Recuncho literario

"As nubes " un relato de Xulia Sánchez Rodríguez

A memoria é como o disco duro dun pequeno ordenador portátil (ti). Nel podes almacenar todo tipo de lembranzas, ata que chegas a un tope, e tes que borrar algún do pasado. O problema é que ti non es o que escolle os teus recordos, senón que se eliminan automaticamente. O dilema xorde cando se borran esas lembranzas que ao mellor ti si querías lembrar.
Os recordos tamén van en concordancia coa túa idade, é dicir, cando ti es pequeno, os teus recordos están completamente desordenados e non sabes moi ben cando ocorreu cada un. Pero, a medida que vas medrando, vanse creando cartafois na túa computadora e vas colocando os recordos neses cartafois e, cando alguén che conta unha historia que se pareza bastante a unha lembranza que está no cartafol dos recordos “Sen nome”, colócase automaticamente no cartafol apropiado.
Pero, como computadora que es, tamén haberá moitos virus que poidan acabar co teu disco duro e, ao mellor, contigo. Nestes virus es ti o que fai “clic” sobre o enlace que te leva a eles co teu inocente, ou non tanto, rato; e tamén es ti o único que pode poñer o antivirus a tempo para que as túas lembranzas máis queridas non pasen a ser outras das que non quererías nin oír falar.
Outro virus entra no teu disco duro sen que ti fagas “clic” sobre nada: o Alzheimer. Este virus entra na túa memoria e comeza a xogar con ela ao comecocos: pouco a pouco, vai papando un a un os teus recordos e ti vas esquecendo todo o que ocorreu e ocorreu ao teu redor. Se es avó ou avoa, xa non poderás contarlles aos teus netos as túas toladas de rapaz que, coma calquera avó, esaxerarás para que os teus netos queden pampos e teñas que volver a contarllas cada vez que as pidan (que seguro que han ser moitas), e ti contarás encantado unha e outra vez.
Lamentablemente, non hai un antivirus que acabe co Alzheimer, senón que tan só o atrasa, ata que o teu disco duro vaia quedando en branco, tan branco como as nubes que, nos teus tempos, adoitabas quedar mirando horas cos teus amigos, a túa familia ou esa persoa especial que xa non poderás lembrar máis.

 

Xulia Sánchez Rodríguez  1ºB
1º PREMIO do Concurso de Microrrelatos

"O resolvepesadelos", un relato de Rosalía Casas Cabaleiro

Antes de comezar a miña historia, quixera presentar ao meu acompañante: a miña conciencia. Ou, como o chamo eu, o “aquel”. Si, xa sei, é un nome un pouco...pero o “aquel” é o que me interrompe sempre mentres narro, utilizando parénteses. (Boh! Nunca comprendeches o modernos que son os parénteses). A iso me refiro...Antes de que comeces a dar a lata, vou xa co conto:
Unha soleada mañá de primavera, fun inqueda a ver o correo cand...(pff...por favor) Mira, co ben que me estaba quedando e xa vés ti a estragalo, burriño. (Ti mira que pouco defendes aos animais) CALA UN POUCO!!!
Como dicía, collín as cartas e pareime a ler unha moi peculiar. Tratábase dun concurso chamado O resolvepesadelos. Ao ler o título collín un pouco de medo. (Galiña, galiña) Vaites, non eras ti o defensor dos animais?
O caso é que, como decidín ir, prepareime e fun deica a lagoa de Antela, que era onde se celebraba o concurso. (Faltouche o detalle do castigo...que farías sen min!). Ah, si! Se gañabas, elixías o premio que querías;  se perdías, acabarías estancada no “pantano do cheiro que fede”. Cando cheguei alí, vin ao presentador do concurso e comecei a falar:
—Bo día, señor. É vostede o presentador do concurso?
—Son, son, e se vostede é unha participante colóquese na máquina para comezar.
Eu...espera, AQUEL!, levas sen criticar moito tempo, pasa algo? (Non, e que os parénteses nos diálogos non se levan). En fin...metinme na máquina e recordei que o meu peor pesadelo fora o de perder a memoria. Comprendín que tiña que resolvelo e a partir de aí pasaron moitas cousas que non me chega o papel para contar, pero se queredes saber como acabou pois...o “pantano do cheiro que fede” non está tan mal...(Pero, que final é ese?)
BOH, CO SENTIMENTAL QUE ME QUEDABA!!! (arre demoo...esquecécheste do FIN!!).

 

Rosalía Casas Cabaleiro. 1ºA
2º PREMIO no Concurso de Microrrelatos

Un relato de Mar Tobio Mouriño

recordos

 

Todo comezou hai arredor dunha semana, cando os meus recordos aínda eran aburridos e sen emocións, si, estou seguro de que o primeiro recordo recibino a semana pasada, cando estaba a falarlle da miña aburrida infancia ao meu neto. Mentres recordaba, encontrei na miña memoria unha estraña lembranza dunhas emocionantes vacacións en China, aínda que sabía ben que eu nunca saíra de Galiza. Pero era un recordo demasiado emocionante para non contarllo ao meu neto.

―Nunca me contaras ese recordo! Que emocionante!―dixo o rapaz abraiado.

Cando marchou, empecei a pensar como puido ser que chegara ese recordo á miña memoria, pero non encontrei explicación ningunha, así que resigneime a utilizalo como meu.
Nos seguintes días chegáronme máis recordos: unha cea cunha rapaza fermosa en París, unha semana convivindo cunha tribo africana...
Ao comezo non llos contaba a ninguén porque sabía que non eran meus, pero despois duns días perdín o medo e conteille as “miñas” aventuras a toda a xente coñecida.
Non tardei moito en descubrir o porqué de todos eses recordos. Veu vivitarme un vello amigo, do que había moito tempo que non escoitara falar. Explicoume que como sabía que non lle quedaba moito tempo de vida, debido a un cancro de pulmón, decidira darme todos os recordos a min, porque sabía que eu sempre me andaba a queixar da miña aburrida vida. Unhas semanas despois, recibín a noticia da súa morte.
Cando me chegou a hora, paseille os recordos ao meu fillo, e el pasarallos ao seu...e así sucesivamente, de maneira que eses recordos tan valiosos nunca se perderán...

 

 Mar Tobío Mouriño. 2ºA
3º PREMIO do Concurso de Microrrelatos

Entrega de premios do Concurso de Microrrelatos 2012

Imaxe

O xurado do Concurso de microrrelatos 2012, formado por alumnado do club de lectura (Martín Chaves, Iago López, María Otero, Lorena Quinteiro, Ana Sabugueiro, Karla Saenz, e Nerea Vidal) e a súa coordinadora (Mercedes Souto), decidiron premiar tres relatos do 1º ciclo, ao considerar que no 2º ciclo non hai relatos coa suficiente calidade para ser premiados. Engádese, deste xeito, un 3º premio de 20€.

Convidámosvos á entrega de premios que terá lugar o venres 1 de xuño no 2º recreo na Biblioteca. Proximamente poderedes ler os microrrelatos gañadores na páxina web do centro (sección Biblioteca→Recuncho do lector→Recuncho literario).

Grazas a todo o alumnado que participou.

CONCURSO DE MICRORRELATOS 2011-2012

  

A biblioteca Roberto Vidal Bolaño convoca un novo concurso de microrrelatos, este ano en relación co tema da memoria. O prazo de presentación dos traballos remata o 16 de maio. Consulta as bases.

¡ Animádevos a participar!


Gañadores do Concurso de Microrrelatos

A continuación presentámosche os microrrelatos gañadores do Concurso organizado dende a biblioteca do centro. Son as historias seleccionadas e premiadas por un xurado formado por alumnos do centro que non o tiveron nada doado á hora de emitir un veredicto.

Senta diante do PC e goza coas historias que podes ler a continuación...

"A noite no monte" de Minia Grobas Sebio - (1º B)

Un día calquera de verán, en Santiago, (que daquela era todo fincas) vivía Paco coa súa familia. Paco adoraba aos seus avós, por este motivo sempre os acompañaba a apañar o molime para estrar as cortes. Ían sempre ao monte máis próximo, que daquela non era difícil de atopar, pois aínda abundaban. Alí Paco non facía gran cousa, pois só tiña seis anos e non o deixaban facer nada, polo que aquel día, coma sempre, tumbouse a descansar debaixo dunha espléndida sombra dun carballo. Cando chegou a hora de marchar, entre tanto traballo, os avós non se decataron de que Paco non os acompañaba e quedara a durmir. Ao chegar á aldea, os pais preguntaron polo fillo e, ao ver que non estaba, correron alarmados de volta ao monte. Era xa de noite e non se vía nada, pero iso non impediu que o buscasen todo o que puideron. Finalmente, cando xa comezaba a amencer, atoparon ao pobre rapaz cunha cara que daba frío vela e totalmente desorientado.

Dende aquel día en diante, Paco non volveu a ser o de sempre. Todo lle daba medo, sempre andaba só e debuxaba na terra continuamente algo extraño, un corpo metade home e metade lobo. De alí a unha semana, Paco apareceu morto no monte con grandes rabuñazos, feridas e unha cara con ollos ben abertos que miraban fixamente a algo; ou a alguén. Moitos din que a súa morte ten que ver con aquela figura tan extraña que el, atemorizado, sempre debuxaba; ninguén vira tal cousa, pero moitos xa comezaban a sospeitar que aquela fora a causa. Á criatura bautizárona como Lobishome, que co paso do tempo deu lugar a moitas historias que coñecemos hoxe, para asustar aos rapaces. Pero, cres ti que o acabado de contar é tamén tan só unha simple historia?

 

1º Premio da Categoría Primeiro Ciclo do Concurso de Microrrelatos

"Vida de un árbol" de Mar Nieto Sánchez - (4º A)

Cuando un árbol nace, es prácticamente independiente. Esa pequeña semilla que se ha cáido de otro árbol ya ha abandonado el seno de su madre.

Echa raíces en su nuevo hogar, haciendo suya esa pequeña porción de tierra y piedrecitas. Convive con otros árboles y algún que otro animalito. Las ardillas son particularmente ruidosas y algunas veces, hasta molestas, pero al árbol no le importa, le hacen compañía.

Años después tendrá sus propios hijos, pequeñas semillas a las que deberá dejar ir, porque aun siendo tan jóvenes, ya tienen ganas de crecer por sí solas.

Pasarán muchos otoños, en los que perderá sus hojas; inviernos fríos, puede que tristes; primaveras en las que podrá ver crecer a sus retoños; y numerosos veranos, cálidos y llenos de nuevos frutos ya maduros y sabores exóticos.

Pero un día llegará un hombre, le palmeará el tronco y gritará: “Éste abajo”, obviamente, sin tenerle en cuenta. Y ahí se acabará todo. Y en ese momento deseará ser el primero al que derriben, para no ver cómo ese hombre destruye sus casa, se adueña de su tierra y sus piedrecitas y deja a las ardillas sin nadie a quien molestar.

1º Premio da Categoría Segundo Ciclo do Concurso de Microrrelatos

Un microrrelato de Paula Rodríguez Godino - (1º B)

Todos os venres ían ao bosque. Ela poñíase o seu vestido vermello, e el ía coma todos os días. Mais ese non era un venres normal, ese era o venres no que Miguel diría a Clara o que sentía. Eran os mellores amigos dende os tres anos, e agora, con catorce, el quería levar a relación máis lonxe. Estaba moi nervioso, preparara o que lle ía dicir dende o venres pasado.

Pensei que...Non, iso non queda ben.

Miguel practicaba o seu “discurso”.

Hai moito tempo que che quería dicir unha cousa... Non, iso tampouco.

Inesperadamente e por sorpresa, entre as pólas das grandes e acolledoras árbores deste monte tan especial, apareceu Clara. Miguel estaba tan concentrado que non se dera conta de que a súa amiga estaba detrás del, e esta aproveitou para darlle un susto. Xa recuperado, foron aos banquiños onde todos os venres os podían atopar, debaixo das árbores que facían de paredes altas e seguras, e a carón do río, que parecía cantar nanas para os paxariños.

Miguel non se atrevía a dicir nada por medo ao rechazo. Pero chegou o momento, os ollos dos dous estaban cravados coma unha frecha no corazón. O vento susurraba entre as pólas das árbores, e Miguel atreveuse a dicir:

Hai tempo que che quero dicir unha cousa — Miguel colleu a Clara da man— Quérote. Queres ser a miña noiva?

Clara non contestou, pero no seu lugar deulle un bico no beizos.

Ao día seguinte, o pai de Clara díxolle que mudaban moi lonxe pola escaseza de traballos. Miguel e Clara non se volveron a ver máis, pero para ambos o río do monte Pindo será un lugar moi especial.

2º Premio da Categoría Primeiro Ciclo do Concurso de Microrrelatos

"A flor azul" de Ana Souto Villanustre - (4º B)

Hai moitos anos, nun precioso palacio vivía un ousado e atractivo príncipe. Nun bosque que se atopaba preto do palacio vivía unha fermosa moza nunha humilde casa de madeira a carón do río.

O príncipe, nun dos seus habituais paseos polo bosque, atopouse cunha manda de lobos. O seu cabalo, asustado pola presenza dos famentos animais, encabritouse e tirou ao seu amo ao chan. A moza do bosque pasou por alí e non dubidou en socorrelo. Levouno á súa casa e curoulle as feridas que percorrían o seu corpo. O príncipe, xa recuperado, quedou abraiado pola beleza da moza e namorouse da súa viva e leda mirada azul. Agradecido, díxolle que pronto volvería ao bosque para vela. O tempo pasaba e o prícipe non volvera a pisar o bosque, pois investira o seu tempo en acudir a festas e a engaiolar ás damas do reino; pero esquecérase da moza que lle salvara a vida. Un día, cando outeaba o horizonte desde a súa ventá, fixouse no ceo celeste e lembrouse daqueles ollos. Sen dubidalo, montou no seu cabalo e acudiu ao encontro da moza. Cando chegou á casa atopou o corpo da moza no chan, frío e pálido coma a porcelana. Estaba morta. O príncipe sentíase tremendamente desgraciado e culpable, pois non cumprira a súa promesa. Traicionara á persoa que o salvara. O triste príncipe enterrou o corpo da moza na ribeira do río e alí brotou unha grácil flor dun intenso azul. As bágoas do príncipe caeron sobre os pétalos e durante os anos seguintes o príncipe seguiu acudindo ao lugar no que descansaba a moza.

Aquel malfadado mozo, que xa faleceu, segue chorando a morte da moza e tódalas noites, as súas bágoas seguen acariñando os pétalos da delicada flor azul. O orballo é o lamento dun xove cuxa tristeza nunca se apagará.

2º Premio da Categoría Segundo Ciclo do Concurso de Microrrelatos

Distribuir contido