Skip to Content

Novas portal educativo

Distribuir contido
Actualizado: hace 17 horas 3 min

Os centros de FP xa poden solicitar incorporar novos espazos de tecnoloxía aplicada e emprendemento

Dom, 28/01/2024 - 10:05

Summary: 

A Xunta destina 2,5M€ a estas iniciativas que transformarán 138 aulas e talleres

O obxectivo é mellorar a cualificación dos alumnos destas ensinanzas, permitíndolles a simulación de contornas laborais e canalizando iniciativas emprendedoras

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata os días 19 e 20 de febreiro

Idioma Gallego

Os centros de FP poden solicitar xa incorporar novos espazos de tecnoloxía aplicada e aulas de emprendemento. A Xunta vén de publicar no Portal Educativo estas convocatorias, que teñen como obxectivo mellorar as perspectivas laborais dos estudante facilitándolles entrar en contacto con elementos e ferramentas tecnolóxicas que se empregan nas empresas e fomentando o emprendemento.

Ambas iniciativas entroncan cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia, as follas de ruta do Goberno galego para continuar consolidando estas ensinanzas ao longo da década.

Simular contornas laborais

No caso dos espazos de tecnoloxía aplicada, a convocatoria conta cun orzamento total de máis de 2M€ para transformar 38 aulas nestes espazos, cunha achega de 55.000€ para cada un deles.

A través deste programa, os centros de FP poden dotar as súas aulas con ferramentas e elementos que simulan as contornas laborais, nas que se poden empregar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, incorporando recursos apoiados en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais.

Así, os espazos están dotados de equipamento como impresoras 3D, sistemas de realidades inmersivas e de realidade mixta/virtual, sistemas holográficos, recursos de intelixencia artificial aplicada ou equipos informáticos de altas prestacións, entre outros, en función das especialidades e familias profesionais.

O obxectivo é reforzar a conexión das ensinanzas de FP coa realidade dos centros de traballo e dinamizar a transferencia tecnolóxica entre os centros e o tecido produtivo. Un centro educativo poderá presentar máis dun proxecto de creación de espazo de tecnoloxía aplicada. Neste caso deberá presentar unha instancia de solicitude por cada un deles. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de febreiro de 2024.

Fomento do emprendemento

As aulas de emprendemento procuran fomentar o espírito emprendedor e canalizar as iniciativas do alumnado, proporcionando orientación para a materialización das súas ideas, así como a participación en proxectos con outras entidades e organizacións.

Nestes espazos desenvólvense accións formativas, de asesoramento e de desenvolvemento dos estudos e informes previos á posta en marcha de proxectos empresariais. Trátase, polo tanto, dun soporte organizativo, técnico e de infraestruturas nas fases iniciais dos proxectos emprendedores para crear un marco de fomento e desenvolvemento de startups.

No caso de que un proxecto alcanzase un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha e requirise dun espazo para o seu desenvolvemento, desde a aula faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro da Rede galega de viveiros de empresa en centros educativos.

Ademais, cada centro deseña actividades específicas relacionadas cos sectores produtivos do ámbito de actuación do centro, o que favorece un maior acercamento á realidade empresarial, propiciando, entre outras actuacións, encontros con persoas empresarias e desprazamentos á empresas para coñecer de primeira man o funcionamento das mesmas.

A través desta convocatoria crearanse un total de 100 aulas de emprendemento para o que recibirán unha achega de 5.000€. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 20 de febreiro de 2024.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Román Rodríguez felicita o profesorado galego por ser unha referencia estatal contra o abandono escolar

Sáb, 27/01/2024 - 10:09

Summary: 

Salienta o labor dos docentes que, na procura do mellor para o alumnado, converten a Galicia nunha das comunidades cunha menor taxa de abandono temperá

Lembra que os datos oficiais coñecidos onte sitúan a Galicia en mínimos históricos cun 8,8%, é dicir, case cinco puntos mellor que a media de España de 13,6%

Anima a “imitar o modelo de ensino galego”, pois mentres España segue incumprindo o obxectivo da UE para 2020, Galicia adiántase sete anos e xa cumpre o de 2030

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, felicitou hoxe o profesorado galego por ser unha referencia a nivel estatal na loita contra o abandono escolar, logo de coñecer os datos oficiais que sitúan a Galicia en mínimos históricos, cunha redución progresiva desta taxa ata o 8,8%.

Nunha valoración aos medios de comunicación en Ferrol, o titular de Educación da Xunta de Galicia salientou que o traballo dos docentes ao longo dos anos converte hoxe a Galicia unha das comunidades autónomas cunha menor cifra de abandono. En concreto, o rexistro de Galicia está case cinco puntos por debaixo do 13,6% da media de España, que onte fixo público o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.

Isto supón, como lembrou o conselleiro, que Galicia se adianta sete anos ao obxectivo do 9% fixado pola Unión Europea para 2030, dado que xa o cumpre en 2023. Pola contra, e a pesares da boa marcha de comunidades como Galicia, España continúa incumprindo, tres anos despois, o obxectivo da UE para 2020, que instaba a reducilo entón a un 10%.

Á vista destas cifras, Román Rodríguez animou a “imitar o modelo galego e interesarse polo traballo que desenvolven os profesionais galegos nos centros educativos” a través de iniciativas de orientación, reforzo das competencias, especial atención a quen máis o precisa, convivencia escolar ou fomento dos itinerarios personalizados na FP.

O dato do abandono escolar súmase aos informes oficiais publicados nas últimas semanas e que sitúan ao sistema educativo galego nunha posición destacada. É o caso do informe do Ministerio que conclúe que Galicia é a comunidade onde máis mellorou o nivel de estudos da poboación en 20 anos; o informe PISA, que coloca a Galicia no posto 12 a nivel internacional fronte ao 28 de España, con liderado en ciencias e equidade, ou o estudo referencial de EF que revela que o alumnado galego ten o mellor nivel de inglés xunto co asturiano.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Galicia reduce ata o 8,8 % o abandono escolar e adiántase sete anos ao obxectivo do 9% fixado pola UE para o ano 2030

Ven, 26/01/2024 - 10:14

Summary: 

Desde o ano 2009, cando se rexistrou un 25,8, o abandono temperá en Galicia reduciuse en 17 puntos

A Consellería de Educación subliña que os plans de reforzo académico, de atención á diversidade, de orientación e de impulso da FP Básica son esenciais neste resultado

A Xunta agradece o traballo e a implicación do conxunto do profesorado galego e dos equipos directivos como un piar fundamental para a consecución deste éxito

Idioma Gallego

Galicia reduce ata o 8,8 % o taxa de abandono educativo temperá correspondente ao ano 2023 e adiántase sete anos ao cumprimento do obxectivo do 9 % fixado pola Unión Europea para o ano 2030. Así o confirman os datos do Instituto Galego de Estatística, á falta de coñecer as cifras comparativas con España e co resto das comunidades autónomas. 

Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8), o abandono temperá en Galicia reduciuse en 17 puntos, ao abeiro de programas de mellora impulsados desde o Goberno galego que fan fincapé en piares fundamentais como son o reforzo das competencias académicas con especial atención a quen máis o precisa, o fomento do bo clima nas aulas, o labor de orientación a través do cal se acompaña ao alumno na elección dun itinerario formativo que o conduza ao éxito e o reforzo da FP Básica como garantía dunha saída profesional para aqueles mozos que teñen máis risco de desligarse do sistema escolar. O abandono temperá refírese ao alumnado que decide non continuar os seus estudos tras rematar a etapa de Secundaria Obrigatoria.  

Reforzo competencial e orientación

No que atinxe ao reforzo competencial, cómpre subliñar que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva anos implementando distintos plans de reforzo e atención ao alumnado nas etapas de Primaria e de ESO co fin de que, logo de concluír as etapas formativas obrigatorias, os alumnos se sintan atraídos por continuar a súa formación académica a través do Bacharelato ou da FF.  

A este obxectivo responden accións como o Programa PROA (de Reforzo, Orientación e Apoio), o Programa Acompaña de incorporación de docentes de apoio para a atención á diversidade ou a liña Quéda-T dentro dos Contratos-Programa, a través do cal se dá apoio aos centros para que organicen medidas específicas de índole pedagóxica ou organizativa para a prevención e redución do abandono temperá, especialmente no caso do alumnado en situación de vulnerabilidade.  

Tamén destacar o reforzo da orientación académica como unha liña de traballo na que desde os institutos se acompaña aos estudantes na elección dos itinerarios formativos que mellor encaixen coas súas inquedanzas de futuro. Neste senso, cómpre lembrar tamén a posta en marcha no curso 2021/22 da Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, coñecida como RAOGAL, un programa concibido para apoiar ao alumnado máis vulnerable e que duplicou recursos nestes tes anos de funcionamento.  

Outra das fortalezas do sistema educativo galego é a Formación Profesional como unha saída educativa de primeiro nivel para a mocidade que se veu reforzada nos últimos anos coa constante ampliación de prazas, o reforzo da oferta con titulacións máis atractivas e a aposta pola especialización que fai que estas ensinanzas sexan a opción prioritaria para moitos alumnos.  

Agradecemento á comunidade escolar

A Xunta recoñece o labor do conxunto da comunidade educativa neste bo resultado, especialmente no que atinxe ao esforzo e implicación do profesorado galego e dos equipos directivos dos centros. Non en balde, son quen aplican no día a día na escola todo o abano de programas e ferramentas que a Consellería pon á súa disposición.

Desde o departamento educativo do Goberno galego seguirase a traballar no desenvolvemento de políticas educativas que reforcen o ensino galego como un dos mellores tal e como avalan informes internacionais como PISA (onde Galicia ocupa o posto 12 a nivel internacional e o conxunto de España o 28), as estatísticas do Ministerio de Educación e mesmo informes de entidades nas que participan as organizacións sindicais.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Preto de 200 alumnos galegos de hostalaría de oito centros de formación profesional participan en Fitur

Ven, 26/01/2024 - 10:11
Idioma Gallego

Preto de 200 alumnos que cursan ciclos da familia profesional de Hostalaría e turismo de oito centros educativos de Galicia participan estes días na Feira Internacional de Turismo Fitur. A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, saudou esta mañá á delegación galega neste evento e interesouse pola experiencia que estes alumnos están vivindo.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades agradeceu tamén aos profesores que os acompañan a súa implicación na formación do alumnado e o seu apoio á participación neste tipo de citas. O equipo da FP galega en Fitur está conformado polos institutos IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e Sanxillao (Lugo), e polos centros integrados de FP CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Compostela (Santiago), A Farixa (Ourense), Vilamarín (Vilamarín), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo).

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

A Xunta convoca oposicións de ensino público para 1743 prazas en máis de medio cento de especialidades

Xov, 25/01/2024 - 13:42

Summary: 

Rueda dá a coñecer que as probas se celebrarán a partir do sábado 22 de xuño, unha vez remate o curso escolar

Precisa que haberá 1512 prazas, o 86 % de novo ingreso, e as 231 restantes serán de promoción interna aos corpos de ensino secundario e de inspectores

Das de acceso libre 520 son de mestres, 875 de profesores de ensino secundario, 84 de especialistas en sectores singulares da FP e 33 de docentes de escolas de idiomas

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a través da Oferta Emprego Público docente de 2024, o Goberno galego convocará un total de 1743 prazas este ano para máis de medio cento de especialidades. “É a OPE máis alta dos últimos cinco anos”, salientou o mandatario galego, quen precisou que as probas celebraranse a partir do sábado 22 de xuño, unha vez remate o curso escolar.

O obxectivo desta convocatoria é consolidar a estabilidade do que é o piar do sistema educativo público, os docentes, co obxecto de seguir aumentando o número de mestres no ensino e mellorar a atención dos alumnado. Non en balde, segundo salientou o presidente da Xunta, das 1743 prazas, un total de 1512, o 86 %, son de novo ingreso. Delas, segundo precisou, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas.

A maiores, as oposicións permiten ao profesorado avanzar na súa carreira docente. Deste xeito, Rueda avanzou que as 231 prazas restante son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220) ou ao de inspectores de educación (11).

Tanto o decreto de oferta de emprego público como as convocatorias foron presentadas ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial, onde se analizou a distribución por especialidades, a reflectida nas seguintes táboas:

Corpo de mestres

520 prazas, oito especialidades

Especialidades

Prazas

Educación Infantil

50

Lingua Estranxeira: Inglés

65

Lingua Estranxeira: Francés

50

Educación Física

40

Música

20

Pedagoxía Terapéutica

110

Audición e Linguaxe

80

Educación Primaria

105

 

Corpo de profesores de ensino secundario

875 prazas, 34 especialidades

Especialidades

Prazas

Filosofía

24

Latín

10

Lingua Castelá e Literatura

36

Xeografía e Historia

29

Matemáticas

24

Física e Química

20

Bioloxía e Xeoloxía

10

Debuxo

15

Francés

10

Inglés

80

Música

10

Educación Física

46

Orientación Educativa

21

Tecnoloxía

60

Lingua Galega e Literatura

80

Economía

22

Administracións de Empresas

15

Formación e Orientación Laboral

20

Informática

50

Intervención sociocomunitaria

22

Organización e Xestión Comercial

17

Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos

19

Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica

20

Procesos de produción agraria

11

Sistemas Electrotécnicos e Automáticos

16

Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos

10

Instalacións electrotécnicas

18

Operacións e equipamentos de produción agraria

10

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico

13

Procedementos sanitarios e asistenciais

18

Procesos comerciais

11

Procesos de xestión administrativa

25

Sistemas e aplicacións informáticas

65

Equipos electrónicos

18

 

Corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP

84 prazas en cinco especialidades

Especialidades

Prazas

Cociña e pastelería

10

Fabricación e instalación de carpintería e moble

11

Mantemento de vehículos

25

Mecanizado e mantemento de máquinas

28

Soldadura

10

 

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas

33 prazas en catro especialidades

Especialidades

Prazas

Francés

9

Galego

7

Inglés

13

Portugués

4

 

Acceso ao corpo de Inspectores de Educación

Especialidade

Prazas

Inspección Educativa

11

 

Acceso do Subgrupo A2 ao Subgrupo A1 ao corpo de profesores de ensino secundario

Especialidades

Prazas

Filosofía

6

Latín

2

Lingua Castelá e Literatura

9

Xeografía e Historia

7

Matemáticas

6

Física e Química

5

Bioloxía e Xeoloxía

2

Debuxo

4

Francés

2

Inglés

20

Música

2

Educación Física

12

Orientación Educativa

5

Tecnoloxía

15

Lingua Galega e Literatura

20

Economía

6

Administracións de Empresas

4

Formación e Orientación Laboral

5

Informática

13

Intervención sociocomunitaria

6

Organización e Xestión Comercial

5

Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos

5

Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica

5

Procesos de produción agraria

3

Sistemas Electrotécnicos e Automáticos

4

Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos

2

Instalacións electrotécnicas

5

Operacións e equipamentos de produción agraria

2

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico

3

Procedementos sanitarios e asistenciais

5

Procesos comerciais

3

Procesos de xestión administrativa

6

Sistemas e aplicacións informáticas

16

Equipos electrónicos

5

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

A Xunta daralle o nome de Domingo Villar ao novo instituto de Navia, que contará cun orzamento de 14M€

Xov, 25/01/2024 - 13:18

Summary: 

O Consello acórdao tras analizar o convenio entre a Consellería de Educación e o Concello de Vigo para a creación deste centro

O Goberno galego ten comprometidos 14M€ para a construción do instituto, o primeiro que se axustará aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Estase redactando o proxecto e a previsión é licitar as obras ao longo de 2024, en canto o proxecto estea supervisado e asinado o convenio co Concello para a cesión dos terreos

Os espazos serán flexibles e polivalentes e o edificio reducirá o consumo en aproximadamente un 30% respecto de outros similares

Idioma Gallego

O novo instituto IES de Navia levará o nome do escritor Domingo Villar, finado en maio de 2022. O obxectivo é render homenaxe ao autor vigués, dándolle o seu nome a un centro no que se formarán as futuras xeracións da cidade da oliveira. Cómpre salientar, ademais, que Villar é un dos autores máis lidos nos Clubs de Lectura das bibliotecas escolares, dado que logrou crear unha gran conexión co público xuvenil.

Así o acordou hoxe o Consello da Xunta, que tamén analizou o convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o Concello de Vigo para a creación deste centro, logo de que o Concello dera ok o martes á proposta remitida pola Consellería. Ao abeiro deste documento, o Goberno galego construirá o centro cun orzamento aproximado de 14M€ (á espera do proxecto definitivo), unha cifra moi superior ao inicialmente previsto. A Consellería ten un compromiso orzamentario inicial por anualidades de 103.769,45€ para 2024, 6.761.639€ para 2025 e 6.761.639€ para 2026.

Nestes momentos, estase redactando o proxecto de construción do novo Instituto IES de Navia, logo de que a Xunta adxudicara dita encarga en novembro de 2023 á UTE formada polas empresas Iglesias y Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectes, por un importe de 328.000€. A previsión é licitar as obras ao longo de 2024, en canto o proxecto estea supervisado e asinado o convenio co concello para a cesión dos terreos.

Pola súa banda, o Concello de Vigo comprométese no convenio a axilizar todos os trámites municipais de posta a disposición dos terreos necesarios (unha parcela de 12.576m² totais no barrio de Navia), concesión de licenzas de obras, primeira ocupación e actividade, unha vez comprobada a adecuación do proxecto á normativa técnica e urbanística de aplicación, e o axuste das obras a licencia outorgada.

O novo instituto, que atenderá as necesidades educativas derivadas da dinámica poboacional nunha área de expansión como é o barrio de Navia, deseñarase seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos. Será o primeiro instituto construído en base a estes parámetros.

Integrado na natureza

De acordo co plan funcional inicial, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m². Dividirase en catro plantas (semisoto, planta baixa e dúas plantas altas), aproveitando a pendente da parcela e integrándose coa natureza. A cafetería e os ximnasios sitúanse como espazos conectados en volumes independentes, con porche exterior. A superficie útil total é de 7.177,72 m².

O edificio principal contará cun gran vestíbulo multifuncional, ágora exterior e interior, foros, aulas de ESO e Bacharelato e de desdobre, biblioteca, zonas de taquillas, aseos, sala de profesores e local para a anpa, zona de instalacións e aulas específicas (maker, de música, de tecnoloxía, laboratorios, seminarios...).

O proxecto integra a masa arbórea de especies autóctonas que hai ao norte da parcela como eixo vertebrador das circulacións do centro. Os espazos exteriores ocupan 8.018,89 m² e están compostos polos bosque, o patio cuberto e a pista deportiva descuberta, ademais dun patio verde.

Espazos flexibles e polivalentes

Seguindo o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a organización espacial está pensada para que as distintas áreas funcionais fomenten a autonomía do alumnado e, ao mesmo tempo, lugares de encontro para os estudantes de diversos ciclos. Propóñense espazos docentes acolledores e interactivos, que fomenten novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables.

Todas as aulas do mesmo ciclo agrúpanse e permiten, mediante a apertura de tabiques móbiles, a unificación ou separación de dous espazos. Ademais, establécense secuencias de espazos conformando paisaxes de aprendizaxe, a modo de foros, espazos polivalentes centrais comúns que permiten expandir tanto as aulas como os espazos de apoio ou desdobre para poder compartir traballos ou experiencias.

Redución do 30% no consumo

En canto aos elementos construtivos, as cubertas serán inclinadas de chapa sándwich de aceiro lacado e alma illante sobre subestrutura con rotura de ponte térmica e as fachadas, de prefabricados de formigón armado branco de 12cm de espesor anclada con perfís de aceiro galvanizado ou inoxidables e outra tipo SATE, segundo a zona. As fiestras serán de aluminio con rotura de ponte térmica de altas prestacións, con acristalamentos dobres con factor solar e illamento acústico.

O edificio construirase con criterios de aforro enerxético, baseado en elevados niveis de illamento en todos os elementos, mediante un sistema construtivo que garante o illamento continuo en toda a envolvente, control de infiltracións de aire e optimización das ganancias solares mediante unha óptima orientación. Deste xeito, preténdese reducir nun 30% o consumo enerxético respecto de edificios similares.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

A Xunta destaca desde Ponteceso o potencial das escolas rurais dentro do sistema educativo galego

Xov, 25/01/2024 - 11:13

Summary: 

O director xeral de Centros da Consellería coñece de primeira man as iniciativas e as boas prácticas que desenvolve o Centro Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro

Idioma Gallego

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Jesús Álvarez, destaca o potencial das escolas rurais dentro do sistema educativo galego tanto no eido académico, cun ensino de calidade e coas mesmas oportunidades que nos ámbitos urbanos, como no eido social e de servizos.

Así o salientou esta mañá durante unha visita ao Centro Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro, en Ponteceso, onde puido comprobar de primeira man todas as iniciativas educativas que se desenvolven neste centro que dá servizo aos concellos de Ponteceso, Malpica de Bergantiños e Cabana de Bergantiños a través de sete lugares de docencia que aglutinan 42 alumnos (19 de Infantil e 23 de Primaria).

Segundo o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, este colexio rural “é a proba evidente de que en Galicia o ensino do rural e do urbano están en pé de igualdade, con acceso aos mesmos programas innovadores”. Non en balde, o CRA Nosa Señora do Faro é pioneiro na incorporación das novas tecnoloxías á educación e participa activamente en programas da Xunta como o Club de Ciencias, os Contratos-Programa tanto na modalidade CPInclúe como CPInnova ou noutros como o Club de Lectura. Ademais conta con Polo Creativo e é centro plurilingüe.

Desde o 2002 leva participando en diversos programas europeos vinculados á innovación educativa (ICT Program, Minerva, Comenius...). Así mesmo, no curso 2005 foi o primeiro centro de Primaria a nivel nacional certificado en calidade educativa pola ISO 9001 por Aenor, certificación que renova cada ano a través de auditorías internas e externas.

Ademais, mantén unha colaboración estreita coas universidades galegas e coa Fundación Princesa de Girona no eido de programas de mestres en prácticas e formación en novas metodoloxías.  

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Arranca a colocación de 1.242 puntos laranxa contra o acoso escolar nos centros educativos galegos

Mér, 24/01/2024 - 13:53

Summary: 

Funcionan como un buzón no que o alumnado, desde o absoluto anonimato, pode trasladar situacións de acoso propias ou que perciban en terceiros

Román Rodríguez reivindica a “tolerancia cero” ante calquera conduta contraria a convivencia e a implicación “de toda a sociedade nesta tarefa de país”

Idioma Gallego

Coincidindo co Día Internacional da Educación, arranca a colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar que nas próximas semanas chegarán ao cen por cen dos colexios e institutos galegos sostidos con fondos públicos. Trátase dunha iniciativa desenvolvida ao abeiro do Plan Integral contra estas condutas impulsado pola Xunta de Galicia co fin de blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que os centros escolares conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio CEIP Xoaquín Loriga de Lalín, onde foi habilitado o primeiro destes puntos á disposición do alumnado, e que ademais dos centros educativos, tamén está previsto que se instalen nos Espazos Xoves e nas residencias xuvenís e de estudantes.

O titular de Educación do Goberno galego aproveitou a visita ao centro para reivindicar a “tolerancia cero” ate calquera conduta contraria á convivencia e reclamou a implicación do conxunto da sociedade “nesta tarefa de país que require do compromiso de todos e cada un de nós”.

Puntos físicos e virtuais

Estes puntos laranxascontra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través dos webs de cada un dos centros educativos. Ademais, contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles.

O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.

Para xestionar este buzón, en cada centro educativo constitúese un equipo de actuación contra o acoso escolar integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e a persoa orientadora do centro.

Deste xeito, o alumnado conta cun equipo de referencia ao que dirixirse en caso de que o precise. Ademais, no novo Protocolo educativo para a prevención, a detección e o tratamento do acoso e do ciberacoso escolar recentemente actualizado, establécese un procedemento de intervención ante os posibles casos que se coñezan por esta vía.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

A directora xeral de FP destaca a aposta de Nervión Naval Offshore pola formación dual de 46 alumnos en colaboración con catro centros de Ferrolterra

Mér, 24/01/2024 - 13:50

Summary: 

Eugenia Pérez visita as instalacións desta firma especializada en estruturas eólicas onde alumnado dos ciclos de soldadura, mecatrónica, fabricación mecánica, transporte e administración realizará a súa formación práctica a partir de marzo

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá as instalacións da empresa Nervión Naval Offshore nas Somozas, para coñecer a nova planta de compoñentes de eólica mariña onde 46 alumnos de FP Dual de catro centros da comarca de Ferrolterra van desenvolver a súa formación práctica a partir de marzo.

Na visita, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades estivo acompañada de responsables das direccións dos institutos IES Castro da Uz (As Pontes) e IES de Fene e dos centros integrados de FP CIFP Ferrolterra e Rodolfo Ucha (ambos en Ferrol), así como dos alumnos destes centros que dentro de algo máis dun mes van comezar a formarse nas instalacións da citada empresa grazas ao convenio asinado en 2023 entre a Xunta de Galicia e esta firma especializada en fabricación e ensamblaxe de estruturas fixas e flotantes para a eólica mariña. Trátase de estudantes de FP Dual dos ciclos medios de Soldadura e caldeiraría, Mecatrónica industrial e Deseño en fabricación mecánica e dos ciclos superiores de Deseño en Fabricación mecánica, Mecatrónica, Administración e finanzas e Transporte e loxística.

A directora xeral de FP da Xunta subliñou a “oportunidade” para que estes alumnos poidan combinar as súas actividades académicas con formación práctica nunha empresa de referencia do sector e na súa nova planta de compoñentes de eólica mariña que acaba de poñer en funcionamento no polígono industrial das Somozas. Tamén agradeceu a implicación desta empresa coa aposta da Xunta polo impulso da FP e avanzou que esta colaboración vaise ver reforzada aínda máis no futuro “con novos proxectos que darán continuidade aos xa existentes”.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Expertos de España, Francia, Italia e Tunisia afondan sobre a arte e o deseño nas VII Xornadas Bisiona organizadas pola escola Pablo Picasso da Coruña

Mér, 24/01/2024 - 10:00
Idioma Gallego

Máis dunha ducia de expertos do ámbito artístico e musical de España, Francia, Italia e Tunisia danse cita desde hoxe ata o venres na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña para impulsar estas ensinanzas no marco das VII Xornada Bisiona que cada ano organiza este centro.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, foi a encargada de inaugurar as xornadas nas que haberá unha serie de relatorios que abranguen todas as especialidades académicas que se imparten nesta escola. Trátase de charlas gratuítas abertas ao público ata completar aforo, aínda que con prioridade de acceso ao alumnado do centro. Ademais, na edición deste ano, a Pablo Picasso conta coa colaboración do Conservatorio Superior de Música da Coruña que, ao longo destes tres días, aproveitando os descansos das charlas, ofrecerá diferentes actuacións coa interpretación de obras do repertorio clásico contemporáneo.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Unha delegación de profesores de Asturias visita Galicia para coñecer o funcionamento do modelo de bibliotecas escolares como exemplo a seguir

Mar, 23/01/2024 - 12:04

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompaña ao grupo nunha visita ao Colexio CEIP de Chancelas

Idioma Gallego

Unha delegación de Asturias visitan estes días Galicia para coñecer o funcionamento do modelo de bibliotecas escolares do sistema educativo galego como un exemplo a seguir. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompañou aos 24 mestres de 14 centros asturianos nunha visita ao Colexio CEIP de Chancelas, en Poio, moi implicada en distintos programas educativos ao abeiro do Plan de mellora de bibliotecas escolares da Xunta de Galicia, Plambe, do que forma parte este centro desde o ano 2016.

Os docentes da comunidade veciña teñen iniciado un proceso de dinamización das súas bibliotecas, polo que esta visita responde ao obxectivo de compartir experiencias e formarse sobre os distintos programas asociados ao Plambe como Biblioteca Creativa, Radio na Biblio, Lectura e Familias ou Club de Lectura, entre outros. Ademais, este centro levou a cabo unha importante transformación física da súa biblioteca, un espazo que inclúe emisora de radio e plató de televisión. Ademais, está dotada con importante equipamento innovador como impresoras 3D e materiais de deseño, construción e robótica. 

Ademais do Colexio de Chancelas, tamén coñecerán o funcionamento destes programas no Colexio CEIP da Lama, de Meaño-Covas e do Instituto IES Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Colexios de Salvaterra, Tui, Xinzo de Limia e Verín compartirán actividades con centros portugueses a través do novo programa Escolas de Fronteira

Mar, 23/01/2024 - 08:26

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reúnese cos seis centros participantes na iniciativa
 

O obxectivo é promover o desenvolvemento de competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos dos dous países
 

O proxecto piloto desenvolverase ao longo deste curso escolar, no transcurso do que os centros galegos e lusos deberán facer un proxecto educativo en conxunto
 

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse hoxe con representantes dos seis centros educativos que participan no novo programa Escolas de fronteira, a través do que a Xunta de promove as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.

Neste primeiro curso, participan na iniciativa un total de seis centros que implementaron nos pasados anos accións con centros portugueses. Trátase dos colexios CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra do Miño), CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), CEIP Princesa de España (Verín) e CEIP Plurilingüe Amaro Refojo (Verín).

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitounos pola súa disposición a formar parte desta iniciativa piloto e polo seu interese por tecer redes educativas e culturais cos centros do país veciño. Así mesmo, interesouse polos proxectos desenvolvidos en cursos anteriores en colaboración con centros lusos.

Proxecto conxunto

Escolas de Fronteira busca promover actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. Para iso, faranse actividades interdisciplinarias que engloben as realidades de ambos os países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan as escolas. Cada centro participante realizará un proxecto en conxunto co seu centro espello portugués e promoverase a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.

Tamén se impulsará a formación do profesorado. De feito, os docentes encargados do proxecto de cada centro participante realizarán unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais.

A iniciativa enmárcase dentro do proxecto Escolas Bilingües Interculturais de Fronteira, un proxecto de cooperación entre os gobernos de Portugal, España e as comunidades autónomas coa colaboración da Organización de Estados Iberoamericanos como socio estratéxico. Conta coa participación da Universidades de Aveiro, da Universidad Complutense de Madrid e centros de formación do profesorado das diferentes comunidades autónomas.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

A Xunta celebra a segunda formación para os 71 docentes das unidades de acompañamento e orientación persoal e familiar en centros educativos

Mar, 23/01/2024 - 07:19
Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, participou esta mañá na II Xornada de formación para os 71 docentes responsables das Unidades de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia. Esta actividade enmárcase no plan de formación específico que lles ofrece a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades este curso, e que ten carácter trimestral. No programa de hoxe, que se desenvolve na Cidade da Cultura, abórdanse a educación emocional o acompañamento ás familias e os servizos sociais, entre outros asuntos.

A representante da Xunta agradeceu aos asistentes o seu labor á fronte destas unidades, que desde os seus centros prestan apoio ao alumnado vulnerable con maiores dificultades dos colexios e institutos da súa área de influencia, fortalecendo un ensino equitativo en igualdade de oportunidades. A través de tarefas de seguimento aos estudantes e acompañamento ás familias, estas unidades contribúen a paliar situacións como o abandono escolar ou o absentismo.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de FP e innovación educativa

Lun, 22/01/2024 - 11:17

Summary: 

Coinciden na necesidade de seguir impulsando o avance das ensinanzas de FP, que se consolidaron nos últimos anos como referente de calidade

Piden ao Goberno central que dea pulo ao desenvolvemento normativo da nova lei de FP, que leva un gran retraso no referido aos currículos

Coñeceron os diferentes proxectos que se están a desenvolver nas catro áreas de especialización do Centro Galego da Innovación da FP

Pola tarde achegaranse ás primeiras iniciativas do Centro de Innovación Educativa e Dixital en materia de modernización do ensino e mellora da cualificación dos docentes

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a consejera de Desarrollo Educativo y FP da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo, visitan hoxe os dous centros de referencia da Formación Profesional e da innovación educativa en Galicia: o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense, e o Centro de Innovación Educativa e Dixital, na Cidade da Cultura.

Deste xeito, Galicia amósalle á delegación andaluza o seu modelo nestas ensinanzas. Non en balde, o departamento educativo do Goberno andaluz viaxa á nosa Comunidade para coñecer as políticas educativas en xeral e, en particular, nestes dous ámbitos. De feito, tal e como explicou a consejera, Andalucía está a traballar na posta en marcha dun centro similar ao Eduardo Barreiros.

No transcurso da visita, os dous conselleiros coincidiron na necesidade de seguir impulsando o avance das ensinanzas de FP, que se teñen consolidado nos últimos anos como un referente de calidade, innovación e empregabilidade e xeran unha enorme confianza nos sectores produtivos. Neste sentido, fixeron un chamamento ao Goberno central para que dea pulo ao desenvolvemento normativo da nova lei de FP, toda vez que aínda está por determinar todo o relativo aos novos currículos, que acumulan un enorme retraso por parte do Ministerio.

“A Xunta leva meses advertindo desta parálise dado que o Goberno do Estado está incumprindo os seus propios tempos. Non imos permitir que o modelo de éxito da FP galega se poña en risco, unhas ensinanzas que conseguiron situarse como referente en todo o Estado, duplicando case os alumnos desde 2009 e que contan cunha inserción laboral que pasou do 32% ao 85%”, destacou Román Rodríguez.

Neste sentido, o conselleiro explicou que, diante das demoras e a falta de concrecións do Goberno do Estado, a Xunta de Galicia xa iniciou os trámites do futuro decreto que rexerá as ensinanzas de FP a partir do próximo curso 2024-25. A tramitación está iniciada co inicio da consulta pública para achegas.

Proxectos no Eduardo Barreiros

Román Rodríguez e Patricia del Pozo coñeceron os diferentes proxectos e iniciativas que se están a desenvolver nas catro áreas do Eduardo Barreiros: Innovación Aplicada, Emprendemento Industrial, Formación de Alta Especialización e Comunicación Estratéxica e Internacionalización.

En concreto, están en marcha neste espazos proxectos arredor da economía circular do ciclo da auga, da enogastronomía, do fornecemento do vehículo eléctrico, de fomento de robots de utilidade medioambiental e de realidade estendida aplicada á FP. Tamén de metodoloxías innovadoras e áxiles para a aprendizaxe do inglés ou de deseño e fabricación de vestiario e novos materiais para mellorar as condicións de confortabilidade no mundo das artes do mar e técnicas de marisqueo, dando protagonismo á muller.

Así mesmo, a delegación andaluza interesouse polo programa de formación de alta especialización para docentes de FP que se imparte neste centro, con 96 cursos multidisciplinares, e polo InnovaTech FP Galicia, a través do que os alumnos se enfrontan á resolución de dez retos tecnolóxicos expostos por empresas, cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural. Actualmente 150 equipos de 70 centros de FP de toda Galicia, están traballando na procura das mellores solucións aos retos propostos por dez empresas de recoñecido prestixio.

Modernización do sistema e do profesorado

Na visita que realizará pola tarde ao Centro de Innovación Educativa e Dixital, a delegación andaluza vai poder coñecer as distintas iniciativas que se están a desenvolver neste espazo para a modernización do sistema educativo e na mellora da cualificación do profesorado.

Neste momento están en marcha tres proxectos iniciais. O primeiro deles, Ágora Dixital, pretende crear un portal que forneza de información e contidos aos docentes no relativo a espazos dixitais en diferentes espazos vinculados coas temáticas STEM, a intelixencia artificial, a experimentación práctica, o deseño de espazos, etc.

Pola súa banda, o proxecto Lenzo nace co obxectivo de mellorar os espazos dixitais dos centros e a calidade estética dos materiais educativos (webs de centro, aulas virtuais, grupos de traballo, etc). Esta iniciativa inclúe o desenvolvemento dun portal colaborativo onde se aloxa un repositorio de contidos audiovisuais para o uso con fins educativos.

A maiores, estase a traballar na creación de dúas redes vinculadas con STEM: unha rede de Clubs de ciencia e outra de STEMbach. O obxectivo é dar visibilidade e fomentar o coñecemento das iniciativas que se están a levar a cabo, compartir exemplos de boas prácticas e fomentar os estudos deste ámbito.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

A Xunta abre o programa 'Ti elixes' para fomentar a orientación profesional libre de estereotipos de xénero e a igualdade de oportunidades

Dom, 21/01/2024 - 09:38

Summary: 

A través de distintas actividades, promóvese a coeducación e a eliminación de prexuízos na elección de ciclos de Formación Profesional con menor presenza de mulleres

Impulsada polas consellerías de Educación e de Promoción do Emprego e Igualdade, a iniciativa está dirixida a alumnado de 3º e 4º de ESO

Os centros dispoñen de prazo ata o 6 de febreiro para solicitar a súa participación

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para que os centros educativos participen na segunda edición do programa Que non te líen, ti elixes unha iniciativa conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Promoción do Emprego e Igualdade a través da cal se busca fomentar, desde as aulas, unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e o fomento da coeducación.

A posta en marcha desta acción responde a unha das liñas de impacto recollidas na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, na que se fixan actuacións específicas para contribuír á desaparición da fenda de xénero no ámbito laboral a través da Formación Profesional. Así pois, Que non te líen, ti elixes inclúe o desenvolvemento de actuacións que favorezan unha conciencia libre de estereotipos de xénero e de prexuízos respecto na elección de ciclos formativos con menor presenza de mulleres, así como que estimulen o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas.

O programa vai dirixido a estudantes de 3º e 4º de ESO de centros sostidos con fondos públicos, que dispoñen de prazo ata o día 6 de febreiro para adherirse ao mesmo.

Os centros participantes terán acceso a charlas didácticas e debates dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores tradicionalmente caracterizados pola escasa representatividade feminina, como pode ser a construción, a madeira, o sector TIC, o metal ou marítimo, entre outros.

Información xeral Igualdade Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

Alumnas de 1º de Bacharelato poderán achegarse á física de partículas da man de investigadoras do IGFAE co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia

Sáb, 20/01/2024 - 10:49

Summary: 

O centro mixto da Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela organiza esta ‘masterclass’ para impulsar as vocacións científicas

As rapazas realizarán unha sesión práctica con datos reais do CERN e debaterán os resultados da mesma con traballadoras deste centro

O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de xaneiro na web do evento

Idioma Gallego

Ata 60 alumnas de 1º de Bacharelato de centros educativos galegos poderán achegarse á física de partículas da man de investigadoras do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

O obxectivo é espertar as vocacións científicas, impulsando que as rapazas se decanten polas titulacións universitarias desta rama, ao tempo que se ofrece a oportunidade de achegarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día da carreira investigadora.

A V edición da Masterclass internacional de Física de Partículas desenvolverase o vindeiro venres 9 de febreiro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e nela as rapazas realizarán unha sesión práctica por ordenador con datos reais dun experimento do Centro Europeo para a Investigación Nuclear (CERN). A continuación, debaterán sobre os resultados por videoconferencia con investigadoras deste centro, así como con estudantes de Brasil, Bulgaria e Italia que tamén participan na actividade.

O programa inclúe tamén conferencias introdutorias sobre a física de partículas, así como unha charla-coloquio que afondará na figura de varias mulleres de diferentes procedencias que fixeron grandes achegas á ciencia ao longo da súa historia e malia así seguen a ser pouco coñecidas.

O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de xaneiro e poderán formalizarse a través do web do evento. O profesorado que acompañe ás estudantes pode asistir e incluso participar activamente na masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

A Xunta recoñece cos Premios Innovagal o traballo de centros educativos de Outes, Cerceda, Vilanova, Zas, Tui, Monfero, Vigo e Celanova

Ven, 19/01/2024 - 08:25

Summary: 

O obxectivo destes galardóns é poñer en valor o labor dos centros que desenvolven enfoques didácticos para dar resposta ás necesidades particulares do seu alumnado

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa visita o CPI Plurilingüe O Cruce, de Cerceda, gañador do primeiro premio na categoría de Secundaria

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda, ao que felicitou por acadar o primeiro premio nunha das categorías dos Premios Innovagal. Precisamente o Portal Educativo vén de publicar a relación de centros galardoados nesta convocatoria da Xunta para poñer en valor o labor dos colexios e institutos que desenvolven enfoques didácticos innovadores para dar resposta ás necesidades particulares do seu alumnado.

A convocatoria establece dúas categorías de participación, unha para centros que imparten Educación Infantil, Primaria e Especial. Nela, o primeiro premio foi para o Colexio CEIP Plurilingüe de Outes (Outes, A Coruña), o segundo para o Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa, Pontevedra), o terceiro para o Colexio CEIP Plurilingüe nº1 (Tui, Pontevedra) e a mención de honra para o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira (Vigo, Pontevedra).

No caso da segunda categoría, para centros de Secundaria e de adultos, o primeiro premio foi para o Colexio O Cruce (Cerceda, A Coruña), o segundo para o Instituto IES Maximino Romero de Lema (Zas, A Coruña), o terceiro para o Colexio CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero, A Coruña) e a mención de honra para o Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova, Ourense)

Os primeiros premios están dotados con 10.000€, os segundos con 6.000€, os terceiros con 3.000€ e as mencións de honra con 1.000€. Ademais da dotación económica do premio, os centros galardoados reciben o distintivo de Centro educativo Innovagal, cunha vixencia de catro cursos escolares.

Medio ambiente nos primeiros premios

A proposta do Colexio CEIP Plurilingüe de Outes centro xira arredor do benestar emocional do alumnado e a sostibilidade do centro. Tendo isto en conta, a metodoloxía céntrase na creación dunha escola na que toda a comunidade pode participar, na que a aprendizaxe é activa e dinámica e na que se traballa o respecto ao medio ambiente de forma transversal en todas as áreas do currículo e en todos os niveis.

Pola súa banda o Colexio CPI Plurilingüe O Cruce desenvolve un proxecto de innovación cunha forte aposta por accións STEM relacionadas coa defensa do medio ambiente. O coñecemento da contorna e a conservación ambiental guían o desenvolvemento dos proxectos nos que participa o centro, que se basean na premisa de que a aprendizaxe na natureza mellora os logros e o benestar do alumnado.

Aposta pola infancia e os proxectos STEM

A proposta de innovación do Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro parte da convicción de que a grandeza dunha escola é a infancia. Este principio condiciona a vida e a organización do centro focalizando a metodoloxía no alumnado. Créanse espazos e dinámicas que respectan a infancia potenciando a autonomía, a intelixencia emocional, a comunicación asertiva e o pensamento diverxente.

No caso do Instituto IES Maximino Romero de Lema, centra o seu proxecto innovador na posta en marcha de proxectos STEM a través do Club de Ciencia e dos Polos Creativos. Mellórase o rendemento académico e a motivación do alumnado a través de metodoloxías como a aprendizaxe baseada en proxectos, a gamificación, a educación ao aire libre, a realidade virtual ou a realidade aumentada.

Traballo por ámbitos

No Colexio CEIP Plurilingüe nº1 o fomento da creatividade e da tecnoloxía van da man para conseguir o cambio metodolóxico, que inclúe melloras como a docencia compartida, as parellas pedagóxicas e o traballo por ámbitos que redundan en beneficio de todo o alumnado. Estas transformacións permitiron levar a cabo o III Congreso Educativo EducODS#2030, proxecto innovador do que forma parte toda a comunidade educativa.

O CPI Plurilingüe Virxe da Cela fíxose co terceiro premio polo proxecto de centro MonferoSolidario, que ten o obxectivo de mellorar a calidade educativa e dar resposta ás necesidades identificadas polo claustro. As actuación abarcan ámbitos de organización, de mellora das competencias lingüísticas, matemáticas e dixitais, e traballan aspectos emocionais e hábitos de vida saudable e desenvolvemento sostible, entre outras.

Inclusión e adaptación á contorna

No Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira, o traballo en equipo e a formación do profesorado constitúen o motor necesario para emprender un cambio no centro cara a unha metodoloxía inclusiva, respectuosa co medio e coa infancia. Durante os últimos cursos puxéronse en marcha pedagoxías activas (consello de nen@s, comisión de patios) e manipulativas que favorecen unha aprendizaxe competencial.

Partindo da súa localización no interior dun mosteiro, o Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro desenvolve o proxecto Arredor do Mosteiro que xira en torno a posta en valor do patrimonio, a optimización dos espazos, proxectos sobre temas transversais que parten da realidade de Celanova e apertura do centro á contorna con diferentes actividades como charlas, concertos ou obradoiros.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

As universidades galegas concederán créditos de libre configuración ao alumnado que veña de estudar Bacharelato de excelencia en ciencia e tecnoloxía (STEMbach)

Xov, 18/01/2024 - 12:34

Summary: 

O presidente da Xunta adianta que a medida se aplicará este curso e tamén de xeito retroactivo para os titulados en cursos anteriores

Destaca que o profesorado implicado tamén obterá un recoñecemento universitario

Avanza que partir deste curso premiaranse os mellores traballos de investigación realizados por estes estudantes en colaboración coa USC, UVigo e UDC

Pon en valor a creación da Rede STEMbach para impulsar o programa, facilitarlle recursos aos participantes nel e dar pulo á difusión de proxectos e boas prácticas

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que as universidades galegas van conceder créditos de libre configuración ao alumnado que veña de estudar o Bacharelato en Ciencia e Tecnoloxía, coñecido como STEMbach. O obxectivo, segundo precisou, é seguir “reforzando e promovendo” estes estudos, que abren as portas a carreiras científico-tecnolóxicas, “profesións moi demandadas nesta sociedade cada vez máis dixitalizada. E Galicia tamén precisa destes profesionais”, defendeu o mandatario galego.

Deste xeito, o alumnado que supere o STEMbach e que se matricule posteriormente nalgunha das universidades públicas galegas verá recoñecidos con créditos de libre configuración gratuítos este mérito. Participarán, ademais, no programa Mentoring STEMbach de cada universidade.

En total, segundo precisou o presidente, poderán obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario, ata un máximo de 6 créditos ECTS. Ademais, salientou que é unha medida que se vai aplicar este curso con carácter retroactivo. “É dicir, vanse beneficiar tanto para os que titulen de aquí en diante como para os que xa o fixeron en cursos anteriores”, puxo en valor.

O mandatario galego lembrou que o STEMbach é un programa formativo implantado no curso 2018/19 que fomenta as vocacións científico-tecnolóxicas no alumnado e que supón unha primeira aproximación ao mundo universitario para moitos estudantes. Con este fin, asinará convenios coas tres universidades públicas galegas para reforzar a súa implicación no STEMbach.

Neste curso son 775 os alumnos que cursan este ano o STEMbach, 449 deles en segundo curso, e algo máis de 1.000 os que xa titularon ao abeiro deste programa en anos anteriores e aínda están matriculados na universidade. Deste xeito, o mandatario galego apuntou que se agarda que se poidan beneficiar desta medida arredor de 1800 persoas.

Rueda cualificou este recoñecemento de créditos como a “principal novidade” da estratexia do Goberno galego para reforzar este programa educativo. E, por tanto, informouse dela hoxe no Consello da Xunta, no que tamén se deu conta doutras accións, entre as que se atopan o recoñecemento aos mellores traballos de investigación realizados por estes estudantes en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa de Vigo (UVigo) e coa da Coruña (UDC); e a creación da Rede STEMbach para impulsar o programa, facilitarlles recursos aos participantes nel e dar pulo á difusión de proxectos e boas prácticas.

Os alumnos que optan polo STEMbach cursan, a maiores do currículo da modalidade en que estean matriculados, unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM extracurricular de dúas ou tres horas semanais. Ademais, deben realizar un proxecto de investigación e actividades complementarias de formación en colaboración coas universidades públicas de Galicia, entidades ou organismos investigadores, así como con persoas investigadoras de recoñecida competencia.  

Ata seis créditos

Os convenios de colaboración que asinará a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades coas tres universidades públicas de Galicia incluirán tamén o recoñecemento, a través dun certificado, dos labores desenvolvidos polo profesorado no marco do programa. A Consellería tamén lles concederá un certificado de innovación educativa.

O presidente da Xunta tamén deu conta doutras novidades, como o feito de que por primeira vez, outorgaráselles un recoñecemento aos proxectos de investigación realizados dentro STEMbach. Deste xeito, os mellores traballos de investigación das tres universidades participantes serán defendidos e expostos polo alumnado nun acto central, único e interuniversitario.  

Para iso, publicarase unha convocatoria na cal poderán participar os centros que desenvolvan neste curso 2023/24 o STEMbach e cuxos estudantes presenten o traballo de investigación. Todos os centros, profesorado e alumnado recibirán un recoñecemento e mención pola súa participación. Os gañadores recibirán un distintivo para remarcar e subliñar o esforzo e o traballo realizado. 

Recursos e difusión de boas prácticas

A maiores, Rueda salientou a creación da Rede STEMbach para impulsar o programa. Trátase dunha estrutura de apoio e reforzo aos axentes implicados na iniciativa con propostas que fomenten a colaboración. No que atinxe ao alumnado, incluirase no seu expediente un recoñecemento oficial por ter cursado este tipo de ensinanzas e terá preferencia para colaborar en determinadas accións específicas das universidades, ademais de obter os devanditos créditos de libre configuración de xeito gratuíto. Tamén se promocionará o seu traballo en feiras e publicacións científicas recoñecidas.

No caso dos docentes de STEMbach, o presidente explicou que se lle facilitará o acceso ás instalacións e equipamentos do Centro de Innovación Educativa e Dixital para a investigación e creación de proxectos, e poderán optar para iso a licenzas de formación. Tamén terán acceso a contidos específicos para o ensino das materias STEM e a un repositorio común de charlas relacionadas con estas disciplinas e difundirase o seu labor en publicacións científicas recoñecidas.

Ademais, organizaranse encontros que poñan en contacto o profesorado e o alumnado do programa para compartir experiencias, dificultades, vantaxes e procedementos de organización e desenvolvemento, e farase un acompañamento do profesorado e alumnado desde a Consellería a través dun espazo virtual común con recursos STEM.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia implantou o programa STEMbach por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e foise consolidando para promover as vocacións científico-tecnolóxicas do alumnado nas materias STEM e achegalo ao ámbito universitario. Esta iniciativa facilita tamén a adquisición de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa ou a resolución de problemas, así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.

Ao longo das distintas edicións, teñen participado docentes tan prestixiosos como o xenetista e catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo. Na edición deste ano colaboran, en concreto, profesionais como Justo Arines (Facultade de Óptica e Optometría da USC), David Facal, Ana Nieto e Sonia María Valladares (Facultade de Psicoloxía da USC), Emilio José Padrón (Facultade de Informática da UDC), María Suárez Taboada e Armand Hernández (Facultades de Informática e de Ciencias da UDC), Antonio Pena (Escola da Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo), Pedro Cuesta (Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo en Ourense) e Fermín Navarro (Escola de Enxeñaría Aeronáutica da UVigo en Ourense), entre outros.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

O conselleiro de Educación agradece aos equipos directivos a súa implicación na mellora do ensino

Mér, 17/01/2024 - 13:40

Summary: 

Román Rodríguez saúda aos participantes nunha das actividades do Plan Anual de Formación do Profesorado e garante o apoio da Xunta de Galicia á súa tarefa

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, saudou hoxe aos membros de equipos directivos que participan na xornada de formación A xestión do centro docente como organización, unha das actividades do Plan de Formación do Profesorado da Xunta de Galicia.

 

O titular de Educación, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, agradeceulles a súa implicación na mellora obxectiva do ensino en Galicia, tal e como veñen apuntando diversos informes publicados ao longo dos últimos días, algo ao que contribúe a formación continua dos docentes para ofrecer unha mellor atención ao alumnado. Neste particular, lembrou que os centros educativos precisan dunha xestión eficaz e eficiente dos seus recursos e que, en gran medida, o bo funcionamento dos mesmos depende dos integrantes dos equipos directivos.

 

Lembrou, así mesmo, que no marco do acordo asinado entre a Consellería e as organizacións sindicais, está prevista a redución das tarefas burocráticas nos centros educativos, para o que nas próximas semanas se constituirán grupos de traballo con diversos membros da comunidade escolar. Así mesmo, informou de que os incrementos retributivos previstos para os postos directivos aplicaranse xa este mes de xaneiro.

 

Formación en diversas materias

Estas xornadas formativas celebraranse todos os mércores desde hoxe ata o 7 de febreiro, ademais do sábado 27 de xaneiro. O programa inclúe formación arredor de diversos aspectos vencellados coa protección de datos, a imaxe institucional, a planificación, a prevención de riscos laborais ou os proxectos a desenvolver.

 

A formación é impartida por diferentes departamentos da Consellería, como Inspección Educativa, o Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación, o de Persoal de Administración e Servizos ou a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Réxime Xurídico. Ademais, o director do Colexio Antonio Palacios, Andrés Viéitez, e a directora do Instituto IES Ribeira do Louro, Juana Rosa Muñoz, (ambos do Porriño) expoñen boas prácticas no referido á xestións de proxectos nos seus centros.

 

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos

O programa de dinamización lingüística da Xunta ‘21 días co galego e +’ chega por primeira vez aos centros de Educación Infantil

Mér, 17/01/2024 - 13:31

Summary: 

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Centros e Recursos Humanos participan na apertura da VI edición, que se estenderá ata o 6 de febreiro

Idioma Gallego

O programa de dinamización lingüística da Xunta 21 días co galego e + bota a andar a súa VI edición cunha novidade principal, a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes. Así o avanzaron esta mañá no acto de apertura desta iniciativa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, que destacaron “a importancia de enfocar nas primeiras etapas educativas o esforzo dinamizador e normalizador da lingua galega”.

 

Nesta nova edición, que se desenvolverá en 10 centros de Educación Infantil e Primaria das catro provincias entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, participarán voluntariamente 4.587 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, unha cifra que por segundo ano consecutivo bate récord de participación nesta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

 

Na sesión de apertura, que acolleu a Facultade de Ciencias da Educación baixo a organización do Colexio CEIP López Ferreiro, tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, así como representantes institucionais e o profesorado e alumnado do centro. Ademais, os restantes nove centros adscritos ao programa realizaron cadanseu acto de apertura ao longo do día de hoxe.

 

Difusión e encontro final

Baixo o lema Medrando en galego, o alumnado dos centros participantes intensificará voluntariamente a súa expresión en galego durante 21 días. Disto quedará constancia nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se mostrarán as creacións dos centros participantes e onde, por primeira vez, tamén se publicará durante as tres fins de semana contido lúdico para que as familias continúen o labor iniciado nos centros.

 

Ademais, 21 días co galego e + manterá a colaboración externa co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a venres, e co programa Dígocho eu!, da CRTVG, que terá encontros co alumnado dos 10 centros educativos.

 

O broche de ouro da edición porao de novo o Encontro 21 días co galego e +, que na súa segunda edición, reunirá o 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, o alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Auditorio Domingo Fontán do Gaiás para compartir, nunha sesión lúdica, as súas experiencias no programa.

 

Centros voluntarios participantes

Neste curso 2023/24 o programa desenvolverase nos colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela) e CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), na provincia da Coruña; no CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), en Lugo; no CEIP O Couto (Ourense) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), en Ourense e no CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), na provincia de Pontevedra.

 

Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.

 

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: departamentos


by Dr. Radut