Información xeral

Información xeral sobre as probas de clasificación:

1. As probas de clasificación teñen por obxecto facilitar a incorporación a calquera curso e nivel dun idioma do alumnado que dispoña de coñecementos previos del.

2. Terán dereito a realizar as probas de clasificación para cada idioma aquelas persoas que dexexen acceder por primeira vez ás ensinanzas de idiomas na modalidade presencial.

3. Así mesmo, poderán realizar estas probas as persoas que cursaron con anterioridade estudos do idioma e que non se matricularon en réxime oficial nos dous cursos anteriores ao que dexexen acceder. Este alumnado deberá ter en conta que se o resultado da proba lle dá acceso a un curso que xa superou nese idioma non poderá cursalo de novo, polo que o resultado da proba non terá efecto.

4. As escolas oficiais de idiomas poderán realizar probas de clasificación para cada un dos idiomas que impartan, en función das solicitudes recibidas no prazo de inscrición.

5. O prazo de inscrición para as probas de clasificación será no mes de setembro.

6. As probas de clasificación de cada idioma realizaranse no mes de setembro de acordo co calendario que estableza cada escola.

7. O alumnado que se inscriba nas probas de clasificación terá que realizar tamén a preinscrición no idioma correspondente, se dexexa optar a unha praza no primeiro curso do nivel básico no caso de que non obteña o acceso por proba de clasificación a un curso ou nivel superior.

8. A incorporación ao curso que determine o resultado da proba estará suxeita á dispoñibilidade de prazas no dito curso. Esta incorporación non dará dereito en ningún caso á certificación dos cursos e niveis inferiores.

9. O resultado obtido nas probas de clasificación terá validez nas dúas convocatorias seguintes, para os efectos de formalizar a matrícula en calquera das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

10. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitará ás escolas oficiais de idiomas a estrutura e criterios de cualificación e corrección das probas de clasificación. Os departamentos didácticos das distintas escolas serán os responsables da elaboración, administración e avaliación destas probas.

Esta información está extraída da ORDE do 5 de agosto de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula a organización e o acceso ás ensinanzas de idiomas de réxime especial.

Proxectos

Erasmus

2018-19: FalArte

2017-18: Alimentación e saúde

2016-17: Viaxar