O IES Auga da Laxe comeza o curso cun novo recorte de profesorado

O IES Auga da Laxe de Gondomar afronta o curso 2022-23 cun profesor menos que o ano pasado, un recorte que se suma aos tres docentes que xa se reduciran no curso anterior e que sitúa o instituto con catro profesores menos que antes da pandemia. Desde o centro educativo denúnciase esta situación e faise un chamamento ás familias, ao alumnado e á cidadanía en xeral para participar na concentración de protesta convocada pola Asociación de Nais e Pais (ANPA As Gaiandas) o próximo luns 5 de setembro ás 18:30h diante do instituto.

 

Esta nova redución do profesorado dificulta moito unha organización do centro que permita atender como correspondería as necesidades educativas do alumnado e a oferta dun ensino público de calidade. Lamentablemente, desde a Consellería de Educación téñense en conta unicamente criterios como o número de alumnos e alumnas e o cómputo de horas de clase, sen valorar outros aspectos importantes como as necesidades educativas do alumnado máis vulnerable (falamos de persoas, non de números), as horas de prácticas de laboratorio ou de idiomas, a xestión de recursos compensatorios fundamentais como a Biblioteca escolar ou o Plan Dixital e o valor engadido que teñen para a formación do alumnado os diferentes programas educativos que fomentan a equidade, a igualdade, a inclusión ou o respecto cara á diversidade, valores que se poden traballar a través de programas educativos promovidos pola propia consellería, pero que logo non se teñen en conta á hora de avaliar a necesidade de recursos humanos dos centros de ensino, o que na práctica supón non valorar todo o traballo organizativo, persoal e colectivo, que estas actividades supoñen. 

 

Nun escrito aprobado polo claustro do profesorado do centro que foi enviado á Consellería de Educación o pasado mes de xuño, facíase unha análise detallada das importantes consecuencias que tivera para o centro a redución sufrida xa o curso pasado, ao tempo que se solicitaba a recuperación do cupo de profesorado para poder atender aspectos tan necesarios como as prácticas de laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía e de Física e Química, as horas de conversa en linguas estranxeiras, a oferta de materias optativas e o número de alumnado por materia, a axeitada atención do alumnado cando falta algún docente, o amplo programa de actividades extraescolares e complementarias (saídas pedagóxicas, intercambios, club da igualdade, charlas, obradoiros de música, concertos, exposicións, actividades deportivas, etc.), a xestión de diferentes proxectos educativos como o Plan Dixital, o proxecto de Biblioteca ou os distintos programas nos que participa o centro e, de xeito moi especial, a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas. Neste sentido, facíase referencia concreta á necesidade de organizar para o curso 22-23 tres grupos de 1ºESO, fronte aos dous grupos de anos anteriores, porque case un 60% do alumnado que este ano temos nese nivel precisa algún tipo de medida de atención á diversidade. Non é posible atender as necesidades educativas dese alumnado con dous grupos de 28 rapaces e rapazas cada un, como pretende a consellería, e resulta fundamental ter grupos menos numerosos que permitan traballar dun xeito máis individualizado. Lamentablemente, a pesar dese documento enviado á Consellería de Educación a finais do curso pasado, non só non se recupera o profesorado de cursos anteriores senón que se aplica unha nova redución. 

 

Ante esta situación, nunha reunión celebrada o pasado 1 de setembro, o claustro de profesorado do centro acordou denunciar e visibilizar publicamente este novo recorte de profesorado, ao tempo que reafirmou o seu compromiso coa calidade do ensino público e co proxecto educativo do centro, apoiando a priorización daquelas medidas que permitan desenvolver unha atención digna e honesta ao alumnado con necesidades educativas, incluída a organización de tres grupos de 1ºESO. Esta decisión, que vai supoñer inevitablemente renunciar a reforzar algunhas liñas de traballo que tamén se consideran importantes, tómase desde o compromiso firme por ofrecer un ensino de calidade, mesmo cando se nos reduce a dispoñibilidade horaria e os recursos humanos necesarios. De feito, a pesar da redución de profesorado, procurarase manter o programa de actividades complementarias e extraescolares, un sinal de identidade fundamental do centro que enriquece os itinerarios educativos do alumnado e pon en valor o proxecto educativo do instituto, por considerar que os rapaces e rapazas non deben pagar as consecuencias dos recortes de persoal que sufriu o centro nestes dous últimos cursos. 

 

Desde ese compromiso, seguiremos traballando en defensa dun ensino público de calidade.

Gondomar, 3 de setembro de 2022


Texto íntegro.