Novas

FOTOS do SAMAGOSTO (Samaín + Magosto)

SAMAÍN - MAGOSTO

 

HAI MOITO QUE CELEBRAR  ESTA SEMANA! SAMAÍN E MAGOSTO

 

Desde o ciclo de Infantil anímannos a participar no concurso de decoración de calacús, na demostración gastronómica de postres e no certame de contos de terror.

E o venres celebramos o Magosto no IES. Ás 12:30 en diúrno e ás 18:50 en modular.

 

UNS DÍAS TERRORÍFICOS E INTENSOS PARA FESTEXAR!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Saída á Senda da Auga - APSD e Integración Social Modular

 

 

 

O pasado 5 de outubro o alumnado dos Ciclos Formativos de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e Integración Social de Modular, en compaña das nosas respectivas titoras, fixemos unha saída pola Senda da Auga que hai nas proximidades do IES de Chapela. O propósito desta saída era celebrar o comezo do curso 2017/2018 para estrealo con bo pé, así como coñecer as compañeiras e compañeiros que están a estudar outro ciclo da nosa familia profesional. Esta actividade deunos a oportunidade de descubrir a marabillosa contorna natural na que se atopa o centro e de gozar das espléndidas vistas da Ponte de Rande envolta nun mar de néboa. 

Tivemos a ocasión de poñernos en forma do moito que camiñamos, merendamos, charlamos, recollemos pedras “quitapenas”, e mesmo puidemos ser outr@s por un intre (cando nos presentamos prestando a nosa voz aos que foran os nosos acompañantes ao longo do traxecto). Tampouco nos faltaron unhas doses de aventura cando vimos como se achegaba o luscofusco estando no monte... Ah, e tivemos un convidado sorpresa na nosa ruta: Kiro! Guau guau!

Moitas grazas a Pablo López Guerra polas magníficas fotos.

 

 

 

 

Podes descargar máis imaxes neste enlace

LUME NUNCA MÁIS!

Grazas a iniciativa da profesora Mónica Puga, tedes a oportunidade de expresar no IES Chapela as vosas emocións, pensamentos, accións que hai que levar a cabo, informacións... en relación a vaga de lumes que asolou Galicia hai uns días. En forma de imaxes, reflexións escritas, datos sobre os incendios ou recollendo accións de voluntariado...

 

EXPRÉSATE!! Este panel que hai na entrada do instituto, é para ti!

Comezo de Curso en O Beque - E. Infantil, APSD

 

 

 

O 25 e 26 de setembro, o alumnado de 2º Educación Infantil e 2º Atención a Persoas en Situación de Dependencia, comezamos o curso cunha saída a O Beque (Moaña). Con esta experiencia conseguimos un achegamento á natureza desfrutando duns beneficios que acotío pasan desapercibidos ou non valoramos na súa xusta medida. Enchemos a viaxe cunha bolsa de tesouros do medio ambiente, unha clase de ioga ao ar libre, un obradoiro de clown, outro de expresión corporal e un encontro na praia con persoas da Asociación Juan XXIII de Cangas. E por suposto, durmimos no albergue O Beque e experimentamos abraiantes sensacións como as picadas de mosquitos.

Desta saída en grupo as alumnas e os alumnos extraemos dúas ensinanzas:

Como dixo Antoine de Saint-Exupéry en O Principiño, “o esencial é invisible aos ollos”. Relacionándoo coa beleza interior das persoas, a importancia de ver co corazón, valorar as pequenas cousas, un xesto, unha mirada, un sorriso, un agradecemento. Mais tamén a beleza do noso contorno natural, o canto dun paxaro, a aspereza dun tronco, o contacto coas follas secas... Redescubrir o noso mundo con ollos de crianza. A segunda, chegar xuntos é o principio, manterse xuntos é o progreso, traballar xuntos é o éxito.

O noso agradecemento ao Concello de Moaña, á Asociación Juan XXIII e a todas as persoas colaboradoras, cuxa axuda e implicación foi imprescindible. Grazas, grazas, grazas.

Xabier Pérez Davila

 

 

 

Hoxe, 29 de setembro de 2017, despediuse do IES Chapela o noso compañeiro Xabier Pérez Davila. Xubílase despois dunha dilatada carreira profesional na docencia, da que durante moitos anos tivemos a gran sorte de escoitar, aprender e compartir. Fíxoo a pé de aula, abordado a traizón polo persoal non docente do instituto, o profesorado e o seu alumnado. Home de recursos como é, e difícil de intimidar, regalounos nunha improvisada aula na que se converteu o corredor da primeira planta do instituto, a súa última clase. Un discurso cheo de razóns, de emocións e de futuro, no que nos invitou a loitar e a ser felices. Coa súa lectura da Ítaca de Konstantino Kavafis e entre o aplauso de toda a comunidade educativa despedimos a Xabier. Grazas, grazas, grazas! Que o teu camiño sexa longo, compañeiro!

 
         Ítaca - Konstantino Kavafis  

Concurso de Fotografía Matemática no IES Chapela

   

Alicia Bouza (Educación Infantil) recolle o primeiro premio de mans da profesora Eva Cortegoso.

 

Primeira xuntanza EDLG

Distribuir contido