Lecturas de Nadal 2016

     Os días 20 e 21 de decembro, antes de marchar de vacacións, festexamos o Nadal desde a Biblioteca lendo algúns contos.

                                              

     O martes 20 foi o grupo de 1º ESO-A e o mércores 21 foron 1º ESO B e C  quen participaron na lectura dos seguintes relatos:

 

Agustín Fernández Paz, Un conto de Nadal

     Asistimos nel á visita dun extraterrestre ao noso planeta que, logo de se introducir no corpo dun indixente, onde experimenta todo tipo de sensacións desagradables e tristes ese 24 de decembro, e mais no dunha moza alegre e animosa, decide quedar no corpo de Paulo; el é un de tantos homes sen fogar que comparte esa noite con outros coma el, nun local abandonado, protexidos por cartóns pero acariñados coas verbas que Paulo vai pronunciando grazas á súa capacidade narradora. O extraterrestre, Xhantl, queda enfeitizado por ese extraordinario poder dos humanos, que os científicos do seu planeta queren estudar a fondo.

 

Ray Bradbury, El regalo

         Na Noiteboa do ano 2052 un rapaz é agasallado polos seus pais coa súa primeira viaxe nun foguete espacial. O problema é que os gardas interestelares non lles permiten levar con eles a árbore e mais o regalo navideño. Non obstante, chegado o momento,  haberá celebración, que será emocionante e sincera, xa que a tripulación canta vilancicos mentres ao rapaz se lle permite contemplar desde a cabina o firmamento estrelado.

 

Antón Chéjov, Vanka

      Un conto de Nadal moi triste: imos lendo a carta que pequeno orfo Vanka Yúkov lle escribe ao seu avó pedíndolle que o vaia buscar alí onde está, que o salve da vida que leva, ao tempo que vai contando como era antes a súa vida na aldea con el. Unha petición desesperada que nunca será máis ca un soño.