Medindo co Corpo. Pilar Tobar

Unha manchea de anécdotas

Pilar Tobar inaugura o Ciclo “A voltas co corpo”


Bertamiráns, 18 de xaneiro de 2013

Cunha manchea de anécdotas, unha brazada de curiosidades e un puñado de ironía, a prof. Pilar Tobar puxo onte en marcha o Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria deste curso, “A voltas co corpo”. Aínda que só fose para aprender, ou comprender, as expresións, xiros e palabras que utilizamos na fala, xa pagaba a pena acudir á Casa da Cultura a escoitar á profesora de Xeografía e Historia.

Desde logo que, como dixo Mariña Sampedro  na presentación, que é un reto para os profesores encaixar os temas que se propoñen cada ano e abordalos coa perspectiva da materia en que cada un é especialista. ¿Qué terá que ver o corpo humano coa xeografía? Pois aí tés: Pilar Tobar atopoulle o xeito tratando de cómo co corpo se mide o espazo: pés, brazas, cóbados… Unha caixa de sorpresas para todos.

¡Que ben estivo a explicación do cartel que confeccionou Irene García! Dunha maneira sinxela, directa expuxo o proceso de ideación e de realización do primeiro da serie que, esperemos, este ano será tan boa como a dedicada á creatividade.

E parabén para Iordan Oreiro, gañador do concurso de logos: o seu é sinxelo, expresivo, dinámico e cheo de cor.