Skip to Content

Admisión alumnado - Curso 2024/2025

 

Rematado o procedemento de reserva de postos escolares para o alumnado procedente dos centros adscritos (CEIP Gonzalo Torrente Ballester e CEIP Emilio González López para 1ºESO e IES de Carral para 1º de Bacharelato), informamos que os postos dispoñibles en 1º ESO e 1º de Bacharelato no IES David Buján para o curso escolar 2024-2025 son suficientes para atender todas as solicitudes presentadas en prazo.

O alumnado de Economía 1º bach. visita as instalacións do Grupo Inditex

21/02/2024: O alumnado de Economía 1º bach. visita as instalacións do Grupo Inditex no Polígono de Sabón (Arteixo).

Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio 2024

 

Poderán presentarse aos ciclos formativos de FP de grao medio as/os que non cumpran os requisitos académicos e teñan 17 anos ou os fagan neste ano.

 PRAZOS:

O prazo de presentación da solicitude para o grao medio estará abranguido entre os días 26 febreiro e 8 de marzo de 2024, ambos os dous incluídos.

Toda a información para a inscrición, aquí.

Teatro-foro: Vestido de voda

Hoxe, 19 de febreiro de 2024, o alumnado de 4º de ESO e 1º de bacharelato asistiron no noso salón de actos á representación de Vestido de voda, de Vanessa Rivas. Este acto enmárcase no Festival Muller á Escena, organizado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. Agradecemos ao concello de Cambre a inclusión do noso instituto na programación deste festival.

 

Concurso: "Sabes quen son?"

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

CONCURSO: SABES QUEN SON?

Con motivo desta conmemoración, os departamentos de ciencias do IES David Buján organizamos o concurso “Sabes quen son?” no que haberá que contestar preguntas sobre mulleres científicas moi relevantes nas súas investigacións pero que non son tan coñecidas como deberían.

 

O concurso terá dúas fases:

 

1ª Fase: Contestar ao cuestionario en liña

Durante a semana do 19 ao 23 de febreiro estará dispoñible un cuestionario ao que se pode acceder a través desta ligazón ou co código QR que se amosa a continuación.

 

2º Fase: Gran final: Concurso por equipos


Quen acade maior puntuación pasará á final. Será un concurso co formato “Quen quere ser millonario?” que se realizará durante a seguinte semana. Participarán os grupos do alumnado finalista, que poderá formar un equipo para conseguir o triunfo e gañar premios especiais.

 

Animádevos!

 

AQUÍ TAMÉN SE FALA

IES Rafael Dieste da Coruña lanzou no curso pasado unha campaña de dinamización da lingua galega. Este ano, na segunda edición, a actividade estase estendendo coma a pólvora e xa somos máis de 180 centros que nos sumamos á campaña. 

Aquí tamén se fala! é o título da campaña e é o alumnado dos centros o que fai exercer de dinamizador lingüístico no seu medio, achegando os carteis da campaña aos comercios, aos talleres, aos supermercados, ás librarías, aos bares... a todos os lugares da súa zona máis próxima, para así estenderen a mensaxe. 

Este traballo, coordinado co IES Afonso X O Sabio, permitirá chegar a todos os recunchos do concello e visibilizar deste xeito que Aquí tamén se fala galego!

Nesta ligazón está toda a información da campaña: Aquí tamén se fala!

 

 

     

 

Teatro en inglés

O pasado xoves 18 de xaneiro, alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO asisitiu a unha obra de teatro en inglés, "I Spy, I Spy", celebrada no auditorio de Afundación. Foi unha experiencia divertida e inesquecible para todxs. Esperamos poder repetila no futuro. 
Grazas pola vosa colaboración e bo comportamento.

Obradoiro "amores que molan"

Esta mañá do 2 de febreiro o alumnado de Psicoloxía de 2º de bacharelato, en compañía dos grupos de Afondamento en Historia da Filosofía e Afondamento en Lingua Galega e Literatura participaron nun obradoiro organizado no marco do Contrato Programa Iguála-T.

O obradoiro foi impartido pola Cooperativa Aventeira e nel tivemos ocasión de debater sobre os modelos de relación que temos e os que soñamos, desmontando os mitos do amor romántico, reflexionando criticamente sobre a orixe e consecuencia dos celos na parella, e aprendendo ferramentas de comunicación non violenta que nos axuden a vincularnos de forma máis respectuosa, igualitaria e sa.

 

obradoiro amores que molan

A candeloria, 2 de febreiro

candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra, di tamén a cultura popular), no momento en que  xa é evidente que medran os días e a natureza comeza a prepararse para  o estourido de vida que está a chegar.

Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. 

A voda dos paxariños

A partir da candeloria, ningunha ave voa soa,  di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación! (Tirado do Portal das Palabras)  

Concurso refráns

Para festexar esta data o EDLG convoca un concurso de refráns da Candeloria e outros.

A ver que sabe máis e é máis rápido!! Os primeiros terán premios (puntos, bocatas, ...)!!

 

Anímate a participa

Lembra pór o teu nome, apelido, curso e aula. Se cadra debes darlle antes a Esse não sou eu.

Na catedral do abrente

hoxe cásanse os paxaros,

con nubens de neve e ouro

está o ceo galanado.

 

Ficou o día ancorado

na ría donda do ceo.

Os roibéns soben no lonxe

como rosarios de encenso.

 

O xantar do casamento,

roibo, na palma da man

das eiras madrugadoras

xa está arranxado no val.

 

Vai tocando polo campo

a súa zanfona o rego

e canta o vento nas farpas

sonorosas dos piñeiros.

 

O campo as montanas ruzas

envolve en capa pluvial

co hisopo do sol mollado

dálles a beizón nupcial.

 

Do casebre nugallán

soben os vivas dos galos

e na festa desta noite

 

estrena un luar o campo.

soben os vivas dos galos

e na festa desta noite

 

estrena un luar o campo.

 

                       Luís Amado Carballo, Proel (1927)

Visita ás instalacións de Pull&Bear do alumnado de Economía de 2º bach.

O 30/01/2024, o alumnado de 2º bach. que cursa a materia EDMN (Empresa e Deseño de Modelos de Negocio) tiveron a oportunidade de facer unha visita guiada ás instalacións de Pull&Bear en Narón (Grupo Inditex).

Distribuir contido


by Dr. Radut