Montaxe de Nadal nos exteriores do Centro

28 formas orgánicas, colgadas a diferentes alturas, das ramas das árbores con que conta o Instituto; fabricadas a partir de papel reciclado con cola branca polos alumnos de plástica, Carmen Amoedo, Eva Camaño, Paula Estévez, Laura Atienza, Nerea Rúa, Christian Sanmartín e Alejandro Sánchez, baixo a dirección de Chema.

Foi un proceso de sentir-observar-ocupar ese pequeno espazo verde esquecido coa intención de destacalo, diferencialo do ámbito desordenado urbanisticamente e do que formaban parte.  O tamaño destas formas máis ou menos redondas destaca nas nuas ramas das árbores que as sosteñen.

Durante dúas semanas o clima húmido foi amolecendo o seu material constitutivo e produciu o seu desprendemento. Elementos ocos que ao caer ao chan por efecto do vento e a gravidade, se deformaron como xigantes froitas maduras ou quizais niños de posibles insectos fantásticos... repousando finalmente na terra. 
Deste modo o espazo transfórmase en "pequeno xardín", alegoría de paraiso nun ámbito ocupado por asfalto e cemento.