Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Acceso por proba de clasificación

A proba de clasificación (antiga proba de nivel) está pensada para o alumnado que se quere matricular nos estudos oficiais da EOI e xa ten coñecementos previos. A proba de clasificación diagnostica o seu nivel de acceso, de tal xeito que se poden comezar os estudos desde un curso superior ao primeiro.

Pinche nas seguintes ligazóns para obter mais información sobre este xeito de acceso:

Consideracións previas

Se está considerando presentarse á proba de clasificación debe saber que:

  • a proba de clasificación non certifica un nivel de lingua, senón que estritamente calibra o nivel de acceso en caso de quererse matricular nos estudos da EOI na modalidade oficial
  • a proba de clasificación non outorga automaticamente unha praza: o alumnado deberá optar ás prazas na EOI mediante o procedemento de preinscrición
  • non poderán facer a proba de clasificación o alumnado matriculados en modalidade oficial no mesmo idioma neste curso ou no inmediatamente anterior
  • a proba daralle acceso a un curso concreto e só a ese curso: non poderá matricularse nun curso inferioir ao que indique a proba
  • a proba terá validez para matricularse na modalidade oficial neste curso e no seguinte
  • se a proba lle dera acceso a un nivel xa cursado e/ou superado anteriormente, a proba quedará sen efecto
  • para acceder aos estudos das EOI, incluso a través da proba de clasificación, deberá cumprir os requisitos de idade das EOI (16 anos cumplidos no ano natural de comezo dos estudos se o idioma estranxeiro é o mesmo que o cursado na ESO; 14 anos se é un idioma diferente)
  • a proba é compatible coa matrícula en modalidade libre
  • a proba non anula outras opcións de acceso (pode optar polo acceso directo aínda que faga a proba de clasificación)

Calendario das probas de clasificación

As probas de clasificación teñen lugar nos primeiros 20 días de xuño. Prema aquí para ver un calendario das probas deste ano. 

Prazo de inscrición na proba de clasificación

O prazo de inscrición na proba de clasificación esténdese entre o 15 e o 30 de maio.

Importe da proba de clasificación

A taxa para inscribirse nesta proba é de 17 € por idioma. Hai exencións para familias numerosas, alumnado con grao de discapacidade, e outros (deberase acreditar o dereito á exención en todos os casos). Aquí pode consultar información detallada sobre as taxas.

Procedemento de inscrición nas probas de clasificación

Para formalizar a súa inscrición nas probas de clasificación deberá:

  1. Descargar o formulario de inscrición e cumprimentalo; deberá cubrir un impreso por cada idioma ao que se presente.
  2. Pagar a taxa correspondente (consulte as instrucións para pagar as taxas aquí).
  3. Presentar, no prazo establecido, a documentación completa: o/s formulario/s de inscrición debidamente cumprimentado/s, unha copia do seu documento de identidade xunto co orixinal, e o resgardo do pago da taxa. Onde presentar a documentación: na secretaría da EOI (consulte aquí o horario da secretaría da EOI) ou, se a proba se vai realizar nas seccións de Noia, Ordes ou Ribeira, na xefatura destas seccións dentro do horario establecido por cada unha delas.