MULLERES TIC. CONFERENCIAS

Enviado por centro o Ven, 05/04/2019 - 18:38

O xoves 4 de abril, Eva Cernadas, profesora de Enxeñería Informática da USC e investigadora no CITIUS, impartiu a conferencia "Informática visual aplicada á Medicina e á Bioloxía" na aula de usos múltiples do instituto para alumnado de 1º A de ESO e 1º de Bacharelato de TIC. A profesora Eva Cernadas xa colaborara con parte deste alumnado cunha entrevista para a páxina web Luminísticas.

Eva Cernadas falounos de mulleres e homes relevantes na historia da Informática, de linguaxes de programación e programas informáticos, píxeles, resolución, e outras cuestións técnicas sobre imaxe. Finalizou a súa conferencia amosándonos programas creados por ela mesma para a análise de imaxes, que se aplican nos campos da Mediciña e a Bioloxía.

A continuación impartiu un obradoiro para o alumnado de Bacharelato no que profundizou nas aplicacións creadas por ela e insistiu na importancia de considerar as aportacións á sociedade deste tipo de proxectos. Afondou asimesmo nas linguaxes de programación empregadas para crealas, nas súas características e especificidades. Explicou diferentes proxectos nos que participou e  conversou co alumnado sobre metodoloxías de traballo no campo das TIC e da Ciencia en xeral.

Por outra banda, o pasado venres 29 de marzo, a profesora Susana Ladra, directora do Campus Innova da UDC impartiu a Charla Divulgativa "A nosa pegada dixital en internet: canto saben de nós e para que o usan" para o alumnado de 4º de ESO.

Ambas actividades están organizadas ao abeiro do proxecto "Elas nas STEAM" co que o IES de Brión participa no programa Rapazas Emprendedoras nas TIC do Plan Proxecta.


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
Drupal theme by Kiwi Themes.