1.- O noso contorno.

       O noso centro (entre moitas outras) ten unha peculiaridade moi especial, xa que pertencemos a dous concellos limítrofes entre si, de xeito que para ubicarnos imos a describir as principais características dos concellos de Boqueixón e Vedra.

 

O Concello de Boqueixón está situado a 10Km. escasos de Santiago de Compostela, no sur da provincia da Coruña e no centro-oeste de Galicia. Situado na vertente dereita do río Ulla, limita cos seguintes concellos: ao norte con Santiago e O Piñeiro; ao sur con Vedra, Estrada e Silleda; ao este con Touro e Vila de Cruces e ao oeste con Santiago e Vedra.

      Conta cunha superficie total de 70 Km2 ao longo dos cales se distribúen as catorce parroquias que confórmano: Boqueixón, Codeso, Donas, Gastrar, A Granxa, Lamas, Ledesma, Lestedo, Loureda, Oural, Pousada, Sergude, Subcira e Vigo.
      Este concello está constituído por unha sucesión de vales e montes que descenden para o río Ulla. Forma parte do chamado Chanzo de Santiago, que é o espazo morfolóxico que se estende desde a dorsal galega para o Océano Atlántico, coa forma dun peniplano arrasado que descende suavemente de altitude.
       Como xa mencionamos, o concello sitúase na vertente dereita do río Ulla mentres que o seu límite setentrional se sitúa na vertente meridional da Monte Amenal, os cales fan de liña divisoria hidrográfica entre os ríos Ulla e Tambre. Polo tanto, todos os ríos do municipio verten as súas augas no Ulla, o cal fai límite municipal e provincial no extremo SE do mesmo, converténdose así no curso fluvial con máis xerarquía de Boqueixón.
       O clima é determinante tanto para as actividades económicas que se levan a cabo no concello como para a formación do medio natural existente.A estación meteorolóxica do Aeroporto de Lavacolla (lindeiro co concello) e a de Quián (Sergude), achegan os datos estatísticos fundamentais para o coñecemento do clima de Boqueixón.
      A influencia oceánica é o trazo máis definitorio deste clima. Desta forma, as temperaturas salientan pola súa suavidade, cunha media anual de 12,8 ºC.
      Boqueixón abarca unha gran superficie dedicada a monte, de xeito que aparecen repoboacións de piñeirais, eucaliptos, montes mixtos e montes de frondosas. Outra parte do concello está dedicada a terras de cultivo e praderías, ademais da estrutura vexetal típica da marxe dos ríos.
       A poboación coa que conta o de Concello de Boqueixón é dun total de 4.470 habitantes, unha densidade de poboación de 63,28 hab./Km.
      A estrutura socioeconómica do concello mostra uns trazados propios dunha área rural cun importante índice de persoas dedicadas á agricultura e gandería, un elevado número tamén se dedica á construción e manufacturación, quedando en terceiro lugar o sector servizos.
      O Concello de Boqueixón conta cunhas paraxes naturais de extraordinaria beleza, de feito o gran interese que esperta Boqueixón como destino turístico atópanse estreitamente ligado coa natureza e a paisaxe.
Numerosas estradas forestais percorren a enorme masa forestal das parroquias máis norteñas do concello. Contamos con dous miradores naturais, na cima do monte Castrelo, en Loureda, enclave desde onde contemplar gran parte de Boqueixón e da cidade de Santiago de Compostela e o outro denominado Pena do Curvo, en Codeso, desde onde apréciase o Gundián. Numerosos ríos e regatos serpentean por todo o concello ata chegar ao río Ulla. Os principais afluentes do Ulla son o río Záramo, o Pontillón e Carballás. Nos montes de Boqueixón son numerosísimas as robledas pero son dous fraguas as que se levan os honores pola súa beleza e servizos, a de Rodiño, en Sergude, e a de Sucira, ao lado do leito do Ulla. Ámbas contan con áreas recreativas, bancos para o descanso dos visitantes, grellas e o mobiliario necesario para preservar o medio ambiente. Outros lugares de gran interese natural son as áreas recreativas, a parte das dúas anteriormente mencionadas, contamos coa de Gastar e Ledesma.
Todas elas sitúanse ao lado dun río o cal incrementa o seu atractivo, o seu valor e a súa beleza. Están dotadas do equipamento normativo para o uso de visitantes, é dicir, zonas de recreo infantil, bancos, mesas, papeleiras, contedores,...etc, sempre procurando o coidado da contorna medio ambiental por parte do visitante.
      No seu paso pola parroquia de Ledesma o río Ulla forma unha serie de illas, unidas entre si por pasarelas peonís. Estas illas están repletas de carballos e son un reduto ideal para pasar o día, estando consideradas como unha das paraxes máis fermosas da comarca.Conta con palco de música, bancos e incluso unha pequena praia fluvial á que acoden numeroso bañistas na época estival.
       Pero se a algo está ligada a historia do Concello de Boqueixón é  ó seu principal fito xeográfico e maior riqueza natural-cultural co que conta: o Pico Sacro, unha das montañas máis míticas e coñecidas de Galicia.

      A silueta do Pico Sacro serve de punto de referencia paisaxístico, non só no noso concello se non tamén en amplas zonas circundantes. Este Pico é unha fonte innumerable de lendas e contos populares, esta montaña é venerada polos habitantes da comarca antes e despois do cristianismo, cumprindo un papel esencial no mito do traslado do corpo do Apóstolo Santiago.

      O Concello de Vedra está situado no corazón do val do Ulla, no límite xeográfico da provincia da Coruña, co río Ulla como fronteira natural. Os veciños concellos de Santiago e Boqueixón lindan con el polo N., A Estrada faino polo S. e polo L., e Teo polo O.
      As principais vías de comunicación que atravesan o seu territorio son: a N-525 Santiago-Ourense que, en Ponte Ulla enlaza coa estrada que vai de Arzúa a Padrón (LC-241), e a Autoestrada Santiago-Ourense, que ten unha peaxe na parroquia de San Mamede de Ribadulla.
A superficie do Concello é, aproximadamente, duns 52 km2 , distribuídos en 12 parroquias: San Xián de Sales, Santo André de Illobre, San Fins de Sales, Santa Eulalia de Vedra, Santo André de Trobe, San Pedro de Sarandón, San Miguel de Sarandón, San Cristovo de Merín, San Pedro de Vilanova, San Mamede de Ribadulla, Santa Cruz de Ribadulla e Santa María Madanela de Ponte Ulla; nas que habitan 5.054 habitantes (censo de 2002). A capital municipal encóntrase na parroquia de Vedra, na Avda. Mestre Manuel Gómez.
      A nosa xeografía está indiscutiblemente marcada polo río Ulla, que atravesa boa parte do territorio meridional e oriental, e que recolle, así mesmo, as augas doutros afluentes como o Pereiro, o Tomonde, o Buxeiros ou o San Cristovo. O relevo en xeral é suave, e destaca como única altura importante Penas Pardas, nas proximidades do Pico Sacro, que acada os 449 m. de altitude. O clima, en xeral, pode cualificarse de temperado, con influencias oceánicas.
Vedra acada a súa sona, ademais de pola traxectoria cultural e social, pola súa ubicación xeográfica.

    Importantes redes de estradas e liñas férreas atravesan o municipio, unindo a capital galega e Ourense. As boas vías de comunicación e a aposta por un crecemento sostible, amparado nos principios do Plan Xeral de Ordenación Municipal, fan das terras vedresas un lugar idóneo para residir.
Pero ademais das modernas vivendas, numerosas e variadas empresas teñen cabida neste concello coruñés, o que favorece a creación do futuro Parque Empresarial da Gaiosa. Os avances da industria, xunto coa evolución dos sectores servizos e primario, coa horta como referente da agricultura ecolóxica e da produción integrada, son o resultado dun concello elemental como é Vedra.
Á hora de falar da arquitectura civil de Vedra e, en xeral, de toda Galicia, hai que mencionar unha das tipoloxías máis propias da nosa terra, os pazos, concibidos como casas señoriais que servían de residencia ás grandes familias.
Pazo de Ortigueira: Foron moitos os que se construíron ás marxes do río Ulla, sobre todo como residencias de descanso dalgunhas familias de Compostela. Un deles, quizais o mellor conservado, é o pazo de Ortigueira ou de Santa Cruz de Ribadulla , declarado ben de interese cultural. A orixe do pazo está na chegada dun membro da familia vasca dos Mondragón que enlazou por vía matrimonial cos Abraldes de Compostela no século XVI. Un descendente deles recibiu de Carlos II, a finais do século XVII, o título de Marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Outro señor do pazo, Xoán Ignacio Armada, mandou o Batallón Literario de Santiago durante a Guerra da Independencia, época na que foi residencia temporal do político e escritor Gaspar Melchor de Jovellanos. O pazo presenta unha fachada alongada con dúas portas sobre as que aparece cadanseu escudo cos emblemas e a cruz de Santiago. O edificio principal únese á capela, que está en fronte, por medio dun corpo transversal cun gran arco de paso. Mención merece pola súa arquitectura e iconografía a barroca fonte da Coca e o hórreo, ámbolos dous do século XVII.

Pazo de Guimaráns: Moi preto do anterior atópase o pazo de Guimaráns , que é un bo exemplo de barroco galego, pois presenta os seus elementos máis característicos. O edificio foi levantado no século XVII polos Abraldes de Santiago, unha das familias máis distinguidas da burguesía compostelá, que recibiu nese mesmo século o marquesado de Monroi. Por relacións matrimoniais uníronse á familia dos marqueses de Santa Cruz de Ribadulla, a actual propietaria do conxunto
Pazo de Ximonde: Destaca tamén o pazo de Ximonde , na parroquia de San Miguel de Sarandón. Trátase dun grande edificio en forma de L coa fachada principal orientada ao exterior e unha gran galería sobre arcadas dirixida ao interior. Os Cisneros, descendentes de Alfonso XI, foron os donos deste recinto, que posuía esta gran finca co seu correspondente couto de pesca no Ulla. Este título de Condes de Ximonde concedeullo Carlos II en 1766.
Pazo de Vista Alegre: Na Ponte Ulla, atopamo-lo pazo de Vista Alegre , que alberga actualmente as instalacións dun restaurante. Deste edificio, que pertenceu a unha coñecida familia da burguesía compostelá, destaca a torre con balconada de pedra e a nobre fachada mirando ao río.
Pazo da Costa: En San Mamede de Ribadulla atopámo-lo pazo da Costa , rodeado de granxa agrícola, con capela e unha pequena solaina.
O medio rural no que se asenta o Vedra fai do seu territorio un magnífico espazo verde e natural que non deixa de sorprender. Claro exemplo disto atopámolo nos xardíns do pazo de Ortigueira , en Santa Cruz de Ribadulla, considerado como un dos principais espazos botánicos de Galicia.
Son moitas as sorpresas que reserva o paseo polos xardíns: fontes de pedra, estanques de nenúfares, innumerables variedades de camelias (flor que se cultiva nestas terras), buxos, magnolios... currunchos con historia propia.. e singulares variedades de árbores exóticas. Os elementos máis característicos deste conxunto son a Carreira das Oliveiras , o Estanque Redondo, a cascada , a Fonte de Jovellanos , a Fonte da Señora.
O concello de Vedra está a impulsar unha serie de medidas que propician o desenvolvemento local sostible. A preservación dos recursos naturais, a ordenación do territorio, a inclusión na Rede Española de Cidades polo Clima ou na Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade 2010, son algunhas das accións implantadas para favorecer un crecemento controlado e respectuoso co medio ambiente.
Apóstase pola reciclaxe, a eliminación de vertedoiros incontrolados e a xestión de residuos. A recollida selectiva do lixo, un punto limpo de residuos voluminosos xunto coa dotación de saneamento a través da rede de sumidoiros e depuradoras de augas residuais son xa realidades en defensa dos recursos e dos espazos naturais.
Por outra banda, para contribuír ao aforro enerxético e a unha menor contaminación ambiental, promóvese o uso de métodos e servizos ecoeficientes.
Finalmente destacar que Vedra se inclúe no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta e que desde o concello se levan a cabo diversas campañas de sensibilización, entre as que se atopa o programa educativo Ulla Elemental.
O Programa Educativo Ulla Elemental é o libro de ruta que busca suscitar as conciencias, educar as sensibilidades e provocar sinerxías arredor do noso patrimonio, xerando posibilidades culturais, económicas, de cohesión social e identidarias. Este programa busca contribuír ao desenvolvemento comunitario e á posta en valor dos recursos endóxenos partindo da base da sostibilidade natural, social e cultural, á vez que trata de ofrecer unha alternativa innovadora e cun alto grao de proxección cara o futuro, apostando pola implicación activa de toda a comunicade socieducativa.

 Se queredes saber máis sobre os nosos concellos non dubidedes en consultar as súas páxinas web:

www.boqueixon.com

www.concellodevedra.com