Usuario: Acceso

Materias do departamento: presentación e programa

A economía está cada vez máis presente nos diversos ámbitos da vida das persoas. Por unha parte, a economía converteuse nunha linguaxe social que hai que entender para moverse na vida diaria e comunicarse cos demais, para comprender as noticias ou para valorar as accións dos gobernos: ¿que é o PIB,  a taxa de paro, a inflación, o euribor? Hai ademais moitas cuestións que suscitan a nosa curiosidade e que a maioría das persoas botan de menos na súa formación: ¿como funciona a Bolsa? ou ¿por que acontecen as crises económicas?

A financiación das Administracións Públicas (Concellos, Deputacións Provinciais, Gobernos Autonómicos e Centrais, U.E.), da Seguridade Social, e os servizos públicos prestados polas mesmas; o déficit público, a globalización, o subdesenvolvemento, son temas de debate na sociedade actual e obxecto de diversas propostas por parte dos diferentes grupos sociais e políticos. Para poder valorar de forma razoada estas propostas e tomar postura ante elas cómpre dispoñer dunha formación económica básica.

O fomento do espíritu emprendedor é recoñecido pola Unión Europea como unha competencia clave para enfrontar os cambios sociais e económicos que derivan da sociedade do coñecemento. O mundo da empresa está presente a diario nos medios de comunicación, forma parte da vida de millóns de persoas e repercute en todos os fogares. Relacionar o alumnado coa realidade do seu contorno socioeconómico e produtivo adquirindo coñecementos de xestión empresarial,    valorarando as súas consecuencias desde un punto de vista social, ético e ambiental,  é o labor xeral do Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras e da Economía da Empresa: ¿como funciona a empresa onde traballo?; ¿podería converterme en empresario ou empresaria?; ¿podería influir no mundo no que vivo creando unha asociación?. A Economía da Empresa introduce ó alumnado no ámbito co que se vai relacionar ao longo da súa vida. O proxecto empresarial de 2º de bacharelato, pretende globalizar os contidos da materia e afianzar a iniciativa emprendedora, xa estimulada na etapa da ESO coa materia Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras.

ECONOMÍA, é unha materia propia da modalidade de Humanidades e Cc. Sociais. Impártese en 1º de bacharelato. Esta materia está asociada ás ramas de coñecemento universitarias de: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñarías e Arquitectura.

A materia OBRADOIRO DE INICITATIVAS EMPRENDEDORAS é unha optativa da ESO. Para poder seguir con aproveitamento as materias do bacharelato da modalidade de humanidades e ciencias sociais impartidas por este departamento, aconséllase cursala en 4º.

ECONOMÍA DA EMPRESA, é unha materia propia da modalidade de Humanidades e Cc. Sociais. Impártese en 2º de bacharelato. Esta materia está asociada ás ramas de coñecemento universitarias de: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñarías e Arquitectura. Tamén permite, ás persoas de 19 anos ou máis sin título de bacharel, o acceso mediante proba para os ciclos superiores das seguintes familias profesionais: Administración e xestión, Comercio e marketing, Hostalería e turismo, Servizos socioculturais e á comunidade.

Tanto Economía como Economía da empresa pode solicitarse como optativa polo alumnado que estea a cursar outras modalidades.

Se estás interesado ou interesada en coñecer o que se dá e como se avalía, mira os programas nos ficheiros adxuntos.

AdxuntoTamaño
INICIATIVA EMPRENDEDORA.doc39 KB
ECONOMÍA 1º BACHA..doc188.5 KB
ECO. EMPRESA. 2º BACHAR.doc128.5 KB

Volver arriba