Skip to Content

PROCESO DE ADMISIÓN CURSO 2021/2021.BAREMACIÓN.

DÍA DA MULLER: 8 DE MARZO

Para conmemorar o día Internacional da Muller, contamos coa actuación do contacontos "Daniela a Pirata" grazas a AMPA do Areal.

Tamén elaboramos nas aulas a tarxeta das nosas mulleres favoritas.

ESPAZO LECTURA

A partires de agora podedes acceder a todas as novidades da web Espazo Lectura facendo clic no banner do logo situado no lateral esquerdo da nosa paxina web.

A NOSA ESCOLA: EEI O AREAL

(Se facedes click na imaxe podedes acceder á visualización do vídeo).

 

O principal obxectivo da EEI O Areal é que o alumnado avance no seu desenvolvemento nun entorno seguro, lúdico e motivador.

Traballamos por proxectos que elabora o equipo docente a partir dos intereses amosados polo alumnado.

Tamén celebramos as festas tradicionais e as conmemoracións marcadas pola Consellería de Educación (Día da prensa, Letras galegas...).

As mestras dos tres niveis coordínanse e programan actividades nas que participan as nenas e nenos das tres clases, cada quen ao seu nivel evolutivo.

A mestra de inglés imparte tres sesións semanais e contamos cunha auxiliar de conversa dous días á semana, por participar no programa Plurinfantil da Consellería de Educación.

A mestra de audición e linguaxe imparte un obradoiro de linguaxe oral en cada nivel, co fin de potenciar o desenvolvemento da linguaxe e detectar de forma temperá calquera posible dificultade.

Tamén a orientadora, na xornada e media que está no centro, ten un papel moi importante na atención a aquel alumnado que presenta necesidade de apoio individualizado, de xeito temporal ou permanente.

Comezamos a mañá coa realización da Asamblea no encerado dixital interactivo. Nela traballamos desde a responsabilidade e o saúdo ata a organización das tarefas do día, conceptos temporais, matemáticos, lecto-escritura ou educación emocional. E moi importante este momento concreto para falar e intercambiar vivencias e experiencias.

A continuación, iniciamos o tempo de traballo no proxecto, simultaneamente ou non cos recunchos. Estes empregámolos de xeito libre e por propostas.

Posteriormente adicamos un tempo ao aseo e á merenda, antes de ir ao recreo.

O patio de recreo, de área é amplo e conta con moitos elementos de xogo axeitados á idade dos nenos/as. Seguidamente ao recreo, desenvólvense os obradoiros: inglés, linguaxe, horto, psicomotricidade...

Desde hai anos, participamos no Programa Voz natura, ca posta en marcha do horto ecolóxico/invernadoiro, implicándonos tamén no compós e coidado do entorno.

Desde o curso pasado, levamos á práctica o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, o que permitiu dar máis importancia aínda á biblioteca e ao seu gardián, o Dragón Tontón, mascota da Escola que desde hai moitos anos, deixábanos os seus contos, punto de partida e mediadores de moitas aprendizaxes.

No presente curso, estamos somerxéndonos nas Bibliotecas creativas, coa implantación dun recuncho maker (con tablets, Escornabots).

Gústanos que as familias colaboren coa escola, implicándose nas actividades de ensino/aprendizaxe, e ofertamos unha serie de obradoiros de participación voluntaria.

EDLG

Inicio do proceso de admisión.

 

Inicio do procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso 2021/2022.

Fase de reserva de prazas en centros de adscrición

De conformidade coa disposición adicional primeira da Orde do 12 de marzo de 2013 que regula o procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, o día 11 de xaneiro de 2021 iniciáronse os trámites do procedemento, coa reserva de praza nun centro de adscrición para alumnado que cambia de etapa.

  • A consulta das listaxes de alumnado admitido, que se publicarán antes do día 28 de febreiro, debe realizarse no centro no que está matriculado no presente curso ou na aplicación admisionalumnado.

Normativa de aplicación

  • ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • ORDE do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • DECRETO 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A orde do 18 de decembro de 2020 establece modificacións nos prazos do

proceso.  Os máis salientables dos previstos nesta orde para a tramitación dos

procedementos de admisión e de matrícula do alumnado son os que se indican a

seguir e, en todo caso, enténdense referidos ao ano natural:

 

1. Reserva de praza no centro de orixe: do 11 de xaneiro ao 8 de febreiro.

2. Data do sorteo público para efectos de desempate: última semana de febreiro e, en todo caso, antes do 1 de marzo.

3. Publicación de postos escolares vacantes: antes do 1 de marzo.

4. Presentación da solicitude de admisión: 1-22 de marzo.

5. Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: 10 días hábiles contados a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión.

6. Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas: antes do 25 de abril.

7. Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas: antes do 15 de maio.

8. Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: 20-30 de xuño.

Se  non se formaliza a matricula, pérdese a vacante adxudicada e pérdese a praza escolar do centro educativo no que estaba matriculado o alumno/a anteriormente.

 As familias poden consultar o estado de tramitación das súas solicitudes:

-A través da aplicación “admisiónalumnado” (htpp: www.edu.xunta.es/admisionalumnado)

 

-Utilizando o código de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante.

 

  SOLICITUDE DE ADMISIÓN.

O vindeiro luns 1 de marzo, comeza o prazo para a presentación de solicitudes de admisión para o curso 2021/2022. Ao ser sábado o día 20, o prazo rematará o luns 22.

 

Debido á COVID-19, este curso hai que seguir unhas medidas de  prevención, recollidas no Plan de actuación do centro:

 

- Só se poder acceder ao edificio da escola con cita previa. 

 

Para evitar aglomeracións, aquelas persoas que queiran recoller impresos ou entregar solicitude presencialmente, deben pedir cita, chamando ao teléfono 886110152 de 9:20 a 10:00 h.

 

Non se atenderá a ninguén que non teña cita previa.

 

- O acceso está sinalizado, de xeito que éntrase por unha porta e sáese por  outra, seguindo un circuíto para evitar contactos entre as persoas que entran e as que saen.

 

-Para acceder á escola, débense realizar a hixienización de zapatos, mans e toma de temperatura, coma o resto da comunidade educativa.

 

Na entrada do despacho, existe felpudo hixienizante e dispensador  de xel hidroalcohólico. A toma de temperatura farase por un membro do equipo docente.

 

- Debe vir unha única persoa e non traer aos nenos/as.

 

Documentación  necesaria para a solicitude de admisión.


1. A SOLICITUDE: será única e terá carácter vinculante.

O impreso de solicitude pode descargarse na aplicación  admisiónalumnado 

(https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado),

No caso de non poder ou non querer descargala, pódese recoller no centro, seguindo as medidas indicadas.

Igualmente, pódese cubrir a solicitude e tramitar a presentación a través da aplicación ou presencialmente (instrucións na aplicación). Sempre anexando a documentación necesaria.

Se se opta pola entrega presencial, imprescindible pedir cita e seguir as instrucións citadas.

Irá dirixida á dirección dos centros públicos e presentarase no centro indicado en primeiro lugar.

Cada solicitude poderá conter unha relación de ata seis centros, por orde de preferencia.

A solicitude debe cubrirse totalmente, sen enmendas ou correcións.

A solicitude poderá asinala calquera das persoas titulares da patria potestade, cando se refiran a fillas/os comúns dun matrimonio non separado legalmente nin divorciado ou dunha parella de feito debidamente inscrita no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia. Nos demais casos requírese a sinatura das dúas persoas titulares, agás que a patria potestade estea atribuída a unha delas con carácter exclusivo, ou en situacións de violencia de xénero.

2. A solicitude de admisión deberá ir acompañada da documentación acreditativa do requisito de idade: Fotocopia do LIBRO DE FAMILIA/DNI (presentar o orixinal para poder compulsar a copia).

3. No caso de separación ou divorcio será necesario presentar, xunto coa solicitude de admisión, a fotocopia da RESOLUCIÓN  XUDICIAL  correspondente para a súa comprobación polo centro educativo (presentar o orixinal para poder compulsar a copia).

4. No caso de denegar a comprobación de datos por parte da administración, achegaránse fotocopias dos DNIs do solicitante e dos membros computables da unidade familiar.

5. Cubrir todos os apartados do baremo polos que poida computar. (instrucións no impreso).

 Se houbera máis demandas de solicitudes  que vacantes ofertadas, haberá que presentar  a DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DOS CRITERIOS DE BAREMO (10 días hábiles contados a partires dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión). 

Non obstante, consultaranse de forma automática a través de admisionalumnado (salvo oposición expresa que conste na solicitude) e non será necesario acreditar os datos relativos a:

• Domicilio fiscal e renda per cápita da unidade familiar

• Condición de familia numerosa

• Discapacidade do alumnado, proxenitores, titores ou irmáns recoñecida pola xunta de Galicia

Na valoración do criterio de irmás ou irmáns matriculados en centros educativos públicos, consideraranse os escolarizados na EEI O Areal e no CEP de Sabarís .

 Aos efectos da valoración do criterio de proximidade do centro ao domicilio familiar, a certificación do padrón municipal de habitantes expedida polo órgano competente do concello, será o principal medio de acreditación das circunstancias da unidade familiar: domicilio familiar, membros da familia que conviven nel e data de alta na vivenda. Toda persoa que resida habitualmente nun concello está obrigada por lei a inscribirse no seu padrón. 

Para a valoración da renda per cápita da unidade familiar, as persoas interesadas deberán facer constar a cantidade correspondente á base impoñible no caso de declaración conxunta, ou á base impoñible de cada un dos declarantes da unidade familiar, no caso de declaración individual. A tal efecto, constará a cantidade que resulta da suma das casiñas 435 (base impoñible xeral) e 460 (base impoñible do aforro) da correspondente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do ano 2019; cando non presente a declaración do IRPF, constarán os ingresos segundo os datos tributarios que facilite a Axencia Estatal de Administración Tributaria. Esta cantidade dividirase polo número de membros da unidade familiar referido ao día 28 de febreiro de 2021.

Enténdese por familia monoparental a composta por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento. Para a valoración do criterio de familia monoparental, a persoa interesada terá que presentar a certificación de recoñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou pola autoridade competente doutras administracións públicas. 

Criterio complementario aprobado polo Consello Escolar do Centro: domicilio na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa (1 punto).

 

 Postos escolares vacantes . 

As vacantes existentes no centro, para o curso 2021/2022 son as seguintes:

4º de Educación Infantil (3 anos): 22, máis 3 reservadas para alumnado con neae.

5º de Educación Infantil (4 anos): 5

6º de Educación Infantil (5 anos): 5

 

Servizos ofertados.

A EEI O Areal conta con tres aulas do  segundo ciclo de Educación Infantil:

4º de E. I. – nenos/as de 3 anos

5º de E. I. – nenos/as de 4 anos

6º de E. I. – nenos/as de 5 anos

 

 O equipo docente está composto por:

- 4 mestras especialistas en Educación Infantil,

- 1 mestra especialista en Lingua Inglesa (e unha auxiliar de conversa en lingua inglesa dous días á semana)

- 1 mestra especialista en Audición e Linguaxe

- 1 mestra de relixión católica, ven 3 horas á semana  desde o CEIP de Belesar.

- 1  orientadora, ven unha xornada e media á semana desde o CEP de Sabarís.

 

horario escolar é de xornada continuada de mañá: de 9:00 h. a 14:00 h. (adaptado, pola Covid-19, en tres quendas: 8:50-13:50, 9:00-14:00. 9:10-14:10 h.)

 

 A EEI O Areal comparte o transporte escolar co CEP de Sabarís.

 

Por mor da Covid-19, o servizo de comedor,  xestionado pola ANPA do CEP de Sabarís, coa colaboración da ANPA da EEI O Areal, está cancelado. Pendente da evolución sanitaria para a súa reanudación.

 

A ANPA da escola organiza as actividades extraescolares, durante a tarde. Canceladas pola Covid-19. Pendente da evolución sanitaria para a súa reanudación.

 

  A zona de influencia da EEI O Areal é a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, en Baiona, ata a curva do manco.

 

 A EEI O Areal está adscrita ao CEP de Sabarís.

 

 

30 DE XANEIRO. DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

Na aula virtual no apartado de fotos do curso 2020/2021 podedes acceder o vídeo realizado polos nenos e nenas do Areal para saudar aos avós e avoas do centro de día de Sabaris.

ESPAZO LECTURA XANEIRO 2021

PRENDENDO BUTACAS NA CASA

Actividade promocionada pola Deputación de Pontevedra para este Nadal e sen saír da casa. Máis información en https://www.depo.gal/

CAMBIOS NO TRANSPORTE ESCOLAR

A PARTIRES DO 8 DE XANEIRO, VEREDES OS CAMBIOS NO TRANSPORTE ESCOLAR, QUE ENTRAN EN VIGOR O 23 DE DECEMBRO, TAL COMO VOS INFORMAMOS POR ABALAR MÓBIL.

 

            

Distribuir contido


by Dr. Radut