Intercambio con Alemaña

A semana pasada estiveron en Gondomar vinte e dous alumnos e alumnas e dúas profesoras procedentes de Nagold (Alemaña), dentro dun intercambio con alumnado de 1º de Bacharelato do noso instituto. Ademais de convivir coas familias do alumnado de Gondomar, participaron nun programa de actividades moi diverso.

O luns 20 pola mañá realizaron un obradoiro de surf na Praia de Patos e pola tarde participaron nunha xincana de pistas por Gondomar, co obxectivo de coñecer a vila e practicar a comunicación lingüística.

O martes 21 realizaron unha visita ás Illas Cíes, onde fixeron un roteiro ata o faro e, co acompañamento dos guías, puideron achegarse á riqueza da biodiversidade do parque.

O xoves 23 viaxaron ata Santiago de Compostela para coñecer a cidade e realizar unha visita aos tellados e cubertas da catedral. Ademais, asistiron cos seus compañeiros e compañeiras de intercambio a diferentes sesións de clase, para favorecer o coñecemento do noso sistema educativo, e participaron nunha sesión práctica de introdución á lingua galega. Logo dunha cea de despedida celebrada o xoves 23, o alumnado alemán e as súas profesoran regresaron a Nagold o venres 24.

Posteriormente, a finais do mes de xuño, terá lugar a segunda parte do intercambio, cando o alumnado do IES Auga da Laxe, acompañado de dúas profesoras, viaxará ata Nagold para convivir durante unha semana coas familias do alumnado alemán e participar tamén nun programa de actividades na zona.