Segundo trimestre 2021-2022

05/04/2022 VISITA AO PORTO E LONXA E Á DEPURADORA DE FERROL: TI SI QUE ESUN BO PEIXE

Noso alumnado de 1º de ESO, estivo nunha  visita a Ferrol, que comezou no PORTO, facendo un percorrido para coñecer as embarcacións e as artes de pesca.

Achegámonos ao edificio da LONXA, onde vimos como é o proceso de clasificación, pesado e poxa do peixe e aprendemos a importancia da etiqueta para os produtos da pesca. No mesmo edificio, estaba a pequena DEPURADORA da Confraría, onde observamos o proceso de depuración dos moluscos bivalvos.

Continuamos o noso percorrido ata o MERCADO DA MAGDALENA, onde contemplamos a fachada de “La Pescadería”, edificio de estilo modernista,  obra do arquitecto Rodolfo Ucha que data de 1910. No seu interior atopamos unha gran variedade de peixes e mariscos nos diferentes postos, identificando as especies e falando coas/os praceiras/os para que nos informaran dos prezos, da forma de preparar o peixe e da frescura.

Ao remate entregáronnos a cada participante unha bolsiña con merendas realizadas a base de peixe, a sobremesa e auga.

Esta actividade é complementaria ao Plan Proxecta de Hábitos de Vida Saudables.

     

     

 

04/04/2022 OBRADOIRO: PALITROQUES

04/04/2022 CHARLA: "ESTRATEXIAS E BUSCA DE EMPREGO"

04/04/2022 OBRADOIRO: TI SI QUE ES UN BO PEIXE

                                                         

 

                                                  

31/03/2022 PROGRAMA EDUEMPRENDE -ATRÉVETE 2022

Neste día visitounos o alumnado e profesorado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe A MAGDALENA, para participar nunha xornada de emprendemento dentro do Programa Eduemprende-Atrévete 2022 da Xunta de Galicia.

Tras a recepción, o director do centro deulles a benvida na nosa biblioteca, onde asistiron a unha interesante charla a cargo de Carolina García, Xerente da Asociación de Empresarios Seara, e Rosa María Meizoso da empresa Filos Crende  que está especializada no afiado e asesoramento de tesoiras de salón de peiteado.

A continuación, realizaron en diferentes grupos un obradoiro de realización de chaveiros con fermosos abalorios, dirixido por alumnas de 4º ESO e no que cada neno e nena de primaria deseñou un chaveiro personalizado co seu nome.

Despois dun pequeno descanso e almorzo fixeron un percorrido polas instalacións do centro onde lles chamaron especialmente a atención os talleres e as curiosas explicacións que alí lles deron.

                                                     

29/03/2022 VISITA Á DOMUS DE MITREO E CASA DOS MOSAICOS (LUGO)

Continuamos coas saídas didácticas!! Esta vez tocoulle ao alumnado de 4° de ESO. Paseamos pola cidade de Lugo na que fixemos un percorrido pola Muralla Romana e visitamos a emblemática Casa dos Mosaicos e a Domus de Mitreo.

                                             

25/03/2022 VISITA A II CLASSIC SOMESO

O noso alumnado de Ciclo EVA e FP Básica de Automoción asistiu a  II CLASSIC SOMESO no CFIP Someso da Coruña. Alí puideron gozar dunha xornada na que os protagonistas foron uns 70 vehículos clásicos e de competición.  Foi incrible coñecer estas reliquias do motor nas que podiamos atopar dende xoias de Ferrari ata unha furgoneta de 1908, o vehículo mais antigo desta edición.

Aquí podedes ver unhas fotos como mostra deles!!

                      

24/03/2022 CHARLA DEPARTAMENTO AUTOMOCIÓN

Neste día tivemos con nos a Albert Torras Checa da ESCOLA TÉCNICA DE GIRONA que impartiu unha charla ao alumnado de Ciclo Medio de Electromecánica de Vehículos Automóbiles.

Nela, coñecemos o proxecto educativo desta innovadora escola que engloba a dobre titulación: TE mecánica de competición + Ciclo Formativo GS Automoción. Tamén  descubrimos os segredos da ETG Racing que é a escudaría da escola que compite nos campionatos de promovelocidade de Cataluña e nos Campionatos de España e Mundial Superbiker.

Moi interesante!

24/03/2022 VISITA A SEARA E A EMPRESA GALPARQUET

O noso alumnado de 1º de ESO participou nunha produtiva Xornada do Programa Atrévete de fomento do emprendemento.

En primeiro lugar tiveron unha charla na sede da Asociación de Empresarios SEARA impartida por Carolina García, xerente da asociación empresarial. Nela os nenos e nenas coñeceron un pouco mellor o sector empresarial que lles rodea, e algúns aspectos do que son unha empresa ou unha incubadora de empresas.

Despois visitaron a empresa GALPARQUET pertencente ao grupo empresarial INTASA onde fixeron un percorrido que comezou cunha introdución na show room e continuou polos diferentes procesos que levan á fabricación de parqué flotante.

Bonita xornada, pasárono moi ben!!!

                  

                 

21/03/2022 OBRADOIRO: FAI CLIC AO TEU BOCATA

Todo o alumnado de ESO participou no obradoiro FAI CLIC AO TEU BOCATA, unha actividade complementaria do programa Aliméntate Ben. Nel, aprenderon outra maneira de facer bocatas de xeito SAUDABLE con produtos do MAR.

Dende a sociedade galega estase a percibir con fonda preocupación o escaso interese que os nenos e nenas da nosa comunidade demostran polo consumo de peixe. A Consellería do Mar, consciente desa realidade, deseña actuacións que perseguen, entre outros obxectivos, o de incidir e equilibrar as dietas alimenticias, fundamentalmente nas idades infantil e xuvenil, así como valorizar e fomentar os produtos da pesca e a acuicultura de Galicia.

A campaña está deseñada pola Consellería do Mar coa colaboración das Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a de Sanidade e ANFACO-CECOPESCA, para por de relevo unha das múltiples virtudes das conservas de produtos do mar: o seu valor como fonte de enerxía. Unha enerxía asociada á forza, vitalidade, crecemento, pero tamén xogo e diversión.

O obradoiro contemplou actividades informativas, e, sobre de todo, unha actividade de elaboración de bocatas a base de conservas.

                                                                    

 

16/03/2022 PROGRAMA EMPRESA FAMILIAR NAS AULAS 2022

A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF)  en colaboración con  Afundación, Obra Social ABANCA, puxeron en marcha a II Edición do Programa «Empresa Familiar nas aulas», unha iniciativa que ten como finalidade fomentar o emprendemento entre a xuventude  a través do seu contacto directo co mundo empresarial.  O noso centro participa un ano mais co alumnado de 3º de ESO.

O  programa prevé unha serie de actividades, que permiten ao alumnado adentrarse no mundo empresarial e, concretamente no ámbito da empresa familiar, reforzando deste xeito os contidos relacionados coa empresa e emprendemento previstos nos seus currículos académicos.

Grazas a estas actividades, esta semana puidemos visitar a PLATAFORMA LOXÍSTICA DO SERGAS E A EMPRESA SERVICIO MÓVIL en Negreira. Alí  tivemos o pracer contar coa presenza  de Pepe Castro e Sandra Blanco da EMPRESA SEVERIANO SERVICIO MÓVIL. Con eles puidemos coñecer de primeira man e con gran entusiasmo as orixes desta empresa familiar pontesa referente no fomento da actividade empresarial.

O que máis nos impactou da visita foi a gran aposta pola tecnoloxía. Coñecemos os mecanismos de almacenamento robotizado que supón un aumento radical da produtividade, os sistemas de picking por voz, que permiten minimizar os erros na localización de mercancías para a súa preparación, os equipos e sistemas de lectura en cada unidade de consumo e as zonas adicadas a produtos refrixerados e a produtos especiais.

Impresionante descubrir todos os rincóns desta plataforma!!

 11/03/2022 PROGRAMA EDUEMPRENDE -ATRÉVETE 2022  

Neste día tivemos unha visita moi interesante no noso centro. Veu a coñecernos o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe A FRAGA, para participar nunha xornada de emprendemento dentro do Programa Eduemprende-Atrévete 2022 da Xunta de Galicia.

Tras a recepción e benvida por parte do director do centro, asistiron a unha interesante charla a cargo de Carolina García, Xerente da Asociación de Empresarios Seara, e Noelia Cabarcos, organizadora de eventos.

A continuación realizaron na biblioteca do centro un orixinal obradoiro de realización de chaveiros con curiosos abalorios, dirixido por alumnas de 4º ESO e no que cada neno e nena de primaria deseñou un chaveiro personalizado co seu nome.

Despois dun pequeno descanso e almorzo fixeron un percorrido polas instalacións do centro onde lles chamaron especialmente a atención os talleres e as curiosas explicacións que alí lles deron.

Pasárono moi ben!!!

08/03/2022 EXPOSICIÓN EXXPERIMENTA EN FEMININO

Esta semana contamos no vestíbulo do noso centro cunha exposición itinerante pertencente á campaña EXXPERIMENTA EN FEMININO proposta pola Universidade de Vigo. Está enmarcada dentro das actividades que temos programadas en relación có 8M, Día da Muller. Con ela podemos coñecer a interesante vida e historia de mulleres que adicaron a súa vida á investigación e a ciencia.

O obxectivo fundamental da exposición é divulgativo e de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas femininas no ámbito das profesións CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). A exposición xurde da convicción de que hai unha falta de referentes femininos no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñerías. A iniciativa pretende que nenas e nenos poidan coñecer a presenza feminina nestes campos instaurándose así novos modelos femininos.

#8M #MulleresCientíficas

                                        

04/03/2022 OBRA DE TEATRO

O noso alumnado de 2º de ESO asistiu no teatro Alovi das Pontes á obra de teatro/comedia “AS QUE LIMPAN” da compañía A Panadaría  coproducida co Centro Dramático Nacional.

As que limpan, fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Son As que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador.

Este espectáculo que se desenvolve no marco das actividades relacionadas co 8M fai plantexarnos preguntas como: É posible revalorizar este traballo e desligalo do xénero? Existe un turismo sostible? Quén limpa a casa da limpadora?

As que limpan non fala só das traballadoras da limpeza, fala de mulleres e do solo mollado sobre o que camiñamos cada día.

Damos as grazas ao Concello das Pontes por propoñer e subvencionar esta actividade tan interesante!!

#8M #Igualdade

                      

25/02/2022 FESTA DO ENTROIDO

Puidemos gozar un ano mais dun ENTROIDO diferente. Festexamos unha das tradicións máis arraigadas na nosa cultura seguindo as instrucións que dende o inicio de semana nos ía dando O Meco: Mans decoradas, bata ou mandil,adornado o pescozo, decorada a cabeza, e pixama ou camisón tocounos levar.

                                                

Ademais o alumnado de 2º de ESO sorprendeunos cunha divertida REGUEIFA que nos fixo rir un montón!!

       

O Concello convidounos a comer freixós, e ANPA Ronsel agasallounos con orellas e bebidas para toda a comunidade educativa.

                                         

25/02/2022 MAPEO DE NECESIDADES DA MOCIDADE DO EUME

Neste día, un grupo de alumnado de 3º curso do grao Pedagoxía  estivo  no noso centro co grupo de 3º de ESO no marco do proxecto: “Mapeo de necesidades da mocidade do Eume”. Trátase dun proxecto de Aprendizaxe Servizo que o grupo EUREUME  leva a cabo coa USC dentro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural.

O obxectivo foi recoller de primeira man, cales son as necesidades da xuventude co fin de  elaborar unha estratexia comarcal e poder dirixir programas destinados a mocidade partindo das súas necesidades.

                                           

Interesante iniciativa na que tamén participan o CPI P. Virxe da Cela de Monfero e o CPR Luis Vives e CPR P. San José de Pontedeume.

21/02/2022 OBRADOIRO VIOLENCIA DE XÉNERO: "HAI SAÍDA GRAZAS A TI"

O alumnado de 2º de ESO participou nun obradoiro e debate sobre Violencia de Xénero "Hai Saída Grazas a Ti” impartido por Elsa Rodríguez Prieto e proposto e financiado polo Concello das Pontes. Resultou ser un taller moi necesario e produtivo. 

         

                                       

17 e 22/02/2022 OBRADOIRO SAÚDE MENTAL

11/02/2022 DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

No día INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA, o noso  alumnado da materia de Física e Química de 4° de ESO asistiu a un evento on line: ¡Fotónica en 5 minutos! Nesta charla interactiva Organizada por IFCO, 4 científicas contaron de maneira atractiva e inspiradora, porqué a fotónica é importante tanto no mundo da investigación como para a sociedade.

                                        

28/1/2022 CELEBRACIÓN DÍA DA PAZ

Tirando de creatividade e imaxinación plasmamos en camisetas vellas, lemas, debuxos e mensaxes para conmemorar o DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ.  

Con recortes dalgunhas destas camisetas fixemos cadros e enmarcámolos. Outras quedaron listas para lucilas.

Ademais decoramos as árbores do noso vestíbulo coas tradicionais pombas da paz, nas que expresamos os nosos mellores desexos.

                            

 

    

                                                                       

28/1/2022 CHARLA PLAN DIRECTOR- VIOLENCIA DE XÉNERO

O alumnado de 1º e 2º de FP Básica (Informática de Oficina e Automoción), asistiu a unha charla sobre VIOLENCIA DE XÉNEROimpartida pola Garda Civil enmarcada dentro do Plan Director para a mellora da seguridade nos Centros Escolares. 

                                     

20/1/2022 CHARLA USC: "INTELIXENCIA ARTIFICIAL, IMAXES E SAÚDE"

María José Carreira Nouche   

                                               

17/1/2022 CHARLA USC: "QUÉ TEN QUE VER A QUÍMICA CON NÓS?

Ricardo Riguera Vega

Os produtos naturais, fármacos, plásticos, biotecnoloxía, ecoloxía, nanotecnoloxía...