ANPA

ATENCIÓN. TRASLADO DO LUGAR DE REUNIÓN: SEDE DO CRA (ASADOS) xoves 11 ás 20 horas.

 

 
 

 

                                                                                           
A reunión que se ía celebrar no Colexio Castelao non se vai celebrar, porque a consellería mellorou as condicións dese centro. Non obstante, mantense o recorte do profesor de audición e linguaxe para o alumnado do Cra. Por todo isto, no mesmo día e hora, xoves 11 ás 20 horas, a dirección do CRA nos informará de como nos vai afectar este recorte de profesorado.

OS RECORTES SEGUEN CHEGANDO AO CRA NO CURSO 2014-2015

Iniciamos o curso escolar coa triste noticia de que no Cra recortan a dedicación do profesorado especialista en audición e linguaxe. Ata este curso dispoñíamos dun profesional con xornada completa, e agora imos compartilo co Colexio Castelao. A razón para reducir non está en que se reduciron as necesidades, senón en que se reduce o diñeiro que se quere dedicar. Novamente, xestiónase a escola dos nosos fillos e fillas con criterios empresariais. Todo o alumnado se verá perxudicado, porque estes especialistas, ademais de ter unha atención individual ás crianzas con máis dificultade, estaban dedicando tamén un tempo á semana a traballar nas aulas con todas as nenas e nenos. 

É deber das nais e pais defender os dereitos dos nosos fillos e fillas mentres eles non poden facelo. 

Por iso, desde a Anpa, pedimos ás familias que acudan o xoves 11 ás 20 horas a unha reunión informativa que haberá no Colexio Castelao, para ver a maneira de defender o dereito dos nosos nenos e nenas a un ensino de calidade. 

 

ACAMPADA NA BIBLIOTECA PÚBLICA CASTELAO

O día 24 de Outubro, este xoves, celébrase o día da Biblioteca, e é por iso que na Biblioteca Municipal de Rianxo ao día seguinte, venres, imos acampar alí. Se queres participar, prepara as túas cousas e ven durmir con nós.

Faranse moitas actividades: teatro, obradoiros, xogos, animación á lectura, contacontos,..

Está destinado a un público familiar para nenos/as a partir de 4 anos e acompañados por unha persoa adulta.

As prazas son limitadas así que, se estás interesado/a en participar ou precisas máis información, acode á Biblioteca (tlf. 981 86 02 72 ou o correo biblioteca@concelloderianxo.es). O prazo para anotarse remata mañá mércores. 

Anímate!!!

LEMBRADE QUE HOXE TEMOS ASEMBLEA XERAL!

Tal e como se comunciou nunha circular hai días, hoxe venres 11 de outubro temos a primeira asemblea para este curso. Ás 20:00 horas na Sede de Asados. Non faltedes! Non deixedes que outros decidan por vós!

Esperámosvos.

Anpa "Irmáns Ínsua" do Cra de Rianxo.

 

A ANPA INVESTIGA!!!!

Precisamos saber nomes que se lle dá en Rianxo a eses "botóns" que lles saen ás plantas cando están comezando a nacer as frores... Axúdanos!!!

VOLVEN AS NENAS E OS NENOS Á ESCOLA DE CUVIDE

Despois de que se tivese fumigado e limpado a Escola de Cuvide, mañá martes 17 xa poden volver os nenos e nenas a clase. Esperamos que todo vaia ben e non volvamos ter "visitas" pouco desexables. Para evitalo imos tratar de manter pechada a cancela do patio. Os gatos son moi seus e non nos farán caso, co que lles gusta saltar. Pero os cans seguro que quedan á porta se así llo indicamos. Unha boa porta trancada vaillo dicir moi clariño.

Continuaremos alerta, para axudar todos e todas a que non se repita. E en caso de que asi sexa, para poñer remedio o antes posible.

Grazas pola colaboración.  

PROTESTAS NA ESCOLA DA VACARIZA

Tal como informamos, onte pola mañá houbo outro intento de diálogo coa Consellería de Educación e as familias de A Vacariza que, acompañados por veciños, Anpa, Asemblea polo Ensino Público da Barbanza, e alcalde de Rianxo, foron a Coruña falar co Xefe Territorial e co Director de Centros. O resultado da visita foi absolutamente negativo, sen atender á proposta de manter aberta a escola sen custe algún para a Consellería, e sen recoñecer que hai outras escolas na comunidade galega que van estar abertas este ano con cinco nen@s, dereito que se lle nega á Vacariza, a pesar de garantirse que en anos vindeiros este número subirá considerablemente, dado o número de crianzas pequenas que viven na aldea e que se escolarizarán no próximo curso. 
As familias de A Vacariza, non obstante, non se resignan, e van seguir defendendo a súa escola e o patrimonio da súa aldea, que é tamén o patrimonio de tod@s nós. Por iso mañá mércores 11, día de inicio do curso escolar, van levar igualmente aos seus meniños e meniñas á Escola da Vacariza. Pídennos o noso apoio e que nos acheguemos ata alí, onde estarán a partir das nove da mañá. É importante que as familias non se sintan soas. A tendencia da Consellería de desprezar o mundo rural está pechando escolas por toda Galiza. Este ano tócalle a esta de Rianxo, pero detrás deste curso virán outros, e outras escolas morrerán para non volver abrir. 
Hoxe sae a noticia recollida na prensa: 
 
 
 
Animádevos! 

 

A ESCOLA DA VACARIZA AÍNDA LATEXA!!!!

Como sabedes, as familias do Cra de Rianxo, a Anpa, o profesorado do centro, os veciños, o Concello de Rianxo e a Asemblea polo Ensino Público da Barbanza levamos meses traballando xunt@s para tratar de impedir que se peche a Escola da Vacariza, que este ano conta con pouca matrícula, pero que para os anos vindeiros xa tería as nenas e nenos precisos para cumprir coa ratio esixida pola Consellería. Podedes ver máis información no seguinte enlace: 

http://fotosderianxo.com/2013/06/26/non-ao-peche-da-escola-unitaria-da-vacariza/

Recentemente, e ante a falta de resultados dos intentos de negociación coa inspección, o actual profesorado do Cra organizouse solidariamente e comprometeuse a asumir, de xeito excepcional e para o presente curso, a docencia da Escola da Vacariza aínda que a Consellería non adxudique esa praza a ningún docente. A dirección do centro fixo esta proposta a semana pasada á consellería, pero foi rexeitada. É por iso que mañá luns 9 vai ir á Xefatura Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comitiva para pedir que a Consellería permita que a Escola siga aberta. Acudirán familias, membros da Anpa, o alcalde de Rianxo e tamén un representante da Asemblea Polo Ensino Público da Barbanza. 

Agardamos que todo saia ben!

FESTA FIN DE CURSO DA ANPA "IRMÁNS ÍNSUA" DO CRA NO CAMPING DE RIANXO

O domingo 23 as familias do Cra celebramos a nosa festa de fin de curso no parque de aventuras do camping de Rianxo, na Praia do Porrón e no monte dos arredores.
Unha gran familia feita de familias máis pequenas

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA INFANTIL DO CRA DE RIANXO.

Despois de ter levado contos, música e cariño a todas as escolas co Cra, chegou a hora de celebrar na Escola de Cuvide a última sesión deste curso do Club de Lectura Infantil do Cra de Rianxo. Se chove abrigarémonos nesa escola e contaremos alí os contos e escoitaremos a trompeta de Uxía. Pero se non chove reunirémonos un pouco máis arriba, en Campo Maneiro. Como isto está ao lado do Colexio Brea Segade de Taragoña, seguro que se achegan nenas e nenos desa escola. Tamén virán membros da asociación AMICOS, unha asoción da Barbanza sen ánimo de lucro que acolle a familias de Persoas con Discapacidade Intelectual e que trata de mellorar a calidade de vida destas persoas e das súas familias. 

VÉMONOS ALÍ! 

Distribuir contido