¿Qué pasa no Sahara?

 

¿Que pasa no Sahara Occidental?  


Todo o que sabemos é que nos veráns veñen vivir con familias galegas nenos refuxiados que viven nos campamentos de Tinduf, e que hai apenas uns meses unha muller, Aminetu Haidar, facía folga de fame no aeroporto de Lanzarote para pedir un pasaporte saharaui. E sen embargo o conflicto do Sahara Occidental ten moito que ver con nós.

Apenas a 140 Km das Canarias, o Sahara Occidental é á franxa costeira do deserto, encaixada entre Marrocos (ao N), Mauritania (ao S e SE) e Arxelia (ao E). Só deserto?
Non, claro!: o rico banco pesqueiro canario-sahariano por un lado, e as
maiores minas de fosfatos do mundo en Boukra por outro son riquezas
apetecibles para calquera.

 

Por
que non ten Estado propio? Pois porque a súa descolonización a mediados
dos 70’ foi bastante chapuceira: na época dos imperios coloniais, no
último tercio do XIX, este territorio era español, igual que
Tetuán ou Sidi Ifni, compartindo con Francia a ocupación de Marrocos. Pero cando Marrocos alcanza a súa independencia, en 1956, pronto empezan as súas esixencias sobre o Sahara Español, esixencias que acadan o seu punto crítico coa Marcha Verde en 1975: máis de 300.000 marroquíes se dirixiron cara a fronteira co Sahara apenas 2 semanas antes da morte de Franco. Esta presión forzou a retirada española que deixou a administración do territorio saharaui repartida entre Marrocos e Mauritania.

Os saharauis responderon coa constitución da República Árabe Saharaui Democrática  Frente Polisario o seu brazo armado, pero a superioridade marroquí (e o apoio dos EE.UU.) fixeron que o territorio máis occidental siga ocupado por Marrocos, quedando relegados os saharahuis ao deserto: de feito, os campamentos de Tinduf, que concentran unha colectividade importante de refuxiados saharauis (máis de 1000.000), está en Arxelia. Para separar a zona ocupada, o goberno marroqui levantou un muro de case 3.000 Km.

 

Os intentos de levar a cabo un referendum de autodeterminación auspiciados ás veces pola ONU, atopan sempre cos obstáculos marroquíes á hora de elaborar un censo, e explican o interés de Marrocos en poboar as zonas ocupadas para que os marroquíes sexan maioritarios. Agora mesmo non hai unha guerra declarada, pero as condicións de vida dos miles de refuxiados no deserto son penosas.

Claudio Rodiño