OS BOSQUES. MESA REDONDA NO IES DE BRIÓN.

O vindeiro martes 12 de abril ás 18:30 h, terá lugar na aula de usos múltiples do IES, unha mesa redonda ao redor dos bosques. Esta actividade está aberta a toda a comunidade escolar e ao público en xeral.

Falarase sobre a importancia do ecosistema bosque e a importancia de preservalo, a evolución do uso dos bosques nos últimos corenta anos e sobre o estado actual e perspectivas de cara ó futuro dos bosques de Brión.

Participarán Adolfo Cordero Rivera (profesor da Escola de Enxeñería Técnica forestal da Universidade de Vigo) e Eduardo Rico Boquete (profesor da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela).

CHEGOU A HORA DOS BOSQUES!

Como todos e todas sabedes, 2011 foi declarado pola ONU ano internacional dos bosques. No IES de Brión, de acordo co CEIP de Pedrouzos, non quixemos deixar pasar esta oportunidade e aproveitamos para facer disto o tema da nosa actividade anual para traballar dende os distintos departamentos e nas diferentes materias.

Brión é un concello moi castigado polos incendios nos últimos anos e, a pouco que miremos arredor, vemos que os bosques teñen outros problemas engadidos. Pareceunos que sería bo chamar a atención sobre iso; non se pode amar o que non se coñece, e nós queremos aprender e que o noso alumnado (e o público que o desexe) aprenda sobre os bosques, para que poida amalos.

Traballouse moito: con actividades de aula, que xa hai tempo que se están a facer, coa marabillosa exposición de fotografías, cedida pola asociación ADENCO, e de textos literarios e libros, coa realización dun conto colaborativo que comezou o alumnado do CEIP de Pedrouzos e rematará o do IES, etc.

A semana do 11 ao 15 de abril vai ser SEMANA DE PORTAS ABERTAS, onde as familias e a xente que o desexe poderá pasar a ver a exposición de traballos feitos polos alumnos e alumnas, ademais de asistir á mesa redonda aberta ao público.