Skip to Content

Dinamización da lingua galega

Nós co Día d@ Nen@ Oncolóxico

A través do blog  do Equipo de Dinamización da lingua galega, chegounos unha proposta de colaboración. E alá nos botamos. Para a xentiña miúda deste hospital coruñés mandamos unha chea de grúas con versos cheos de ánimos e alegría; e tamén un titorial para que el@s nos manden a nós algunhas coas súas palabras.

 

Laura LaMontagne&PicoAmperio: retrofuturismo galego

Hoxe o alumnado de 1ºBACH asistiu a un concerto didáctico a cargo da actriz e música Laura LaMontagne e o DJ PicoAmperio. Este dúo formado hai uns meses está levantando unha gran expectación pola aposta que fan ao conxugar letras de cantigas medievais (e tamén contemporáneas) con sons electrónicos. Daquela puidemos desfrutar dunhas versións cheas de forza e delicadeza. Un auténtico luxo.

Presentación de webserie

Hoxe, penúltimo día deste primeiro trimestre, o noso alumnado puido desfrutarda presentación de s.e.x. webserie para youtube. Trátase dun proxecto de educación emocional e sexual para a adolescencia eleaborado polas amigas de Illa Bufarda e que conta co apoio e asesoramento da Deputación da Coruña, da Fundación Paideia e de Aseia. Estamos seguros que foi de gran utilidade para o noso alumnado.

webserie sex

webserie sex

Benxa Otero: música máxica

Para conmemorar a nosa entrada centenaria nada mellor que un músico excepcional: Benxa Otero. Este dezao que amais de músico é fotógrafo e mago deleitou onte 17 de decembro ao alumnado de 2 ESO cunha actuación de guitarra, óboe e corno inglés realmente máxica. Non onstante o pasado ano foi un dos finalistas dos premios da música MIN polo seu disco 13 cancións bonitas xunto a Germán Díaz. Outro privilexio que debemos en boa medida á colaboración da Fundación Paideia.

O que arde en 1ºBACH

Venres 13 de decembro foi a data sinalada: unhas 50 alumnas e alumnos de 1ºBacharelato acudiron a unha sesión do multipremiado  filme de Óliver Laxe, O que arde, na sala Númax de Santiago de Compostela. Eran as 12 da mañá e puidemos desfrutar dun filme que está marcando fitos na historia da nosa filmografía. E abofé que de deixaron cautivar ou pola historia ou pola música ou pola foto. De volta a pé cara o instituto fomos debullando os matices deste filme.

O que arde

Ops!

Un ano máis, e xa van catro, o alumnado de 4º ESO do noso instituto participou nun obradoiro de portugués ofrecido polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago: "OPS! Falamos portugués. O portugués simples". Neste caso amais por partida tripla xa que a responsable impartiu o curso durante tres días, 11, 12 e 13 de decembro a outros tantos cursos. Agardamos que aproveitasen a ocasión!.

OPS!

Cine coa directora Jaione Camborda

O pasado 10 de decembro o alumnado de 4ESO tivo o enorme privilexio de asistir a un obradoiro de cine coa directora Jaione Camborda. De orixe vasca, Jaione leva algúns anos instalada afortunadamente na nosa lingua e cultura. Tanto é así que acaba de estrear nos cines Arima, a súa primeira longametraxe coa que xa colleitou notables éxitos coma no festival de Sevilla ou en Márgenes. Daquela, a nosa gratitude cara esta integrante do chamado Novo Cinema Galega por compartir o seu saber e experiencia connosco.

Conferencia sobre cinematografía

Conferencia sobre cinematografía

Margarida Mariño: chelo e pedais

O pasado 28 de novembro o alumnado de 2ºBACH tivo a sorte de escoitar a unha das nosas música máis innovadoras: Margarida Mariño. Acompañada do seu violonchelo e duns pedais electrónicos achegounos outro xeito de facer música co que está triunfando na escena máis alternativa de Europa. Todo un auténtico luxo e mais cando apareceu acompañada de David, un alumno do centro e futuro mestre violonchelista. Grazas aos dous.

Aquí podedes escoitalos nuns fragmentos:

Dháunae de Vir: creadora dixital

Onte 19 de outubro o alumnado de 2ESO tivo unha visita moi especial: Dhaunae de Vir. Dhaunae é unha enxeñeira informática nacida en Cervantes e instalada dende hai hai entre Londres e Estocolmo onde, na actualidade, desenvolve o seu traballo en Paradox. Con moitos anos de experiencia no eido da creación dixital e de produtos transmedia, foi videoxogadora profesional e produtora e deseñadora de diversos videoxogos e xogos de rol. Tamén se aventurou no cinema onde chegou a conseguir un premio Bafta. E hai uns días foi unha das relatora do último Lgx15 onde transmitiu a súa preocupación polo uso da lingua nos contidos transmedia.

Os Dardos de Xoana

Luns 21 de outubro foi o día escollido por Xoana para presentar no noso centro, grazas ao apoio da Fundación Paideia, o seu disco Dardos. A verdade é que nos deixou sen alento coa súa profesionalidade sobre o escenario no que interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos; temas nos que a protesta e a reivindicación están presentes xunto con outros máis intimistas e sempre nunha lingua moi traballada e impecable. Despois de escoitala non nos estraña nada que fora finalista en sete categorías nos últimos premios MIN de música. Brava

Guadi Galego e Pepe Cunha: pola beira da canción

Hoxe na nosa nova biblioteca tivemos o primeiro acto: a presentación do libro Pola beira da canción de Pepe Cunha, (do portal galego de comunicación musica, Ábrete de orellas) sobre a carreira artística de Guadi Galego, tipo de libro que supón unha novidade na nosa bibliografía.

E para celebralo contamos coa presenza tanto da artista como do escritor que nos debullaron o contido do libro e, sobre todo, falaron de música con preto de 70 alumnas e alumnos de 3ESO e 1BACH. Un auténtico luxo. E grazas tamén a Iria que preparou esta presentación onde lembramos a súa actuación no noso centro hai un par de anos acompañada por alumnado.

Crick to game: videoxogo en galego

O pasado venres 11 de outubro o alumnado de 3ESO e o de Programación de 2ºBACH tivo a sorte de coñecer de primeira man como se crea un videoxogo. Para iso contamos no centro coa presenza de  Nicolás Casal de Fosfatina Studios e de Miguel Areán de Polygon.e Studios onde se elaborou Cricktogame o primeiro xogo galego e en galego para Nintendo Switch. Sen dúbida, un ámbito que empeza a coller pulo en Galicia, sobre todo, coa apertura do grao de Creación dixital.

Empezamos con morcegos

Este ano empezamos as actividades do EDL falando de ciencia co alumnado de 1ESO, en concreto, dos morcegos de Galicia. Para isto, contamos coa presenza do biólogo Manuel Arzúa da Asociación Drosera que nos achegou moita e interesante información sobre a tipoloxía, hábitat e gran funcionalidade dos nosos morcegos. Dende logo que foi marabilloso escoitar a este especialista que deixou o alumnado con moitas preguntas que facerlle por falta de tempo. Terá que volver.

Festa para rematar: DJ Suso Flores

E para rematar as actividades deste curso, estivo connosco Suso Flores un dos DJs máis reputados nas salas londinienses que fixo unha escapada para achegarse ata o noso centro. O compositor de Techno para meniños deixounos unha boa mostra da súa profesionalidade e do seu traballo nun set que preparou para a ocasión. Aquí unha foto xusto nos inicios.

Presentando a música de Vudú

O xoves 20 de xuño xa en plena recta final de curso tivemos a inmensa sorte de recibir no noso centro a Belém Tajes e Maritxinha, as dúas integrantes de Vudú. Grazas á colaboración da Fundación Paideia coñecemos o seu traballo musical baseado na tradición pero que tenta chegar a un público o máis diverso posible. Marabilla.
 
Distribuir contido


by Dr. Radut