05/03/2013 08:35
05/03/2013 14:05
Etc/GMT

Os departamentos de Tecnoloxía, Bioloxía e  Física organizan a participación do alumnado de 4º de ESO na Xornada de EFICIENTIC en Vigo.

Dende a imaxe podes acceder ás imaxes do alumnado do IES de Brión na xornada de EficienTIC

EFICIENTIC é un proxecto de divulgación científica que consiste nun conxunto de actividades e talleres co obxectivo de difundir e divulgar os conceptos básicos e as tecnoloxías máis innovadoras das áreas nas que traballan EnergyLab ( Centro tecnolóxico de Eficiencia e sustentabilidade enerxética) e Gradiant ( Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), que son as áreas de Eficiencia Enerxética e das Tecnoloxías da Información e Comunicacións.

O programa da xornada consta de:

  • Charla para introducir os aspectos fundamentasi sobre as TIC e a Eficiencia Enerxética e actividades iniciais.
  • Talleres:
    • Xeración de enerxía pedaleando
    • Illamento
    • Recoñecemento facial e consellos de aforro no consumo dos computadores
    • Hidróxeno para a mobilidade
    • Energy Harvesting
    • Xeración de enerxía a partir de cambios de temperatura
    • Auditoría enerxética

EFICIENTIC na TVG

 

COCIÑA SOLAR PARABÓLICA

Enviado por admin o Mér, 27/02/2013 - 23:20

Os departamentos de Tecnoloxía, Debuxo, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía, organizaron na terceira e cuarta sesión do mércores 27 de febreiro unha demostración do funcionamento dunha cociña solar parabólica.

O profesorado desenvolveu con parte do alumnado de 1º de bacharelato, 4º ESO e 2º ESO, contidos específicos das diferentes materias.

A cociña empregada foi o resultado dun proxecto desenvolvido no curso 2009/10 por alumnado de Tecnoloxía Industrial I e Debuxo Técnico I.

Nesta ocasión logrouse quentar auga ata unha temperatura de 80 º C.

ALUMNO PREMIADO NA IV OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA

Enviado por admin o Mar, 26/02/2013 - 23:35

 

Joaquín Mato Paredes, alumno de 2º de Bacharelato, gaña o Accesit de Bacharelato da IV Olimpíada de Xeoloxía celabrada o pasado martes 19 de febreiro na Escola de Minas da Universidade de Vigo. Parabéns.

Ligazón ao Diario da Universidade de Vigo onde saiu a noticia da celebración da olimpíada.

NACE RADIO emBRIÓN

Enviado por admin o Lun, 25/02/2013 - 23:30

Este curso estamos a por en marcha un  proxecto de radio escolar co obxectivo de dinamizar e mellorar a convivencia no IES de Brión, un proxecto que bautizamos co nome de RADIO emBRIÓN, insertado dentro da programación da materia de Proxecto Interdisciplinar en 1º de ESO pero tamén aberto a todos os alumnos que queiran participar.

A día de hoxe xa fixemos varios programas que están colgados na páxina do IES e outros que están en proceso. Tamén temos un programa de futbol, tertulias, cine, divulgación, cociña, informativos... todo o que se poida facer dende unha radio escolar. Pouco a pouco verán a luz.

Queremos que os alumnos sexan os protagonistas, fomentar a súa responsabilidade como " xornalistas ", motivar o seu interese pola comunicación oral e escrita e facilitar un medio de comunicación para a comunidade educativa de Brión.

Tamén temos un blog onde podedes participar cas vosas opinións,críticas,suxestións... e así facer que este proxecto mellore día a día. 

 

Accede á nova sobre o tema publicada por "El Correo Gallego" na súa edición dixital.

JUVENES TRANSLATORES

Enviado por admin o Mér, 23/01/2013 - 12:05

 

O 27 de novembro, un grupo de alumnos de 2º de Bacharelato participou nun concurso de tradución Juvenes Translatores organizado conxuntamente en todolos países da UE pola Comisión Europea. O noso centro foi un dos 54 centros, e o único en Galicia, seleccionados en España para participar. Noraboa a todos.

O pasado martes 22 de xaneiro, Ana Souto e Gabriel González foron entrevistados no programa Aquí Galicia da Radio Galega. Accede ao podcast (01:41:40).

O Conselleiro de Educación Jesús Vázquez Abad, fíxo chegar os seus parabéns pola participación neste concurso.

Accede á nova publicada sobre o tema na sección Terras de Santiago de El Correo Gallego na súa edición dixital.

A Comisión Europea publica a lista de ganadores do concurso Juvenes Translatores 2012.

Nesta ligazón pódense ler os traballos premiados.


RISCOS DE INTERNET NA POBOACIÓN ADOLESCENTE

Enviado por admin o Lun, 21/01/2013 - 16:49

O vindeiro mércores 23 de xaneiro ás 19:30 h terá lugar no IES de Brión unha charla relativa aos riscos de internet na poboación adolescente. A charla, impartida por un experto da Garda Civil, é unha actividade programada conxuntamente co CEIP de Pedrouzos e orientada ás familias do alumnado de ambos centros.

Presentarase, asimesmo, o traballo que realiza Servicios Sociais do Concello de Brión en colaboración cos centros educativos.

CADEA HUMANA DEZ ANOS DESPOIS

Enviado por admin o Xov, 20/12/2012 - 20:46

O xoves 20 de decembro de 2012 unha cadea humana no patio do instituto lembraba a realizada o 22 de xaneiro de 2003 na Costa da Morte como resposta á catástrofe do Prestige.

A nova na prensa:

Faro de Vigo

La opinión

Esta acción simbólica arredor do acontecido, pero sobre todo do que nunca máis debera acontecer, estivo acompañado da lectura dun manifesto.

 
     

MANIFESTO

Hai agora 10 anos o petroleiro "Prestige" naufragaba fronte as nosas costas verquendo no mar a súa velenosa carga.
Centos de miles de persoas se mobilizaron daquela para limpar praias e coídos e impedir que o chapapote entrara nas rías, pero tamén para  manifestarse públicamente contra as mareas negras e polo coidado e a protección do medio mariño.
10 anos despois sigue sendo necesario recordar e dende o IES de Brión queremos facelo; para iso unímolas nosas mans para berrar moi, moi forte: MAREAS NEGRAS NUNCA MAIS.
-Por un control estrito do tráfico de mercadorías perigosas preto das nosas costas
-Pola redución do consumo de petróleo e polo uso de enerxías limpas, autóctonas e renovables.
-Nunca máis barcos-lixo luxando os nosos mares
-Nunca máis mareas negras emporcando praias e coídos
-Nunca máis mareas negras prexudicando a saúde e acabando co medio de vida de tanta xente.
-Nunca máis mareas negras destruíndo o ecosistema mariño.
Porque queremos un mar de vida e non de morte: MAREAS NEGRAS NUNCA MÁIS.

 
   
 

CONFERENCIA: LOITA CONTRA A MAREA NEGRA

Enviado por centro o Ven, 14/12/2012 - 15:05

O vindeiro Mércores 19 de decembro terá lugar unha conferencia de Emilio Louro, secretario da Confraría de Lira, para o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato ás 10:25 na aula de usos múltiples sobre a Loita contra a Marea Negra.

 

   

 

Logo de compartir xenerosamente con nós experiencias e coñecementos, e sobre todo logo dunha importante lección de dignidade, Emilio Louro recomendou o visionado do documental "Historias del chapapote"; así que decidimos insertalo aquí para maior comodidade.

 

 

 

Historias del Chapapote (DOC/35'/ES/PAL 4:3) from elegantmob on Vimeo.

OPINIÓN SOBRE BECAS ERASMUS

Enviado por centro o Lun, 10/12/2012 - 22:51

O xornal El País publicou recentemente na sección " Cartas al director" a opinión da alumna de 2º de Bacharelato Ana Souto Villanustre sobre o recorte das Becas Erasmus. Preme na imaxe para acceder á carta.

NUNCA MÁIS MAREAS NEGRAS!

Enviado por admin o Ven, 07/12/2012 - 00:55

 

 

10 ANOS DA CATÁSTROFE DO PRESTIGE

 

 

 

 


Hai agora 10 anos o Prestige verquía a súa velenosa carga provocando unha marea negra que asolou as nosas costas. Centos de miles de persoas se mobilizaron entón para:

-Impedir que a marea entrara nas rías, paraíso de biodiversidade e riqueza, ecosistemas en delicado equilibrio que serían destruídos se non fora polos mariñeiros.

-Limpar as praias e coídos, como fixeron as e os voluntarios chegados de todos os lugares do mundo.

-Crear conciencia cidadá sobre a necesidade de protexer e coidar o mar, chamar a atención sobre as nefastas consecuencias dun sistema enerxético baseado no consumo de petróleo e manifestar publicamente o rexeitamento a que barcos nas condicións nas que estaba o Prestige (sen dobre casco, con bandeira de conveniencia, cunha tripulación pouco avezada e con múltiples avarías no seu historial) seguiran navegando polos nosos mares.

O feito de que ao cabo de 10 anos sigamos consumindo petróleo desaforadamente e de que barcos como o Prestige sigan trasladando duns países a outros a súa carga mortal, fai necesario traer á memoria o que ocorreu... para que NUNCA MÁIS volvamos ter mareas negras!

Con esta idea, no IES de Brión pretendemos traballar nas aulas e  desenvolver unha serie de actividades ao longo do curso, comezamos montando unha exposición que vos invitamos a ver e que esperamos que siga medrando coas vosas achegas.


 

Distribuir contido


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
Drupal theme by Kiwi Themes.