Actividades

Espazo para as actividades da biblioteca.

Menú especial de lecturas para conmemorar o Día de Rosalía

Exposición de Rosalía Exposición de Rosalía

Para conmemorar o Día de Rosalía, a biblioteca do centro lanza un “menú de lectura” moi especial. Trátase dunha  escolma literaria e musical arredor da figura da Rosalía de Castro, con libros e CD-DA presentados para lectores de diferentes idades.

Unha pequena homenaxe, a xeito de guía de lectura, que poderás atopar na cafetería do centro ao longo da semana que lembramos a unha das grandes autoras das nosas letras.

Versos e imaxes para conmemorar o Día de Rosalía

Exposición de Rosalía Exposición de Rosalía

Para conmemorar o Día de Rosalía, que celebramos o 24 de febreiro, a biblioteca municipal escolar “Roberto Vidal Bolaño” recupera unha pequena exposición de seu, con retratos e poemas de Rosalía de Castro.

"Unha imaxe e mil versos:  fotografías e poemas de Rosalía de Castro" recolle versos seleccionados de “Cantares gallegos” e “Follas novas”, dúas das publicacións máis recoñecidas de Rosalía. Cada poema (ou fragmento) acompáñase dun retrato da poetisa tomado da selección que recolle na súa páxina web a Fundación Casa Museo de Rosalía de Castro. Un proxecto que desexa dar visibilidade á figura e á obra desta gran autora na semana que celebramos o 180 centenario do seu nacemento.

Esta mostra poderá verse simultaneamente na biblioteca municipal, froito da colaboración entre ámbolos doua centros.

A biblioteca homenaxea a Camilo Díaz Baliño no Día da Ilustración

header

Para conmemorar o Día da Ilustración que celebramos o 30 de xaneiro coincidindo co nacemento de Castelao, a biblioteca escolar organiza unha exposición que permanecerá activa as vindeiras dúas semanas.

Trátase dunha pequena homenaxe a Camilo Díaz Baliño (1889-1936), pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro galego do deseño. Un artista que viu truncada a súa vida e carreira pola represión franquista.

Esta actividade da biblioteca do centro inspírase na Biblioteca de Galicia, que acolle a exposición “Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada”. A mostra recolle documentos, imaxes e obras doadas por Isaac Díaz Pardo (fillo de Camilo), á Biblioteca e Arquivo de Galicia. Este arquivo pódese consultar en liña na biblioteca dixital Galiciana.

Citando as palabras de Xermán Hermida en Culturagalega.org: “Foi un artista do seu tempo, tanto estilisticamente como no xeito de traballar. Cunha importante vocación divulgativa, desenvolveu un grande labor na ilustración de carteis e de libros, con traballo en escenografías teatrais e vencellado ao cinema. Como parte fundamental do seu legado artístico fica a construción de todo o imaxinario vencellado as Irmandades da Fala e ao galeguismo do primeiro terzo do século XX.”

Felices festas e boas lecturas!

header
Non falta nada para as vacacións de Nadal! Unha época de celebracións na que a lectura tamén pide un oco no tempo de lecer que nos espera. Dende a biblioteca do centro propoñémosche unha pequena escolma de títulos que presentamos en forma de exposición bibliográfica.
Nela atoparás libros informativos e de ficción, CD-Audio e DVD, para que escollas e retires en préstamo aqueles materiais que che resulten máis atractivos para gozar deles nas vindeiras festas. Se aínda non es usuario socio da biblioteca, a que esperas!; este é o momento de darte de alta e conseguir a túa tarxeta de lector/ra. Un documento que pon ao teu alcance milleiros de títulos en diferentes formatos que poderás retirar en préstamo domiciliario.
Felices festas e boas lecturas!

Exposición 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

header

Tódolos 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en su resolución 54/134 el 17 de decembro de 1999.

Unha data sinalada para visibilizar un problema, unha efeméride para mobilizar á toda a sociedade contra calquera forma de violencia contra as mulleres: física, sexual, psicolóxica e económica, ou de calquera outro tipo.

Dende a biblioteca escolar queremos facer a nosa particular achega cunha selección de materiais da colección que todos e todas podemos consultar no expositor da sala principal. Porque a información é a mellor arma para coñecer, identificar e denunciar un problema que entre todos e todas podemos solucionar.

foto_01 foto_02

Exposición bibliográfica Letras Galegas 2017: Carlos Casares

header

No mes das Nosas Letras, que este ano conmemora a figura do escritor, profesor, político e editor Carlos Casares, o IES de Brión e a biblioteca escolar participa de diferentes actividades en lembranza deste destacado autor.

Co fin de achegar a obra de Carlos Casares á comunidade educativa do centro, a biblioteca escolmou una selección de libros do autor que poderás atopar no expositor situado na sala principal. Unha mostra que se complementa cun “menú de lecturas” moi especial que na segunda quincena de maio dedicamos en exclusiva ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017.

imag_01imag_02

Exposición "Portugal en imaxes"

header

Con motivo da viaxe a Portugal que vai celebrarse o vindeiro mes, en marzo propuxemos á comunidade educativa do centro participar nun “tour” fotográfico polo país veciño. A idea era recompilar imaxes das nosas visitas a Portugal para compartilas nunha exposición.

Grazas a colaboración de todos e todas acadamos o obxectivo proposto. Dende o 5 de maio, e ata rematar o curso, unha recompilación de case corenta fotografías permanecerá exposta no centro accesible no corredor que conduce ata a biblioteca.

Asemade, a mostra fotográfica compleméntase con outra bibliográfica que escolma libros en lingua portuguesa que forman parte dos fondos da biblioteca escolar: con novela, poesía, BD, etc.

foto 01foto 02

foto 03foto 04

Día Mundial do Teatro na biblioteca

header

Cada 27 de marzo celebramos o Día Mundial do Teatro, una data que se conmemora internacionalmente con diferentes eventos dentro e fóra da comunidade teatral. Un dos máis destacados e a circulación dunha mensaxe onde unha figura destacada de talla mundial comparte as súas reflexións sobre as Artes Escénicas, a Cultura e a Paz. Este ano a encargada de facelo é a recoñecida actriz francesa Isabelle Huppert,recentemente candidata aos Oscar e gañadora dun Globo de Oro como mellor intérprete.

Na biblioteca do centro, e para conmemorar esta efeméride, presentamos unha exposición bibliográfica e audiovisual onde recollemos unha ampla selección de obras teatrais e libros sobre arte dramática. Con dous apartados, “teatro para ler” e “teatro para ver”, a mostra recolle asemade unha escolma de DVD do Centro Dramático Galego con representacións teatrais en vivo.

Feliz día do Teatro!

imag_01imag_02imag_03

Portugal en imaxes. Unha viaxe fotográfica polo país veciño

Cidade do Porto

Con motivo da viaxe a Portugal, dende a biblioteca do centro propoñémosche facer antes un “tour” fotográfico polo país veciño. Todas e todos podemos participar nel achegando imaxes de lugares e paisaxes, monumentos significativos, etc… que visitaramos en algunha viaxe por terras alén do Miño. Evitade os retratos e imaxes de contido persoal e dirixide a vosa atención a lugares que vos impresionaron especialmente: museos, monumentos, edificios, entornas naturais, praias, etc.

As fotografías podédelas entregar en formato dixital (preferiblemente) ou en papel. Os arquivos recolleranse na biblioteca do centro durante os recreos. Cando o fagades, indicade o lugar de captura da imaxe.

Animádevos a participar! Deste xeito, faremos entre todas e todos unha viaxe colectiva polo país veciño.

Día Mundial da Poesía na biblioteca

header

Cada 21 de marzo, e dende 1999 a proposta da UNESCO, celebramos o DIA MUNDIAL DA POESÍA. Unha data que coincide co inicio da primavera no hemisferio setentrional, un día para festexar a palabra esencial e a reflexión sobre o tempo no que vivimos.

Dende a biblioteca escolar propoñemos a toda a comunidade educativa do centro achegarse á poesía a través dos versos de autores diversos, que escribiron en diferentes linguas pero presentaron na súa obra un sentimento universal expresado a través deste xénero literario fundamental.

Para tal fin, presentamos unha exposicións bibliográfica composta por obras de diferentes autores, acompañada dunha escolma de poemas dalgúns dos creadores máis significativos das literaturas castelán, francesa, galega e inglesa.

Trátase dunha pequena mostra para espertar a vosa curiosidade pola poesía, unha selección que esperamos vos conduza a descubrir a inmensa riqueza que atesoura a palabra rimada feita verso.

Exposición Día da Poesía 01Exposición Día da Poesía 02

Distribuir contido