CIRCUITO DE PISTAS PARA DESPEDIR O TRiMESTRE

Enviado por carmengf o Xov, 23/12/2021 - 18:44

Este luns 20 de decembro o alumnado de 1º de Bacharelato realizamos unha actividade en grupos que nos fixo percorrer todo Brión, examinando tanto a nosa capacidade física como a nosa memoria.

Consistía en facer unha ruta atopando códigos QR, os cales ao ser escaneados revelaban as coordenadas do seguinte código e así sucesivamente ata volver ao instituto. Máis iso non era todo. Os códigos tamén traían preguntas sobre bádminton e voleibol (os dous deportes que practicamos durante o trimestre) e preguntas de todo tipo sobre o que se atopaba ao noso arredor. Por exemplo, nalgúns dos dez códigos da andaina preguntábanse cousas moi variadas dende ¨cantos sets ten un partido de bádminton en dobres?¨ ata ¨que se tira en cada contedor?¨. Empregamos a aplicación de wikiloc para gravar o noso percorrido e sacar fotos de cada lugar onde parábamos.

Pese as lixeiramente adversas condicións meteorolóxicas, todo o alumnado pasou un rato moi agradable percorrendo a nosa vila. A maioría acabamos bastante cansados despois das aproximadamente dúas horas de ruta, mais por sorte tiñamos unha peza de froita esperándonos cando volvéramos ao centro, para repoñer enerxías. Persoalmente, penso que este tipo de actividades logran combinar dunha forma moi efectiva o exercicio físico e a aprendizaxe, ademais de ser divertidas para nós. Diferenciouse do que adoitamos entender por unha clase de educación física, mais foi sen ningunha dúbida unha das mellores.

Martina Sambade Formoso 1º Bacharelato A


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
Drupal theme by Kiwi Themes.