ABRAHAM CUPEIRO FAI SOAR INSTRUMENTOS DOUTRAS ÉPOCAS NO IES DE BECERREÁ

O músico e profesor sarriá Abraham Cupeiro abraiounos a tod@s @s que acudimos á súa demostración musical chamada  "Resoando no pasado", realizada tanxendo instrumentos de vento que forman parte de distintas etapas da historia da humanidade, viaxando no tempo a través dos seus sons. A actividade foi planificada polo Dapartamento de Música do centro para o alumnado desta materia (ESO e 1º de Bac).

Con moitos dos instrumentos construídos por el mesmo, con gran dominio da técnica musical, pero tamén con bo humor e moi boa capacidade para comunicar co auditorio, a súa actuación resultounos moi didáctica, amena e diríamos que ata curta. Poderiamos estar alí por máis tempo escoitando e vendo a este profesor do Conservatorio da Coruña dar vida a instrumentos que, nalgúns casos, parecen froito da fantasía máis que  instrumentos aos que se lles pode facer soar de xeito harmónico. Non te perdas ningún dos catro vídeos que recollen a súa demostración, porque é unha experiencia inigualable que non che resultará indiferente!!

ABRAHAM CUPEIRO FAI SOAR INSTRUMENTOS DOUTRAS ÉPOCAS NO IES DE BECERREÁ

CELEBRACIÓN DA FESTA DOS MAIOS

Se queres ver como foi a primeira celebración desta tradición popular no noso centro, preme AQUÍ e poderás coñecer todos os detalles dos actos coordinados polo Equipo de Dinamización Lingüística.

NOVA VICTORIA DUN EQUIPO DO IES DE BECERREÁ NA FINAL DO PARLAMENTO XOVE 2018

Non por repetida, esta vitoria é menos celebrada (se é difícil gañar, máis complicado aínda é manterse). Cuarta vitoria consecutiva xa na categoría de Bacharelato para o IES de Becerreá, o que supón un récord que será imposible esquecer!

O equipo de 2º de Bac (Nerea, María, José Manuel e Silvia) impúxose na final ao Colexio SEK Atlántico (Poio, Pontevedra), coordinados por Xulio, mantendo a "tradición" de vencer neste torneo autonómico de debate. Nos cuartos de final, desenvoltos na xornada do venres 4 de maio, o equipo de 1º de Bac (Marcos, Paula, Xoel e Gabriela) quedaron apeados  da competición polo equipo do Colexio La Salle (Santiago), equipo este que se enfrontou ao de 2º de Bac nas semifinais. Esta eliminación causou sorpresa entre os nosos participantes e coordindadores, xa que as intervencións dos catro alumnos e alumnas de 1º foi excelente.

Por outra parte, Xoel e Silvia foron distinguidos entre os mellores oradores desta modalidade, distinción que só se otorga a cinco participantes.

NOVA VICTORIA DUN EQUIPO DO IES DE BECERREÁ NA FINAL DO PARLAMENTO XOVE 2018

NOVO ENCONTRO ESCOLAR COMARCAL DE PING-PONG NO IES DE BECERREÁ

Outra edición máis deste encontro, no que participou alumnado da ESO dos CPI de Navia, Cervantes, Caurel e Pedrafita, así como o alumnado de 3º da ESO do noso centro, encargado da organización e coordinación do torneo.

Co obxectivo de presentar a este alumnado unha experiencia de convivencia a través do tenis de mesa, un ano máis este alumnos e alumnas déronnos un exemplo de respecto mutuo e colaboración durante toda a xornada. Esta comezou co torneo individual, co alumnado repartido segundo tres niveis de xogo, establecéndose un vencedor por cada mesa (oito en total, nas que participaban oito ou dez xogadores e xagadoras). A continuación, desenvolveuse o torneo de dobres, para o que se establecen parellas que se forman nese momento, baixo a premisa de que deben estar compostas por alumnado de distintos centros. E como sempre, cando chega o remate da xornada queda esa sensación de que o tempo pasa demasiado rápido nalgunhas ocasións, e que esperar un ano para repetir este encontro parece demasiado longo.  AQUÍ queda unha selección de fotos do evento. Grazas a tod@s e ata a próxima edición.

NOVO ENCONTRO ESCOLAR COMARCAL DE PING-PONG NO IES DE BECERREÁ

"HEALTHY BREAKFAST": UNHA EXPERIENCIA ENTRE IGUAIS.

Aquí podes ver o vídeo desta experiencia, planificada e desenvolta no noso centro, co inglés como lingua utilizada. As titorías de 1º e 4º da ESO, así como os departamentos de Educación Física e Inglés, participaron de xeito conxunto nesta actividade, mediante a cal o alumnado de 4º da ESO presentou as bondades  dun almorzo saudable aos seus compañeiro de 1º, preparando a degustación do mesmo. Esta primeira parte desenvolveuse no comedor do centro, a na aula de 1º levouse a cabo unha actividade académica posterior á degustación.

Como segunda parte da actividade, o alumnado de 4º da ESO realizou unha filmación nun supermercado da vila e unha serie de entrevistas a veciños e veciñas de Becerreá para indagar sobre os seu hábitos alimenticios en relación co almorzo. O vídeo reflicte o bo traballo realizado por estes alumnas e alumnos, a coordinación do profesorado participante, así como a orixinalidade da idea. A montaxe do mesmo foi tamén levada a cabo por alumnado de 4º da ESO.

PREME AQUÍ para ver algunhas fotos da actividade e da filmación do vídeo.

RODAXE CINEMATOGRÁFICA NO IES DE BECERREÁ.

Non sen pouco esforzo e con moito traballo colectivo, o vestíbulo de edificio vello do noso centro pasou, como por arte de maxia, de ser un espazo amplo, aberto e diáfano, a ser un lugar pechado e reconvertido en oficinas dun xulgado. Todo para poder rodar nel unha das escenas da nova película do director galego con raíces familiares en Navia, Oliver Laxe. Este filme, titulado "Aquilo que arde" será rodado en boa parte na comarca da Montaña Lucense, e este edificio do noso centro foi escollido pola súa característica arquitectura, apropiada para representar unha oficina moderna localizada nun edificio de trazos propios de varias décadas atrás. As fotos que se presentan corresponden ao decorado instalado e a transformación que este supuxo nese espazo do edificio. Unha vez que se estree a película, expoñeremos na "galería de fotos" as imaxes da rodaxe e da escea que se desenvolve no centro.

RODAXE CINEMATOGRÁFICA NO IES DE BECERREÁ.

O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER NO IES DE BECERREÁ

Desde o blog da biblioteca e do Equipo de Dinamización Lingüística, poderás coñecer como se conmemorou esta efeméride do 8 de marzo ao longo de toda esa semana.

O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER NO IES DE BECERREÁ

ÉXITO DOS NOSOS EQUIPOS DE DEBATE NO PARLAMENTO XOVE 2018.

Como é habitual desde aquela primeira "Liga de Debate" (ano 2009), os equipos de debate do noso centro (un da ESO e dous de BAC) inician unha nova andaina no concurso autonómico de debate escolar "Parlamento Xove" 2018 (www.parlamentoxove.com).

O equipo da ESO, composto por Elisa (4º ESO), Marcela, Tamara e Paula (3º ESO), competiu xa a pasada fin de semana en A Coruña. Pese a que as súas compoñentes eran todas debutantes neste concurso, foron capaces de gañar dous dos tres debates (por amplas diferenzas de puntos), mentres que foron derrotadas no primeiro debate no que participaron (por unha diferenza mínima: 1,5 puntos). Debido á puntuación final acadada, quedaron fóra da fase final que se celebrará en Santiago entre os oito mellores equipos. Non obstante, e sendo esta a súa primeira experiencia no concurso, o resultado debe considerarse como moi bo, xa que só catro equipos, dos vinte e tres totais, venceron nos tres encontros (ver resultados e clasificación da ESO). O esforzo mereceu a pena.

ÉXITO DOS NOSOS EQUIPOS DE DEBATE NO PARLAMENTO XOVE 2018.

PARTICIPACIÓN NO CAMPIONATO PROVINCIAL ESCOLAR DE ORIENTACIÓN

Aquí quedan as imaxes que reflicten a xornada vivida neste evento deportivo escolar, ao que acudimos todos os anos. Nesta ocasión, dous alumnos, Miguel e Laura (de 4º), subiron aos caixóns do podium na categoría cadete. Ademais, a maioría dos participantes do noso centro completaron o percorrido sen cometer ningún tipo de erro, e tod@s tiveron unha grata experiencia e unha oportunidade para demostrarnos a súa boa convivencia.

Participaron na competición 320 alumnos/as de Secundaria, dos que 105 ou non acabaron a proba ou rexistraron mal as balizas, o que nos dá idea da súa dificulatade e tamén do éxito do noso alumnado, que na maioría dos casos, rematou entre os/as 30 primeiros clasificados/as. Parabéns e grazas pola actitude amosada.

CELEBRACIÓN DO "DÍA DE ROSALÍA".

PULSA AQUÍ para visitar o blog do Equipo de Normalización Lingüística e coñecer os actos de celebración desta efeméride, así como ver imaxes e o vídeo que recolle a celebración.

Distribuir contido