NUNCA MÁIS MAREAS NEGRAS!

Enviado por admin o Ven, 07/12/2012 - 00:55

 

 

10 ANOS DA CATÁSTROFE DO PRESTIGE

 

 

 

 


Hai agora 10 anos o Prestige verquía a súa velenosa carga provocando unha marea negra que asolou as nosas costas. Centos de miles de persoas se mobilizaron entón para:

-Impedir que a marea entrara nas rías, paraíso de biodiversidade e riqueza, ecosistemas en delicado equilibrio que serían destruídos se non fora polos mariñeiros.

-Limpar as praias e coídos, como fixeron as e os voluntarios chegados de todos os lugares do mundo.

-Crear conciencia cidadá sobre a necesidade de protexer e coidar o mar, chamar a atención sobre as nefastas consecuencias dun sistema enerxético baseado no consumo de petróleo e manifestar publicamente o rexeitamento a que barcos nas condicións nas que estaba o Prestige (sen dobre casco, con bandeira de conveniencia, cunha tripulación pouco avezada e con múltiples avarías no seu historial) seguiran navegando polos nosos mares.

O feito de que ao cabo de 10 anos sigamos consumindo petróleo desaforadamente e de que barcos como o Prestige sigan trasladando duns países a outros a súa carga mortal, fai necesario traer á memoria o que ocorreu... para que NUNCA MÁIS volvamos ter mareas negras!

Con esta idea, no IES de Brión pretendemos traballar nas aulas e  desenvolver unha serie de actividades ao longo do curso, comezamos montando unha exposición que vos invitamos a ver e que esperamos que siga medrando coas vosas achegas.


 


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
Drupal theme by Kiwi Themes.