquí), deben recollelos nas seguintes datas e franxas horarias:

 

1º ESO

 

1º ESO - MÉRCORES 16 SETEMBRO

10-11h

de Albar a Buceta

11-12h

de Burgos a Chan

12-13h

de Da Costa a Filgueira

13-14h

de Gabarres a González

 

1º ESO - XOVES 17 SETEMBRO

10-11h

de Iglesias a Martínez

11-12h

de Moldes a Petrache

12-13h

de Rodríguez a Tomé

13-14h

de Torres a Villanueva

 

3º ESO

 

3º ESO - VENRES 18 SETEMBRO

10-11h

de Alonso a De Sousa

11-12h

de Delás a González

12-13h

de Jorge a Outeda

13-14h

de Pérez a Villanueva

 

4º ESO

 

 

4º ESO - LUNS 21 SETEMBRO

10-11h

de Albar a Da Silva

11-12h

de De La Fuente a Freijo

12-13h

de Gabián a Monserrate

13-14h

de Nieto a Yáñez

 

O alumnado de 2º ESO será informado a próxima semana de cando se realizará a entrega.

CARTA ABERTA ÁS FAMILIAS

Estimadas familias: 

A Dirección do IES de Poio, en relación coas noticias aparecidas durante a fin de semana nos medios de comunicación, quere informar sobre como se desenvolveron os acontecementos en relación coa organización do curso académico 2020/2021.

O 22 de xullo publícase o primeiro Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021

  • Este documento establecía que “3.1. Durante as clases en aulas nas que o alumnado se dispoña sentado en pupitres e todos orientados nun mesmo sentido, establecerase unha distancia física mínima de 1 metro sen uso de máscara”. 

Desta maneira, dende o centro organizamos os grupos e solicitamos profesorado en función desta directriz da Consellería de Educación.

O 31 de agosto publícase no portal educativo da Xunta un novo documento cunha actualización das medidas: Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Salud Pública (D.O.G nº 174 bis do 28-08-2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do Comité Clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021

  • Este documento, que é o que se atopa vixente a día 14 de setembro, indica que nos centros de Secundaria e Bacharelato “3.1A. De forma xeral, manterase unha distancia interpersonal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo.”
  • Establece agora que: “3.2. O uso da máscara será obrigatorio a partir dos 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersonal”.
  • E tamén dá as seguintes instrucións: “3.3A. Nas etapas de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional establécense as seguintes medidas de conformación das aulas:
    • a) Os postos escolares manterán unha distancia de 1,5 metros respecto de todos os postos que o rodeen medidos dende o centro da cadeira. Se fose preciso retirarase outro mobiliario como andeis ou colgadores que limiten o espazo dispoñible .
    • b) Os postos escolares estarán orientados nunha mesma dirección.
    • c) Cando o tamaño da aula non permita a distancia entre postos buscaranse espazos alternativos onde sexa posible gardar a distancia de 1,5 metros.
    • d) Cando non sexa posible ningunha das accións anteriores desdobrarase o grupo."

O 2 de setembro, ás 14.30h, recibimos confirmación por parte da Inspección de que debemos desdobrar os grupos para poder garantir a distancia de seguridade. As novas medidas supoñen unha completa reorganización do que xa estaba pechado a 31 de xullo, polo que o Equipo Directivo comeza a traballar na nova disposición das aulas, respectando o distanciamento de 1,5m. Isto require ocupar aulas específicas e solicitar máis profesorado.

O 4 de setembro, convócase unha Comisión de Coordinación Pedagóxica, que ratifica manter o turno de mañá no horario habitual e empregar as aulas específicas cando fose necesario para que fosen posibles os desdobres. Así, o Equipo Directivo a día 7 de setembro ten organizados todos os grupos do centro de maneira que se cumpra o distanciamento de seguridade nas aulas. Ademais, fai unha solicitude á Inspección Educativa do profesorado que necesita o centro para poder atender o incremento de grupos. Durante toda a semana pasada tamén se traballa na nova disposición das mesas en todas as aulas, con todo o desprazamento de mobiliario que iso supón. 

Diante desta situación, queremos informar de que, dende o 7 de setembro, este Equipo Directivo non conta con información oficial da Consellería de Educación a respecto da solicitude de profesorado que realizamos para poder cumprir o protocolo que a día de hoxe está aprobado e publicado no portal educativo da Xunta. Desta maneira, resúltanos imposíbel saber se a división de grupos que temos pode manterse e, polo tanto, non podemos afondar na organización do curso escolar.

Lamentamos a incerteza na que está sumida a comunidade educativa así como non poderlles ofrecer máis información sobre o inicio de curso, pero queremos manifestar que dende o centro educativo sempre se traballou arreo para iniciar o curso nas datas establecidas pola Consellería.

 

Poio, 14 de setembro de 2020

A Dirección do IES de Poio

ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DO FONDO DE LIBROS 2020/2021

Publicada a adxudicación definitiva de libros de texto para o curso 2020/2021.

MODIFICACIÓN DAS DATAS DE COMEZO DE CURSO

A Consellería de Educación publicou hoxe ás 14:18h o anuncio do aprazamento do inicio do curso para os días 23, 24 e 25 de setembro. Poden ler a comunicación oficial neste enlace.

En canto se confirme o profesorado co que contamos para o curso académico, a Dirección convocará as familias ás reunións informativas.

 

SOLICITUDE DE TRANSPORTE ESCOLAR PARA O ALUMNADO DE BACHARELATO

O alumnado que desexe empregar o transporte escolar gratuíto debe cubrir, asinar e enviar a solicitude xunto co documento das rutas ao correo electrónico do centro (ies.depoio@edu.xunta.gal). Estes documentos aparecen adxuntos nesta publicación. Data límite de entrega: 16 de setembro.

COMUNICADO ÁS FAMILIAS SOBRE O INICIO DE CURSO 2020/2021

Estimadas familias:

A Dirección do IES de POIO, preocupada pola incerteza coa que se está a desenvolver este inicio do curso 2020-2021, asinou esta mañá un escrito xunto coa dirección doutros institutos de ensinanza secundaria da contorna (Pontevedra, Vilalonga, Vilagarcía, Pontecaldelas, etc.) un escrito dirixido á Xefatura Territorial solicitando o aprazamento do inicio do período lectivo previsto para o 16, 17 e 18 de setembro.

Non está no noso ánimo introducir máis incertidume neste curso xa de por si complexo pero é necesario que o alumnado, as familias e toda a comunidade educativa coñeza a situación de incerteza na que estamos traballando.

A día de hoxe, 10 de setembro, cando queda menos dunha semana para o inicio oficial das clases, a dirección do IES de POIO non sabe con canto profesorado contaremos para este curso polo que é imposible organizar os grupos dentro de cada nivel da ensinanza obrigatoria e do bacharelato, o que impide á súa vez elaborar os horarios do curso.

As medidas que se foron concretando por parte da Consellería ó longo do verán levaron a este equipo directivo a organizar o curso nunhas condicións. Nembargantes, o traballo feito durante ese período tivo que ser desbotado a mediados da semana pasada coa chegada de novas instrucións a través da inspección educativa.  Esas novas condicións priorizaban manter a distancia de 1.5 m de separación entre o alumnado o que supoñía no noso centro educativo crear desdobres e buscar aulas onde poden instalar esos grupos, lembrando sempre que na medida do posible se mantivese o alumnado no horario que habitualmente ten o IES de POIO para evitar xerar conflictos horarios nas familias.

O luns 7 de setembro enviouse a información de que o centro podía manter o horario de mañá sacrificando aulas específicas e creando 9 desdobres para o que se necesitaría solicitar 8 profesores máis dos que normalmente solicita o centro.

Toda esta semana estivemos á espera dunha aceptación ou denegación das necesidades por parte da Consellería para poder levar a cabo as actividades propias dun inicio de curso: convocatoria de Comisión de Coordinación Pedagóxica, convocatoria de Claustro, convocatoria de Consello Escolar, reunións coas familias (que nestes momentos carecen de calquera tipo de información….), pero a 10 de setembro non temos confirmación de ningún tipo. A inspectora do centro mantén un contacto fluído co equipo directivo pero tamén carece das confirmacións necesarias para poder poñer en marcha este curso académico. Por todo o anteriormente mencionado, este equipo directivo acordou asinar a solicitude de aprazamento do inicio da clases.

Lamentamos non poder transmitir ás familias unha información clara e verídica sobre como van estar organizados os niveis e os grupos porque o descoñecemos.

Lamentamos non poder transmitir ás familias o Plan de Acollida do alumnado ó inicio de curso porque descoñecemos como vai estar agrupado ese alumnado.

Lamentamos non poder facilitar ás familias información relativa ó Plan de Adaptación ó Protocolo COVID porque boa parte dese plan (entradas, saídas, recreos, uso de biblioteca, servizo de cafetería, etc…) está vencellado á distribución dos grupos no centro educativo e non podemos confirmar dita distribución sen ter a confirmación do profesorado necesario.

Por último, lamentamos profundamente non saber se contamos cos recursos necesarios para poner en marcha o inicio do curso académico provocando máis incerteza e inquedanza nas familias e en toda a comunidade educativa.

Esperamos que esta situación se resolva á maior brevidade e poder poñernos en contacto con vostedes o antes posible para informalos das reunións de inicio de curso e poder así empezar o curso 2020-2021 nas mellores condicións.

 

En Poio, a 10 de setembro de 2020.

A Dirección do IES de POIO.

LUGAR E DATA DE CELEBRACIÓN DAS PROBAS PARA O PREMIO EXTRAORDINARIO DE BACHARELATO

Achégase a resolución do 4 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se procede a establecer os lugares en que se realizará a proba para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2019/20.

COMUNICADO SOBRE O INICIO DE CURSO

Estimadas familias,

O inicio do curso 2020-2021 é inminente e poñémonos en contacto con vós para informarvos que nestes primeiros días do mes de setembro a comunidade educativa do IES de POIO revisará o “PLAN DE ADAPTACIÓN Á SITUACIÓN COVID-19 NO CURSO 2020-2021” que se redactou seguindo as instrucións da Consellería de Educación e no que se recollen tódalas medidas de seguridade recomendadas polas autoridades educativas e sanitarias.

Dadas as cambiantes circunstancias nas que estamos traballando, as modificacións de dito plan estanse facendo ata última hora. Nembargantes, antes do inicio da actividades lectivas e, tan pronto como a comunidade educativa o aprobe, convocarase vía a aplicación ABALAR MÓBIL ás familias a reunións nas que se informará das concrecións do devandito plan e resolverán as dúbidas que poidan ter.

Atentamente,

A Dirección do IES de POIO

 

Tamén poden atopar o comunicado no documento adxunto.

Distribuir contido


by Dr. Radut