Skip to Content

Gañadores concurso robótica

A final tivo lugar o xoves 4 de Maio na sede da fundación Barrié en Coruña, pero antes de chegar a esta final tiveron que pasar unha fase de clasificación en Vigo o 7 de Abril.

O certame que busca aproximar o mundo da Robótica ao alumnado e á sociedade galega tivo nesta edición unha participación duns 2279 alumnos acompañados duns 120 profesores.

O noso centro participou con 12 alumnos de Tecnoloxía de 4º ESO e 16 de Tecnoloxía Industrial de Bacharelato.

O concurso organízase en torno a desafíos Robóticos cuxa dificultade e puntuación asociada vai aumentando. Nestes desafíos os alumnos deben programar Robots Lego NXT ou a súa versión mais actual EV3, para que empregando a información captada polos sensores vaian superando probas.

Na fase inicial varios grupos de ESO e Bacharelato do noso centro  tiveron puntuacións destacadas, pero solo o grupo formado por Emma Álvarez Conde, Jaime Blanco Vilariño, Bruno Fraga González e Pablo Cambeiro Cardelle superou os puntos necesarios para participar na final.

Na final de Coruña as probas da categoría limitáronse a catro, dunha maior dificultade. Entre os retos da categoría de Bacharelato debía programar o Robot para percorrer un sinxelo labirinto baixo sinais específicas dos diversos sensores, apartar obstáculos por cores, ensinar gráficos ou avanzar describindo un percorrido poligonal cunha cantidade de lados indicada previamente de forma táctil.

As posición finais decidíronse por pequenos detalles dado o alto nivel e a boa actitude de tódolos participantes.

Finalizadas as probas, varios grupos de entre os participantes,  fixeron unha breve demostración-explicación dos desafíos programados. Con esta presentación pecharon unha participación na que amosaron unha ampla variedade de competencias, habilidades e coñecementos necesarios para superar os retos: tecnolóxicos, informáticos,  matemáticos, científicos, de comunicación lingüística e a iniciativa para emprender solucións innovadoras.

Dámoslles os nosos  parabéns aos gañadores e aos demais alumnos do centro que participaron, pola inmellorable actitude e as aportacións  individuais construtivas na coordinación dos distintos grupos.



page | by Dr. Radut