V CERTAME DE BANDA DESEÑADA “AX1”

V CERTAME DE BANDA DESEÑADA “AXI”

O IES Arcebispo Xelmírez e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan o quinto certame de banda deseñada “AXI”, no que participan os departamentos de debuxo, artes plásticas e imaxe, ademais do equipo de dinamización da lingua galega.

A través deste concurso, aberto á participación de estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e ciclos formativos de toda a comunidade autónoma galega, procuramos o fomento do noso idioma e da creatividade entre o alumnado de Galiza a través da banda deseñada.

A proposta de bases que rexerán o concurso son as seguintes:

1. Participación

Poderá participar todo o colectivo de estudantes de Galiza, en dúas categorías diferenciadas por idades:

- Alumnado de entre 12 e 16 anos.
- Alumnado de 16 anos en diante.

2. Temática

O tema será de libre elección.

3. Formato

Cada participante presentará un único traballo, en lingua galega, cunha extensión non inferior a dúas páxinas nin superior a dez páxinas Din-A4. Será decisión dos autores ou das autoras a técnica a empregar e a presenza ou non da cor nas obras.

4. Autoría

Poderá ser individual ou colectiva, se ben a concesión dos premios para cada unha das categorías non variará en función dese factor.

5. Prazo de presentación de traballos

O prazo de presentación irá desde o día 15 de marzo ao 16 de maio de 2017, ambos os dous incluídos.

6. Presentación dos traballos

- Os ou as participantes no certame deberán enviar os seus proxectos a través do centro educativo no que estean matriculados, indicando claramente en que categoría concursan.

- Se optan polo correo electrónico, deberán enviar os traballos, a través do centro educativo, ao enderezo certameax1@gmail.com, en formato PDF, cun peso máximo de arquivo de 10MB.

Nos cómics non pode figurar o nome real dos ou das participantes, senón que se presentarán baixo un pseudónimo. A información persoal dos e das concursantes debe incluírse en outro arquivo anexo ao mesmo correo, co nome do pseudónimo elixido; nel deben figurar o nome e apelidos, a idade, o DNI e, de novo, a categoría na que se participa e o nome e enderezo do centro no que estean matriculados.

- Se o envío fose a través de correo postal, o traballo mandarase nun sobre pechado no que figure o título da obra e o pseudónimo elixido polo autor ou autora e a categoría na que concursa; dentro, noutro sobre tamén pechado, incluiranse os datos persoais indicados anteriormente (nome e apelidos, a idade, o DNI, categoría na que se participa e o nome e enderezo do centro no que estean matriculados).

A organización do “AX1” velará polo anonimato das obras presentadas a concurso.

7. Xurado

Estará formado por creadores/as ou artistas, así como por unha representación das entidades convocadoras.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou facer nomeamentos específicos se a calidade dos traballos así o esixise.

8. Premios

Ademais da publicación na rede dos traballos finalistas, establécense os seguintes premios para cada unha das dúas categorías establecidas:

1º premio: 500 €
2º premio: 200 €
Aos premios de índole económica aplicaráselles a correspondente retención do IRPF.

Cómpre recoller o premio persoalmente no acto de entrega, agás falta xustificada documentalmente. De non cumplirse esta condición o premio pasaría ao participante clasificado en seguinte lugar. Por este motivo, na acta de resolución do certame deberá figurar para cada categoría un aspirante en reserva.

9. Aceptación das bases

A concorrencia a este certame implica a aceptación destas bases.