Instrucións de matrícula e preinscrición. Curso 2017-2018

A Circular 3/2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se dictan instruccións para a preinscrición, admisión e matrícula  nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia para o curso 2017/2018, dispón o procedemento que deben seguir as persoas que desexan cursar estudos nunha EOI no vindeiro curso e establece dúas quendas diferenciadas:

  • persoas matriculadas no curso 2016-2017 que continúan os seus estudos e se matriculan directamente.
  • persoas non matriculadas no curso 2016-2017, que se consideran alumnado novo e deben preinscribirse.

Lea con detimento as instrucións e consulte na conserxería ou na secretaría do centro en caso de dúbida. De non realizar os trámites dentro dos prazos establecidos, perderá o dereito á praza asignada, quedando vacante para ser asignada a outras persoas. Neste caso só poderá matricularse ao finalizar todo o proceso de matrícula, caso de quedaren prazas vacantes.

ALUMNADO OFICIAL MATRICULADO NO CURSO 2016-2017

O alumnado matriculado no curso 2015-2016 que desexa continuar os seus estudos non ten que facer preinscrición. Seguiranse as instrucións do Anexo IV da circular 3/2017:

  1. A matrícula é directa e farase online a través de CentrosNet ou nesta ligazón www.informaticacentros.com/xunta. O usuario é o número de expediente e o contrasinal o DNI sen letra.
  2. Ao entrar, unha pantalla informarao do curso no que lle corresponde matricularse: pode elixir un grupo dos que lle ofrecen. Esta oferta de grupos poderá verse na pantalla á que accede o alumno.
  3. Confirmar a matrícula. A selección dun grupo, unha vez confirmada, non poderá ser modificada nin anulada. Ao confirmar a matrícula, o sistema xerará un resgardo por duplicado onde se indica o idioma, curso e grupo seleccionado, así como o día e hora na que se grava a solicitude. A praza queda reservada, pendente de confirmación por parte do centro.
  4. O alumnado terá accesible a información das taxas correspondentes para que poida efectuar o pagamento.
  5. Unha vez realizado o pagamento, o alumnado deberá presentar na secretaría do centro o resgardo da confirmación de matrícula (por duplicado), o resgardo de ter pagado as taxas e toda a documentación complementaria que dá dereito a redución ou exención do seu importe. Nese momento, o centro confirmará a matrícula.
  6. O importe das taxas pódese consultar nesta páxina. O pagamento deberá efectuarse nos prazos establecidos. Calquera pagamento fóra de prazo implica automaticamente a anulación da praza reservada. O alumnado tamén está obrigado a presentar a documentación na secretaría no prazo indicado. Doutro xeito, a praza reservada quedaría anulada.

IMPORTANTE: Finalizado o prazo de confirmación, as prazas non confirmadas pola secretaría do centro quedarán automaticamente anuladas e liberadas para o seguinte proceso de matriculación. O alumnado perde todo o dereito sobre a reserva da súa praza.

ALUMNADO NOVO

Ademais do alumnado que pretende cursar estudos no primeiro curso de nivel básico ou básico integrado por primeira vez nun idioma, terá a consideración de alumnado novo:

  • o procedente das probas de clasificación
  • o alumnado con acceso directo a un curso determinado por posuír unha determinada certificación ou titulación (ver accesos directos)
  • o que se incorpora ao réxime presencial despois de superar as probas libres.
  • o procedente de traslado de matrícula doutras EOI.
  • o antigo alumnado da EOI de Vilagarcía que non estivo matriculado no curso 2016-2017.
  • o alumnado da EOI de Vilagarcía que estivo matriculado no curso 2016-2017, pero renunciou á matrícula ou lle foi anulada.
  • as persoas que desexan acceder aos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas de nivel C1, agás as que estivesen matriculadas neste nivel durante o curso 2016-2017.

Todo este alumnado está obrigado a facer a PREINSCRICIÓN a través desta ligazón: www.eoidigital.com/preinsxunta .

Para a preinscrición seguiranse as instrucións do Anexo III da circular 3/2017:

  1. A persoa que queira solicitar unha praza nas EOI deberá darse de alta no sistema, indicando a súa data de nacemento e o seu número de DNI ou NIE.
  2. Unha vez que acceda coa data de nacemento e o DNI/NIE, terá acceso a unha primeira pantalla de captura de datos persoais. Haberá unha serie de campos que se deberán cubrir obrigatoriamente para poder seguir co procedemento.
  3. Igualmente, terá que introducir un contrasinal que lle permitirá con posterioridade acceder ao proceso de preinscrición en liña. Para os casos de perda do contrasinal, pediranlle tamén unha pregunta/resposta secreta.
  4. Os datos introducidos poderán ser modificados con posterioridade volvendo a entrar no sistema co seu contrasinal.
  5. Unha vez cubertos os datos requiridos, accede á pantalla de solicitude de praza.
  6. En primeiro lugar hai dous menús despregables nos que hai que indicar o idioma solicitado e o curso. A oferta é conxunta entre todas as EOI de Galicia, por iso, aparecerá a oferta de TODAS as EOI.
    • Primeiro, hai que escoller o idioma; despois, o curso; logo, o centro que desexa (a EOI ou a sección concreta); e, finalmente, o grupo horario.
    • Nunha mesma solicitude pode escoller varios centros e varios grupos horarios. Para cada idioma haberá unha única preinscrición con CATRO preferencias priorizadas de grupos.
    • Só se poderá solicitar praza nun máximo de DOUS idiomas.
    • A solicitude é única por idioma; é dicir, unha persoa non poderá realizar máis dunha preinscrición para o mesmo idioma.
  7. O sistema poderá emitir resgardos como garantía da solicitude de praza.
  8. É posible consultar a preinscrición feita, suprimila, modificar datos ou engadir outra nova mentres o prazo de preinscrición siga aberto. Ademais disto, unha vez realizada a adxudicación de prazas, na consulta poderase ver se a solicitude está admitida ou non. O acceso por segunda e posteriores veces farase coa data de nacemento, o DNI/NIE e o contrasinal indicado no momento da alta.
  9. Para consultar o proceso de adxudicación de prazas, vexa o punto 6 do Anexo III da circular 3/2017.

 CONFIRMACIÓN DA MATRÍCULA DESPOIS DE ASIGNADA UNHA PRAZA NA PREINSCRICIÓN:

  1. A confirmación da matrícula no grupo asignado realizarase a través da web: www.informaticacentros.com/xunta.
  2. Os novos alumnos, dado que carecen de número de expediente, deberán substituír o número de expediente pola data de nacemento e introducir o DNI como contrasinal. Nas páxinas da preinscrición haberá unha ligazón directa á zona de matriculación.
  3. Ao entrar, unha pantalla indicaralle o grupo que lle corresponde. O procedemento a seguir a partir de aquí é o mesmo que para alumnos oficiais matriculados no curso 2016-2017. (Pasos 4 a 7)
  4. Ademais do resgardo da matrícula (por duplicado), do resgardo do pagamento e da xustificación de redución ou exención das taxas (se procede), o alumnado novo deberá entregar unha copia do DNI ou NIE e dúas fotos na secretaría do centro dentro dos prazos establecidos.
  5. O novo alumnado recibirá un carné da EOI co seu número de expediente.

IMPORTANTE:

ALUMNADO MENOR DE 16 ANOS

Ademais da documentación especificada no punto 4, deberán presentar orixinal ou fotocopia compulsada da documentación que acredite a primeira lingua estranxeira cursada no réxime ordinario no presente curso escolar: Anexo V da circular 3/2017.

ALUMNADO PROCEDENTE DOUTRAS ESCOLAS OFICIAIS DE IDIOMAS

Ademais da documentación especificada no punto 4, deberán presentar un certificado de estudos expedido pola EOI onde estivo ou estea matriculado.

ALUMNADO PROCEDENTE DE THAT'S ENGLISH

O alumnado de That's English matriculado no curso 2016-2017 ten a categoría de alumnado oficial. Para se poder matricular nun curso presencial, terá que dirixirse á secretaría da EOI na que desexe matricularse, co obxecto de que sexa dado de alta en CentrosNet e poder formalizar a matrícula online.

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE RELATIVA Á MATRÍCULA

- A posta en marcha do grupo elexido dependerá do número total de inscritos que o xustifique.
- As datas de celebración das probas parciais de febreiro e finais xuño poderán realizarse en día e horas diferentes aos horarios ordinarios das clases do curso no que se matricula. Do mesmo xeito, na convocatoria de setembro poderán coincidir as probas de distintos idiomas na mesma data e hora.
- Perda do dereito á matrícula: a non incorporación sen xustificación debidamente razoada perante a dirección nos 15 días seguintes ao inicio do curso académico implicará a perda da condición de alumnado oficial e a escola disporá destas prazas para seren cubertas por outros aspirantes.