Taxas curso 2017-2018 - Matrícula oficial

Lexislación aplicable sobre taxas: Decreto 89/2013, do 13 de xuño, (DOG do 17/06/2013)

Por favor, comprobe ben os importes a ingresar antes de acudir á entidade bancaria: o centro non pode efectuar devolución inmediata das cantidades incorrectamente ingresadas. O pago da matrícula deberá realizarse nos prazos establecidos.

Antes de proceder a cubrir os diferentes apartados, lea atentamente a seguinte información. Se aínda así ten algunha dúbida, consúltea na secretaría da EOI antes de efectuar o pagamento.

O pagamento para a formalización da matrícula realizarase mediante un dos medios seguinte:

  • o impreso de autoliquidación modelo E (subministrado polos centros educativos en papel), ou
  • poderá facerse efectivo o ingreso de xeito telemático a través da oficina virtual tributaria (modelo 730).
  • No caso de fraccionar o pagamento, o documento para o pago do 2º prazo, cuberto cos 20 díxitos da conta bancaria para a domiciliación do pago fraccionado, cuberto e asinado, xunto co certificado da conta bancaria, onde conste o IBAN.

O pagamento quedará xustificado mediante a presentación do impreso validado pola entidade financeira no caso dos modelos E ou AI e, no caso do pagamento telemático, pola presentación do impreso co código seguro de verificación (CSV), xerado pola Oficina Virtual Tributaria.

Datos para cubrir a folla de liquidación de prezos públicos (modelo AI)

Consellería de: Educación e Ordenación Universitaria - Código: 07
Delegación de: Pontevedra - Código: 42
Servizo de: Ensino Medio - Código: 03
Taxa: denominación: Escolas oficiais de idiomas - Código: 350800

IMPORTE DA MATRÍCULA

1. ALUMNADO QUE XA ESTIVO MATRICULADO NESTA OU NOUTRA EOI:

Matriculado a vez anterior nunha EOI de Galicia: deberá indicalo no momento de formalizar a matrícula. Alumnado procedente doutra comunidade autónoma: deberá aportar unha certificación académica.

Matriculación por idioma

92,00 € (*)

Servizos xerais

13,00 €

TOTAL

105,00 €

 

 

2. ALUMNADO DE NOVO ACCESO:

Apertura de expediente

22,00 €

Matriculación por idioma

92,00 € (*)

Servizos xerais

13,00 €

TOTAL

127,00 €

(*) Caso de matrícula en máis dun idioma debe multiplicar o importe do apartado "Matriculación por idioma" polo número de idiomas en que se matricule.

 

FRACCIONAMENTO DO PAGO

Segundo o Decreto 89/2013 do 13 de xuño, (DOG 114 do 17 de xuño), artigo 4º, o alumnado poderá fraccionar o pago en dous prazos: 50% no momento de formalizar a matrícula e o resto durante o mes de xaneiro do ano seguinte.  Só se poderá fraccionar as contías referidas ao concepto de matriculación por idioma. Esta modalidade indicarase no impreso de taxas. A falta de pagamento do segundo prazo producirá a anulación da matrícula e suporá a perda da cantidade correspondente ao primeiro prazo.

No caso de fraccionamento no pago, no momento da matrícula deberá presentar o documento para o pago do segundo prazo cuberto cos 20 díxitos da conta bancaria para a domiciliación do pago fraccionado, cuberto e asinado, xunto co certificado da conta bancaria, onde conste o IBAN.

 

EXENCIÓN OU REDUCIÓN NAS TAXAS

No caso de exención ou redución nos prezos públicos, o alumnado ha de presentar a documentación acreditativa no momento de formalizar a matrícula na secretaría da EOI.

1. Bolsas. Quedará exento do pagamento de prezos públicos o alumnado que reciba bolsas ou axudas ao estudo con cargo a fondos públicos. Esta circunstancia deberá acreditarse coa correspondente documentación xustificativa de ter solicitado a axuda ou bolsa. Unha vez resolta a convocatoria de bolsas, o alumnado que resultara beneficiario deberá presentar a súa credencial de bolseiro na secretaría do centro onde se atope matriculado, e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente. En caso de non resultar beneficiario, o alumnado deberá aboar os prezos correspondentes á matrícula, á apertura de expedientes, se for o caso, e aos servizos xerais, xunto cos xuros de demora correspondentes, que efectuará nun único pagamento, no prazo dun mes desde a publicación ou notificación da resolución pola que se concedan e/ou denegan as bolsas. No caso de non efectuar o pagamento procederase á anulación da matrícula en todas as materias, e para todos os efectos.

2. Matrículas de honra. Naqueles estudos en que estea prevista a posibilidade de obter como cualificación «matrícula de honra», o alumnado que obteña esta cualificación nunha ou máis disciplinas terá dereito á matrícula gratuíta no mesmo número de materias do curso seguinte, sempre que sexan de nova matriculación e das mesmas ensinanzas e plan de estudos. O centro conservará unha copia compulsada da documentación acreditativa da matrícula de honra no expediente.

Naqueles estudos en que as materias se rexan por créditos académicos, o alumnado que obteña como cualificación «matrícula de honra», nunha ou máis materias, terá dereito, nas mesmas condicións que as sinaladas no parágrafo anterior, a unha bonificación na matrícula do curso seguinte equivalente ao importe da matrícula na/s materia/s en que obtiveron a cualificación de «matrícula de honra».

Nas ensinanzas artísticas superiores, o alumnado con matrícula de honra global en 2º de bacharelato, con premio extraordinario no bacharelato ou no ciclo superior de formación profesional, ou con premio de fin de grao nas ensinanzas profesionais de música e danza, terá dereito, no primeiro curso e por unha soa vez, á exención total do pagamento dos prezos públicos por matrícula.

3. Familias numerosas. Terán unha exención do 100 % os/as membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial e unha bonificación do 50 % para os/as de categoría xeral. Esta condición acreditaraa o/a alumno/a no momento de formalizar a matrícula, mediante exhibición do libro de familia numerosa ou do documento acreditativo de tal condición de uso individual legalmente establecido e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

4. Discapacidade. As persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % están exentas do pagamento dos prezos públicos. A acreditación desta condición realizarase ao formalizar a matrícula mediante exhibición do certificado ou resolución sobre o recoñecemento do grao de discapacidade ditada polo órgano competente nesta materia e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

5. Vítimas de actos terroristas. Están exentas do pagamento dos prezos públicos as vítimas de actos terroristas, así como os/as seus/súas cónxuxes e fillos/as. A acreditación desta condición deberase realizar documentalmente ao formalizar a matrícula, e o centro deberá conservar unha copia compulsada no expediente.

6. Violencia de xénero. Quedan exentas do pagamento polos servizos académicos regulados neste decreto as alumnas que sufran violencia de xénero. Tamén quedará exento o alumnado cuxas proxenitoras a sufran.

A situación de violencia de xénero acreditarase por calquera das seguintes formas:

a) Certificación da orde de protección ou da medida preventiva, ou testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida preventiva.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c) Certificación dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do Ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Calquera outro que se estableza regulamentariamente.

7. Funcionarios/as docentes. Os/as funcionarios/as dos corpos docentes establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estarán exentos/as do aboamento dos prezos públicos establecidos no presente decreto, agás os correspondentes á apertura de expediente e servizos xerais, e unicamente nas materias de nova matriculación.