VI CERTAME DE BANDA DESEÑADA “AX1”

VII CERTAME DE BANDA DESEÑADA “AX1

 

O IES Arcebispo Xelmírez e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan a sétima edición do certame de banda deseñada “AXI”, no que participan os departamentos de debuxo, artes plásticas e imaxe, ademais do equipo de dinamización da lingua galega.

A través deste concurso, aberto á participación de estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e ciclos formativos de toda a comunidade autónoma galega, procuramos o fomento do noso idioma e da creatividade entre o alumnado de Galiza a través da banda deseñada.

As bases que rexerán o concurso son as seguintes:

1. Participación

Poderá participar todo o colectivo de estudantes de Galiza, en dúas categorías diferenciadas por idades1:

- Alumnado de 12 a 15 anos.

- Alumnado de 16 anos en diante.

2. Temática

 

Excepcionalmete este ano, os autores e as autoras procurarán que as súas composicións toquen dalgún xeito un dos seguintes temas:

  • O concepto de “camiño”.

  • As redes sociais e o acoso.

Deixamos a criterio dos e das debuxantes o enfoque, dirección e interpretación - propia ou figurada - que decidan darlle aos bloques temáticos.

3. Formato

 

Cada participante presentará un único traballo, en lingua galega, cunha extensión non inferior a dúas páxinas tamaño Din-A4, nin superior a dez. Será decisión dos autores ou das autoras a técnica a empregar e a presenza ou non da cor nas obras.

4. Autoría

 

As obras poderán ser individuais ou colectivas, se ben a concesión e contía dos premios para cada unha das categorías non variará en función dese factor.

5. Prazo de presentación de traballos

 

O prazo de presentación irá desde o día 14 de xaneiro ao 31 de marzo de 2019, ambos os dous incluídos.

6. Presentación dos traballos

- Os ou as participantes no certame deberán enviar os seus proxectos a través do centro educativo no que estean matriculados, indicando claramente en que categoría concursan.

- Se optan polo correo electrónico, deberán enviar os traballos, a través do centro educativo, ao enderezo certameax1@gmail.com, en formato PDF, cun peso máximo de arquivo de 10MB.

Nos cómics non pode figurar o nome realdos ou das participantes, senón que se presentarán baixo un pseudónimo. A información persoal dos e das concursantes debe incluírse en outro arquivo anexo ao mesmo correo, co nome do pseudónimo elixido; nel deben figurar o nome e apelidos, a idade, o DNI e, de novo, a categoría na que se participa e o nome e enderezo do centro no que estean matriculados.

- Se o envío fose a través de correo postal, o traballo mandarase nun sobre pechado no que figure o título da obra e o pseudónimo elixido polo autor ou autora e a categoría na que concursa; dentro, noutro sobre tamén pechado, incluiranse os datos persoais indicados anteriormente (nome e apelidos, a idade, o DNI, categoría na que se participa e o nome e enderezo do centro no que estean matriculados).

A organización do “AX1” velará polo anonimato das obras presentadas a concurso.

7. Xurado

Estará formado por creadores/as ou artistas, así como por unha representación das entidades convocadoras.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou facer nomeamentos específicos se a calidade dos traballos así o esixise.

8. Premios

Ademais da publicación na rede dos traballos finalistas, establécense os seguintes premios

para cada unha das dúas categorías establecidas:

1º premio: 500 €

2º premio: 200 €

Aos premios de índole económica aplicaráselles a correspondente retención do IRPF.

Cómpre recoller o premio persoalmente no acto de entrega, agás falta xustificada documentalmente. De non cumplirse esta condición o premio pasaría ao participante clasificado en seguinte lugar. Por este motivo, na acta de resolución do certame deberá figurar para cada categoría un aspirante en reserva.

9. Aceptación das bases

A concorrencia a este certame implica a aceptación destas bases.

 

1A idade determinante para participar en unha ou outra categoría será a que teña o/a participante o día que finaliza o prazo de inscrición no certame.