O IES de Brión participa na 3ª edición de Wisibilízalas [4], unha convocatoria do Departamento ETIC da Universidade Pompeu Fabra que presenta os seguintes obxectivos:
- Xerar reflexión nos institutos sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía
- Dar visibilidade a mulleres que traballan no ámbito das TIC
- Potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía
A convocatoria consiste na creación dunha páxina web que describa a carreira de mulleres contemporáneas que traballen no ámbito das TIC.
LuminísTICas [3] é a proposta presentada polo alumnado de TIC I de 1º de Bacharelato Científico Tecnolóxico coa colaboración de alumnado de EPVA de 4º de ESO. O traballo consiste nunha páxina web na que publicamos os perfís, entrevistas e referencias de mulleres galegas ou formadas en Galicia que traballan co sector TIC e participan activamente en proxectos de divulgación de mulleres nas TIC.
Queremos expresar o noso agradecemento a todas as mulleres que participaron no proxecto.