ANPA

O CLUB DE LECTURA VAI Á ESCOLA DE RAÑO

Este mércores 8 de Maio ás 4:30, nova sesión con contos e música. Se o tempo o permite iremos merendar a Meiquiz, ao pé dos seus hórreos. Se cadra aínda alguén se anima a contarnos cousas das mallas... 

Non deixedes as Camisetas Verdes na casa, que son moi festeiras! 

Xa sabedes. ACTIVIDADE ABERTA AO MUNDO ENTEIRO!!!

 

CLUB DE LECTURA INFANTIL CRA DE RIANXO NA ESCOLA DA CAPELA

 

Mañá mércores 24 ás 4:30 teremos na Escola da Capela unha nova sesión do Club de Lectura Infantil. Leremos contos e haberá música en directo grazas as peciñas que Ainhoa vai tocar para nós.
Ao acabar teremos un obradoiro de pintado de camisetas para facer xuntos camisetas coas que poder sumarnos á campaña "Venres Verdes" promovida desde a "Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza". Para participar nela só é preciso traer todas as camisetas con ganas de ser pintadas que queirades. As camisetas poden ser de crianzas ou de adultos, novas ou vellas, verdes ou doutra cor... Pero aínda así, se non consegues camiseta, a anpa levará algunha... A ver se atopas a túa talle. Se queres envíanos unha mensaxe ou chámanos por teléfono 654721393 e reservámoscha.
Coma sempre, esta é unha actividade aberta, serás ben recibid@ aínda que non estudes no Cra de Rianxo. Anímate a participar!!!!

OBSERVACIÓN DE ESTRELAS DESDE O CEIP ANA MARÍA DIÉGUEZ DE ASADOS

 

 

O Ceip Ana María Diéguez de Asados (situado detrás da Sede do Cra) está organizando unha actividade de observación de estrelas da man do astrónomo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, J.A. Docobo. Celebrarase este venres 19 de Abril se as condicións meteorolóxicas o permiten.

A sesión comezará ás 21:00 horas e nenos e maiores poderán observar a lúa e aprender moito sobre o que se ve no ceo. 

Trátase dunha actividade aberta e polo tanto serán moi ben recibidos todos os nenos e nenas que o desexen e que vaian acompañados dun adulto. Tamén as nosas crianzas do Cra! 

Animádevos a asistir e difundide a información nas vosas escolas, por favor. 

En caso de suspenderse por mal tempo anunciaríase no bloque do Ceip, cuxo enlace é o seguinte: http://ceipanamariadieguez.blogspot.com.es/

 Nel podedes consultar xa a información e ver as cousas bonitas que fan.

 

 

 

 

HOXE COMEZAN OS VENRES VERDES!

 

A comunidade educativa da Barbanza, e por inicitiva da “ASEMBLEA DE DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO DA BARBANZA” comeza hoxe a ir ás escolas coas camisetas verdes, en sinal de protesta polos recortes ao ensino público de tod@s e para tod@s. 

Na Anpa temos camisetas para tod@s as mamás, papás, avós e avoas por 6 euros/unidade. Dicídenos cantas queredes e levámosvolas á escola. 

Para as crianzas aínda non temos, pero estamos organizando unha xuntanza para pintar nós mem@s unhas moi creativas! Apúntate!!! 

Podedes ver a noticia na prensa pinchando no seguinte enlace: http://media.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2013/03/02/instauran-viernes-verdes-protesta/0003_201303B2C5994.htm?idioma=galego. 

Un abrazo

VISITA DE SABELA LAHUERTA AO CRA DE RIANXO

 

VISITA DE SABELA LAHUERTA AO CRA DE RIANXO
 Os/as profes das nosas crianzas mandáronnos unha invitación ás familias do Cra de Rianxo e tamén unha recomendación para que asistamos este mércores 13 a unha actividade que vai haber na sede de Asados. Aquí tendes a información:
Compañeiros, compañeiras e familias: 
mércores 13 de marzo na biblioteca do CRA (Asados), con horario de 16:00 a 18:30 h.
Nesa data recibiremos a visita de Sabela Lahuerta, mestra no CEIP de Vide (As Neves) que nos aportará as súas experiencias sobre a organización e xestión da biblioteca escolar dun CRA, no cal traballa moi directamente coas familias, tal e como recolle no seu blog: http://aldeatotal.blogspot.com/. Por suposto, unha vez máis as familias estades convidadas...
 Penso que estará moi ben para aprender a partir desta experiencia de colaboración entre escola-familias. Xa sabedes que estas cousas se organizan única e exclusivamente para mellorar a vida dos nosos fillos e fillas. 

O CLUB DE LECTURA INFANTIL DO CRA DE RIANXO CELEBRA O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 

O Club de Lectura Infantil do Cra de Rianxo vai celebrar o Día Internacional da Muller o xoves día 7 de Marzo, ás 16:30 horas na Escola de Abuín-Brión.

Haberá música porque Miriam, antiga alumna do Cra e actualmente estudante na Escola de Música de Rianxo, virá a tocarnos unhas pezas co seu curioso instrumento. Tamén leremos contiños e falaremos con mulleres de Rianxo que compartirán con nós algunha curiosidade sobre a súa profesión. 

Actividade aberta a quen queira asistir e organizada pola Anpa "Irmáns Ínsua" coa colaboración do  profesorado do Cra, da Escola de Música e dos Talleres da Memoria do Concello de Rianxo.  

OBRADOIRO DA ESCOLA DE MÚSICA DE RIANXO

Dende a Escola de Música de Rianxo infórmannos de que van realizar o V Obradoiro Musical durante os meses de marzo a xuño, para nenos/as de 3 a 7 anos.

 As xornadas serán:

 Venres:

 Rianxo (16:00 a 17:00)

 Taragoña (17:30 a 18:30)

 Asados (19:00 a 20:00)

 Sábados:

 Leiro (16:00 a 17:00)

 Isorna (17:30 a 18:30)

 O prazo de inscrición remata o 26 de febreiro.  O obradoiro comeza o 1 de marzo. O prezo do obradoiro é de 40€ polos catro meses. 

 Máis información nas oficinas do auditorio de 11h30 a 13h00, no  teléfono 671 058 555 ou no e-mail: escolademusicaderianxo@gmail.com.

CON ROSALÍA...

A ANPA IRMÁNS ÍNSUA DO CRA DE RIANXO VEN DE  REALIZAR, O MÉRCORES 20 DE FEBREIRO,  A SÚA SEGUNDA SESIÓN DO CLUB INFANTIL DE LECTURA NA ESCOLA DE CRUCEIRO, ANTIGA ESCOLA "ROSALÍA DE CASTRO"

O CLUB DE LECTURA CONTOU COA PRESENZA DUNHA CONVIDADA DE HONRA, A POETA GALEGA LUZ FANDIÑO,  NUNHA XORNADA PARA LER, CONTAR E CANTAR A ROSALÍA.

UNHA TARDE LITERARIA CON NENOS E NENAS, CON FAMILIAS E MESTRES E CON LUZ FANDIÑO.
E CON ROSALÍA...

*

ver a lembranza a Rosalía na

Escola de Cruceiro

Escola de Rañó

Escola de Pazo

A FEIRA DE ASOCIACIÓNS PARA O DOMINGO 17 TRASLÁDASE A ASADOS

 

Atención!!! En Rianxo aínda non rematou o Antroido 2013 !!!!!

Sábado día 16 Campo de Pasos - Taragoña - 17.30 h.
Certame de CARROZAS Organiza Peña Cicloturista Castro Barbudo. Premios ás mellores carrozas. OBRADOIROS de maquillaxe, globoflexia e complementos
Domingo día 17 - Patio do CEIP ANA MARÍA DIÉGUEZ - ASADOS - dende as 16.30 horas
ENTROIDOlandia (inchábeis, obradoiros e grandes xogos) -16.30 a 20.30 h. - Obradoiros e actividades animación para as crianzas.
Actuación de PETER PUNK - 18.00 h. Posta en escena do seu novo espectáculo PETER PUNK.
Sorteo de AGASALLOS entre as persoas disfrazadas (infantil - xuvenil-adultos e grupos). Require inscrición previa. (a partir das 17.00 h.)
II FEIRA do Entroido - 16.30 h a 20.00 horas. - DEGUSTACIÓN de productos do Entroido, Obradoiros, Actividades de Animación, ... nos postos das diversas entidades culturais participantes (Centro Cultural VICENTE VIDAL de Leiro, Cadro Artístico AIRIÑOS, Asoc Cultural FOGO FATUO, ANPA “Irmáns Ínsua” do CRA de Rianxo, Asoc. Festival ANTROSPINOS, Asoc. Cultural e Xuvenil TOXO BRAVO - Agrup. Teatral CRIATURAS,....entre outras)
CHARANGAS - Ambientación musical polas Charangas “N.A.S.A”, “O RETORNO DOS TERRIBLES” e “VAI DE RODA”
Enterro do TORIBIÑO - Velorio e posterior queima. Organiza Asoc. Cultural e Xuvenil TOXO BRAVO
Máis información aquí.
Agardando que a información sexa do seu interese, reciba un cordial saúdo
Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística
Concello de Rianxo

O CONCELLO DE RIANXO TRASLADA A FEIRA DE ASOCIACIÓNS PARA O DOMINGO 17

Parece que toca parar as máquinas. O Concello de Rianxo traslada ao domingo 17 a Feira de Asociacións. Este é o comunicado oficial: 
Ante as previsións do tempo para mañá Martes de Entroido, nas que se anuncia unha tarde fría e con risco de chuvia, e habida conta de que as actividades programadas por este Concello para celebrar o Entroido están centradas, na súa maior parte, para desenvolver ao aire libre o día mencionado, procédese a trasladar o programa de actos de mañán martes e pasado mércores (inclúese o enterro do inestimable e sempre ben querido Toribiño, pois non vai ser chorado antes de celebrar o Entroido) para a tarde do vindeiro domingo día 17, cos mesmos horarios, na que -coa salvedade dos días que quedan por diante- as previsión climáticas parecen algo máis afortunadas.
Agardamos que o espírito entroidiano siga teso e forte ata o mencionado día
Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística
CONCELLO DE RIANXO
Estupendo!!! así teremos máis tempo para amasar orellas, probar o vestiario, ensaiar as imitacións... Vai estar todo riquísimo!!!Guiño
Distribuir contido