Curso 2014-2015

Espectáculo poético-musical con María Lado e Lucía Aldao no IES Auga da Laxe

 

O salón de actos do IES Auga da Laxe (Gondomar) acollerá este próximo xoves 19 de marzo a partir das 20:30h o espectáculo poético musical Moita poesía, pouca diversión, a cargo das poetas María Lado e Lucía Aldao. Trátase dun recital poético diferente ao habitual, con música en directo, poemas propios, historias e moita participación dos asistentes, que terán a posibilidade de sorprenderse, rirse e emocionarse a partes iguais coa poesía. O acto, gratuíto para o alumnado do instituto, está aberto tamén a todas as persoas que queiran achegarse cunha entrada de 2€ que pode adquirirse xa na conserxería do instituto ou o propio día 19 ao comezo do espectáculo.

Este acto forma parte das actividades que organiza o IES Auga da Laxe, a través do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística e os Departamentos de Lingua Espazola e Lingua Galega, para conmemorar o Día Internacional da Poesía, que se celebra este próximo sábado 21 de marzo. A poesía estará tamén presente estas dúas semanas no instituto con outras actividades como unha exposición cunha selección de poemas publicados nestas últimas décadas ou unha acción poética que encheu de versos as paredes do instituto.

Viaxe ás Médulas, León e Astorga

 

                

 Os días 9 e 10 de Abril os Departamentos de Latín e Historia teñen previsto facer a súa viaxe lúdico-didáctica.  O obxectivo deste ano é visitar as Médulas, León, as covas de Valporquero e Astorga.

 Na viaxe participan tres profesores e 20 alumnos, estudantes de 1º e 2º de Bacharelato nas materias de Latín e Arte.

Esponxa de Menger

O noso centro participou nunha actividade englobada na IX SEMANA MATEMÁTICA de Vigo, organizada pola Asociación Escola Rosalía de Castro, coa asesoría pedagóxica da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA) e o apoio de educaBarrié-Fundación Barrié, La Caixa e o Concello de Vigo

O obxectivo desta actividade era construír unha gran esponxa de Menger (estrutura deseñada polo matemático austríaco Karl Menger) coa colaboración dos alumnos de todos os centros participantes. 

Nas seguintes fotografías pódese apreciar a aportación do noso centro ao obxectivo final, unha fermosa esponxa de Menger de nivel 4.

          

Visita á Escola Universitaria de Enxeñería Forestal

O departamento de bioloxía organizou unha visita á Escola Universitaria de Enxeñería Forestal para os alumnos de Bioloxía e Ciencias da Terra de 2º de Bacharelato. Está prevista para o Xoves 19 de marzo.

Novas tecnoloxías. Os riscos de Internet.

Ao longo de todo o mes de marzo o departamento de orientación do centro organizou unha serie de charlas sobre as novas tecnoloxías, os riscos de internet, o consumo de drogas... Están dirixidas aos pais, alumnos, profesores e restantes membros da comunidade educativa.

Gravacións dos grupos de música

     O departamento de música do IES Auga da Laxe organizou unha xornada de gravacións cos distintos grupos de todos os niveis que cursan música no noso instituto. Terán lugar na aula de música o luns 9 de marzo.

 

Distribuir contido