Skip to Content

Bota a andar a 2ª andaina do CdC: Casiña dos Maios 2

 

Este é o segundo curso de traballo no noso Club de Ciencia, no que como sabedes estamos facendo unha investigación sobre a Bioconstrución. Trátase dun proxecto STEM no que resulta fundamental un tratamento desde a óptica do Método Científico, o que implica seguir os pasos:

  • Plantexamento dun problema: vivendas e saúde. Son as vivendas convencionais boas para unha vida saudable? Son sostibles medioambientalmente falando? En que mellora a vida do ser humano cando habita espazos bioconstruídos?
  • Investigación previa: debemos documentarnos sobre os principios básicos da bioconstrución, a saber: materiais, enerxía, solucións estruturais. Para isto trouxemos ó noso centro un obradoiro da Asociación Espiga e alí falamos de materiais saudables, aproveitamento pasivo da enerxía solar, redución refugallo e impacto ambiental na extracción de materiais, minimización distancias traslado materiais, etc. A partir do aprendido neste obradoiro, nas materias de Tecnoloxía e Física e Química realizamos estudos cualitativos dos materiais convencionais de construción, e na materia de Bioloxía, dos marcadores que sinalan unha habitabilidade óptima para o ser humano.
  • Deseño dun prototipo para ensaios: a Casiña dos Maios. Traballamos nela ó longo de todo o curso (preme na imaxe de abaixo para ver todas as fotos), e así tiñamos, en xuño, case listo o noso "módulo bioclimático". Feito enteiramente con barro, area, palla, cal e madeira, co único engadido convencional dunha tela plástica de EPM para evitar filtracións do teito. 
  • Experimentación e medición: deseñamos sistemas de recolección de datos bioclimáticos (Temperatura, Humidade, calidade de aire, presencia de gas radón, horas de luminosidade, etc.). Nestas investigacións traballarán diferentes grupos de alumnas e alumnos: o RadEquipo (estudo de calidade de aire e presencia de Radón); o CodEquipo (deseño estación metereolóxica en Arduino); o MeteoEquipo (montaxe caseta metereolóxica e recollida de datos)
  • Realización de estatísticas, contraste de datos e establecemento de teorías. Melloras do prototipo. Para esta análise teremos un MatEquipo.
  • Divulgación das conclusións

No curso pasado rematamos practicamente a Casiña dos Maios, pero quedaron aspectos por rematar (zócalo, revoque do teito, acabado do chan, zanxa exterior de drenaxe, etc.). Comezamos o traballo deste ano con 3 sesións nas que Guido Tomasini, o bioconstrutor que nos axudou co proxecto, explicará ó alumnado como é remate dunha vivenda.

 

A Casiña dos Maios

 

 

 



blog | by Dr. Radut