Skip to Content

Táboa Periódica e Mulleres Galegas

Como cada 8 de marzo, no noso centro propoñémonos organizar con e para o noso alumnado actividades que reivindiquen, visibilicen e poñan en valor as contribucións das mulleres en tódolos ámbitos da sociedade. Este ano, co gallo do 150 aniversario da táboa periódica, embarcámonos nun proxecto moi especial: construímos unha táboa de mulleres galegas de actualidade que destacan polos seus logros e que abranguen moitos aspectos da vida. Mulleres reais da nosa contorna máis próxima. Aínda faltan, pero só 118 elementos non dan para poñelas a todas.

Este proxecto colaborativo tivo como resultado a creación de dúas táboas periódicas, unha real e outra virtual. A real foi construída nos recreos con alumnado voluntario e rematada nunha hora de clase polos alumnos de terceiro e cuarto de ESO. A virtual foi deseñada e construída buscando información, redactando e axustando documentos a un formato predeterminado nas materias de galego e TIC.

As táboas están relacionadas entre si. Desde a táboa física podes acceder á mesma información que na virtual, podes ver unha pequena biografía de cada unha das mulleres e ademais, mediante un código QR, ver a información do elemento químico ao que están asociadas.

Desde a táboa virtual podes acceder á información de cada unha delas e a un xogo de Pasapalabra para comprobar o que sabes. Atréveste?

Un proxecto que mobilizou a uns 130 alumnos do centro e ao profesorado de 5 departamentos distintos. Un proxecto do que nos sentimos orgullosos porque todos puxemos o noso granciño de  area.

 
 
Se queredes ver o proceso de construción aqui tedes o vídeo:
 



page | by Dr. Radut