Traballando na Biblioteca

TRANSFORMÁNDONOS COS CONTOS DO OUTONO

Cando estaba a piques de rematar o mes de novembro tivo lugar unha das grandes citas anuais: o Contos do Outono. O concurso de contacontos celebrouse este curso baixo o lema: "Transformándonos". Este é o leitmotiv escollido pola Biblioteca para que faga de fío condutor de todas as actividades organizadas. Xa que logo, os contos trataban sobre as metamorfoses, os cambios, as transformacións... Ben é verdade que houbo pouca fantasía e pouco terror. A maiores das historias versaban sobre os cambios vitais. Houbo accidentes, enfermidades, cambios de residencia, de colexio e mesmo orfandades. Iso si, non faltou o humor. Mesmo tivemos un monólogo filosófico a cargo de Joel Rubio.

 
Novamente un traballo moi difícil foi o do xurado. Nerea, Aizaia, Iván, Melisa e Vicenzo non tiveron demasiado tempo para deliberar e os concursantes puxéronllo moi difícil. Finamente, cando estaba eran horas de marchar, irrumpiron do Salón de Actos co veredicto e puidemos celebrar unha entrega de premios a fume de carozo.
 
As gañadoras desta edición foron Celia Gamarra e Sabela Leiro, de 1ºESO; Maïna Duteil e Tomás Cores, de 2ºESO ; Clarisse Gallego e Anxo Lúa, de 3º.
 
Pero hai que felicitar a todas as persoas que subiron ao escenario, polo seu talento, pola súa coraxe e por facernos pasar, un ano máis, tan bos momentos.


Noraboa a todas/os!!!

 

COMPRAS COMISARIADAS POLO EQUIPO DE ALUMNADO DA BIBLIOTECA

A actividade das compras comisariadas polo Equipo de alumnado Biblioteca resultou un éxito. Os participantes deron mostra dunha grande responsabilidade. Pecudaron, leron, reflexionaron e seleccionaron unha chea de libros para traer á Biblioteca. Foi moi emocionante. Moitas das participantes viñan cheas de ilusión e mesmo lendo os libros pola rúa. Astronomía, Medicina, Feminismo, Manga, historias LGTB, sobre a 2ª Guerra Mundial, Física, grupos de música...
As traballadoras da librería sorprendidas do ben que se portaron 23 adolescentes fedellando por todo o local.
Sobrepasamos os obxectivos que nos marcamos!!!
 
 

Andaina o monte Lobeira: Literatura e paisaxe

O luns 21 de maio fixo un día espectacular para camiñar, gozar da natureza, convivir e aprender na Andaina ao monte Lobeira. Organizada polos Departamentos de Educación Física, Xeografía e Historia e Lingua Galega, en colaboración coa Biblioteca, a andaina contou con numerosas actividades e probas. O alumnado de 2º da ESO organizouse en 6 equipos que recibían o nome de 6 illas da nosa ría: Cortegada, Malveiras, Insuiña, Arousa, Noro e Sálvora. Cada grupo tiña que facer unha actividade de orientación. Tratábase dun percorrido polo monte, recollendo as fichas coas probas nos distintos puntos de control, cinco en total. Nas probas había que contestar preguntas, debuxar mapas e situar referencias xeográficas de poemas de Álvaro Cunqueiro e Ramón Cabanillas, seleccionados polo profesor de Xeografía. Por este motivo a actividade foi bautizada co nome "Literatura e paisaxe". Tras completar todas as probas, cada grupo recibiu como premio un anaco do cebracabezas que, unha vez ordenado, conformaba o poema de Ramón Cabanillas "No castelo de Lobeira". Os representantes dos seis equipos recibiron cadanseu fragmento, que tiveron que organizar para, finalmente poder realizar unha lectura colectiva do poema.

 

 

 

O club de lectura do IES Pedro Floriani de Redondela visita a nosa biblioteca

O 16 de maio, véspera da celebración do Día das Letras Galegas, tivemos a fugaz visita de máis 50 persoas que forman este club. No transcurso do seu roteiro literario pola ría de Arousa fixeron esta parada no noso centro para recitar versos de Fermín Bouza Brey. Viñeron alumnas e alumnos, profes e mesmo unha nai e un pai que forman parte do club de adultos. Estiveron connosco apenas media hora. Convidámolos a ver dous vídeos: o do Club de Lectura "Nao senlleira", que fixeramos hai tres cursos, e o que vimos de publicar sobre a novela de María Victoria Moreno Leonardo e os fontaneiros. Fixeron a foto de rigor nas escaleiras onde temos escritos os versos do poema máis coñecido do autor que dá nome ao noso centro.

 

 

 

 

 

 

 

Xesús Alonso Montero falounos con paixón de María Victoria Moreno

O profesor Alonso Montero estivo de novo no noso instituto. Nesta ocasión falounos con paixón da vida e a traxectoria de María Victoria Moreno. A través do relato de Alonso Montero puidemos asistir as clases de Dámaso Alonso e de Rafael Lapesa; aprendemos que é un "gerundiazo"; vimos a profesora vocacional e namorada do seu alumnado; albiscamos moitos alumnos (segundo o profesor Alonso Montero: todos) namorados desta profesora inconformista; coñecemos o seu apostolado lingüístico, o seu tránsito da alofonía á autofonía; repasamos autoras e autores alófonos, dende Lorca a Anne Marie Morris ou Carles Riba; sentimos a represión franquista cara a nosa lingua na detención desta entusiasta defensora e dignificadora do noso idioma. 

Polos camiños de Trasalba e a vida de Otero Pedrayo

O martes 17 de abril a primavera por fin sorriu con toda intensidade nas terras ourensás de Trasalba e Ribadavia. Por estes lares andaron a corricar as alumnas e alumnos de 2ºESO nunha proveitosa saída didáctica dos departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega en colaboración coa Biblioteca. Ao rematar a visita á casa de Otero Pedrayo e as actividades correspondentes, Uxía Saborido, dende a solaina, deu lectura a un texto no que a fantasía a levou a se converter en amiga do gran escritor. A seguir, fixeron un pequeno roteiro literario dando lectura a fragmentos de diferentes obras que facían referencia aos lugares onde eran lidos. Ao mediodía, non desaproveitaron a ocasión para mergullarse nas augas termais de Outariz, en Ourense, e do rebuldeiro correr do río Miño. Xa pola tarde en Ribadavia fixeron unha actividade de descuberta desta fermosa vila medieval.

 

 

Charla de Xosé Luis Axeitos sobre o exilio

O investigador rianxeiro e académico da RAG, Xosé Luís Axeitos estivo este pasado venres na Biblioteca do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, onde deu unha charla que tiña como título “A actividade cultural do exilio galego”. O profesor Axeitos, ademais de ser un experto nos autores da nosa Ilustración como Sarmiento ou Cornide, é un especialista nos seus paisanos, os autores rianxeiros: Rafael Dieste, Manuel Antonio e Castelao. Da súa familiaridade coa actividade do exilio nace tamén o seu fondo coñecemento da figura do pintor, poeta e activista cultural Luís Seoane e do compañeiro deste, Lorenzo Varela. Por iso Xosé Luís Axeitos foi unha peza fundamental na imprescindible biblioteca da memoria que editou Edicións do Castro. 

 

 

 

 

 

Domingos Merino: Luz de liberdade

Domingos Merino foi unha persoa admirada e querida por todas as que o trataron. Alguén multifacético, discreto, xeneroso, grande xogador de xadrez. A súa morte produciuse despois dunha longa e cruel enfermidade. No IES Bouza Brey quixemos lembralo, polo seu vínculo co Club de Xadrez Fontecarmoa, nacido no noso instituto, facendo unha pequena exposición que correu a cargo da Biblioteca e contou coa colaboración do alumno de 2º de Bach. Juanma Rubianes Canto.

 

Celebramos o día de Rosalía

O alumnado de Agrupamento de 1ºESO fixo un precioso mural con poemas de Rosalía de Castro que podedes ver na entrada do instituto. Nel recollen poemas tan coñecidos como Unha vez tiven un cravo, Negra sombra, A xustiza pola man, Bos amores, Descolorida lúa, Pasade, Follas novas risa dáme etc.

 

Versos de Aquilino Iglesia Alvariño na cafetería do instituto

Xa é ben coñecido que Aquilino Iglesia Alvariño fixo que Vilagarcía pasase con letras maiúsculas á historia recente da nosa lingua, xa que foi aquí onde se publicou o primeiro libro da literatura galega despois do "apagón" que supuxo a guerra civil e a posguerra na ditadura franquista A librería imprenta Celta foi onde Iglesia Alvariño publicou o seu "Cómaros verdes". O que fora no seu día director do Colexio León XIII, tamén nos deixou uns fermosísimos versos sobre Vilagarcía e o mar que, grazas a Mónica García Rodríguez e Antón Reimúndez poderemos gozar a partir de agora na cafetería no noso instituto. O poema, titulado "Nunha gamela nova", pertence á corrente literaria denominada neotrobadorismo, que foi iniciada por Fermín Bouza Brey.

Distribuir contido