Skip to Content

Avisos e novas

Últimas novas

Suspensión do transporte escolar: hoxe mércores 7 de febreiro de 2018

AVISO

Debido ás inclemencias meteorolóxicas queda suspendido o servizo de transporte escolar así como a xornada escolar no día de hoxe mércores 7 de febreiro de 2018

30 de xaneiro, Día da Paz

 
     Comezamos esta xornada conmemorativa da Paz e da Non Violencia (martes 30 de xaneiro de 2018) coa visita do alumnado de 4º da ESO do CPI Virxe da Cela a todas as aulas do noso cole, repartindo entre profes e nenos/as os tradicionais adhesivos “Paz 18” e os folios vermellos que recollían o Manifesto Pola Paz, así como o símbolo da Paz. 
      Estas follas serían utilizadas pola tarde para recrear este impresionante círculo vermello “O Reto do Botón da Paz”, un pequeno xesto moi visual que pretende frear o conflito entre as grandes potencias EEUU e Corea do Norte. Esta acción foi o broche final a un acto no que todos os alumnos/as e profesores/as do centro reivindicamos o dereito á Paz Mundial a través da lectura dun manifesto e de varias poesías de poetas galegos: 
        Poema 1.- “Cantarola dos nenos”, de Xosé neira Vilas 
        Poema 2.- “O neno xabarín”, de Xosé Lois García 
       Poema 3.- “Ventos”, de Antonio García Teijeiro 
      Poema 4.-“Teño un corazón senlleiro”, de Celso Emilio Ferreiro 
   
 

                    
   
    Dentro desta conmemoración tamén levamos a cabo un pequeno mural entre toda a comunidade educativa titulado: Choiva de desexos
    Cada alumno e alumna preparou unha pinga de auga na que debuxou e/ou escribiu o seu desexo de paz para unilo á choiva do Virxe da Cela:

 

 
Outra actividade que tamén se levou a cabo foi un programa de radio, feito polo alumnado de 1º de ESO.  Premendo no seguinte enlace poideredes escoitalo:
 

      En resumo, esta xornada que estivemos a conmemorar baséase no principio de que todos –sen distinción de raza, ideoloxía, nacionalidade, lingua ou relixión- somos iguais, cidadáns da mesma terra e en consecuencia estamos e sentimos a chamada a ser máis humanos, a vivir a non-violencia e a traballar pola paz.

PROXECTO CIBERMANAGERS PARA A IGUALDADE

 
O Departamento de Orientación e a Profesora da materia de Igualdade de Xénero, dentro do Progama “ 365 días de Igualdade” do Plan Proxecta avalado pola Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia, pon en marcha o proxecto “Cibermanagers”, baseado na aprendizaxe servizo solidario ,  a través do departamento de psicoloxía de PantallasAmigas*( Entidade sen ánimo de lucro, co obxectivo de fomentar o uso seguro e saudable das tecnoloxías e o fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e na adolescencia, así como en todas as persoas involucradas na súa educación.). motivadas ademais,  polo alto índice de machismo na nosa sociedade e o incremento do mesmo entre os adolescentes
É un proxecto intensivo que se realiza ao longo dunha semana e que consta de catro fases desenvoltas polo equipo de PantallasAmigas:
 


Fase 1. Formación xeral para os grupos de 2º e 3º de ESO durante dúas horas consecutivas (Luns 29 de xaneiro, 2ª e 3ª hora todo o alumnado de 2º e 3º ESO).

Fase 2: Capacitación do grupo de voluntarios e voluntarias. Dos cursos 2º e 3º ESO elixirase un grupo de voluntarios e voluntarias que recibirán 6 horas de formación específica en materia de xénero, así como de habilidades para a xestión de grupos e solución de conflitos. (Martes, 30 xaneiro 4ª e 5ª hora, mércores, 31 xaneiro 5ª e 6ª hora e xoves, 1 de febreiro a 4ª e 5ª hora. Só alumnado voluntario de 2º e 3º ESO, o resto quedará co profe na aula).
 

 Fase 3: Servizo en 5º e 6º de Educación Primaria: o grupo de voluntarios e voluntarias, acudirá ás clases dos seus compañeiros/as máis novos ao longo de dúas clases consecutivas a realizar unha formación teórico-práctica previamente preparada. (venres 2 de febreiro a 1ª e 2ª hora. Alumnado voluntario de 2º e 3º ESO e alumnado de 5º e 6º de Primaria).

Fase 4: Sesión teórica para as familias do centro educativo. O alumnado de 5º e 6º de Primaria realizará unha sesión conxunta coas súas familias, dirixida polo equipo de PantallasAmigas e o equipo de voluntarios e voluntarias (Aún sen data).

Actuación de Xoan Curiel e Jara

O luns 18 de decembro tivemos a visita de Xoan Curiel e Jara que nos fixeron un percorrido por diferentes estilos musicais. Xoan co ukelele e a guitarra aprendeunos a diferenciar o blues, reggae, rock ou a bossa nova e Jara iniciounos nas distintas formas de tocar a pandeireta, con ela escoitamos a muiñeira, a jota ou a rumba. Despois tocaron xuntos unhas pezas e algúns compañeiros axudáronlles no escenario a preparar a coreografía. Pasámolo fenomenal!!!

 

 

 

 

 

O CPI VIRXE DA CELA NO CONGRESO DOS DIPUTADOS

 Hoxe o CPI Plurilingüe Virxe da Cela participou no Acto Estatal da Semana Mundial pola Educación.
 
No Congreso dos deputados, ante as Comisións de Cooperación Internacional, Educación, Asuntos Exteriores e Comisión de Dereitos da Infancia e a Adolescencia, a nosa alumna de 1º da ESO, Ariadna Díaz, e a nosa Directora Camino Pereiro actuaron como embaixadoras galegas representando aos máis de 2000  alumnos e alumnas que o ano pasado traballaron na Campaña Mundial pola Educación, e realizaron unha petición aos nosos gobernantes para que cumpran as súas promesas cara a consecución da Axenda 2030 en concreto do Obxectivo 4: a  Educación Universal e de Calidade.  
Noraboa as dúas!!!
 
Aquí podedes ver as súas intervencións
 
 

                                                 

                                                  

Samaín na biblioteca

                 

 
Xa está aquí de novo o Samaín, unha festa de orixe celta que os EEUU popularizaron como Halloween e difundiron a través do cinema.
Os antigos celtas dividían o ano en dúas metades: unha luminosa, de fartanza, calor e verán , e outra  escura, de escaseza, frío e inverno. No medio das dúas quedaba a noite de Samaín, unha noite máxica na que os espíritos malignos quedaban ceibes e os defuntos visitaban as casas.
Coa chegada dos romanos e máis tarde do cristianismo, a maior parte das tradicións pagás foron alteradas  ou prohibidas. A noite converteuse na de Todos os Santos, aínda que pola costa atlántica de Europa perviviu  o costume de lembrarse dos mortos e a crenza de que as meigas elixían o 31 de outubro para realizar os seus aquelarres.
En Irlanda, as vellas tradicións conserváronse durante toda a Idade Media, e foron os inmigrantes irlandeses os que levaron os vellos costumes aos Estados Unidos

 

E na nosa biblio andamos entre cabazas e portas terroríficas celebrando o samaín. Preparamos un mural na porta de entrada co título “Eu teño medo a…” onde deixar os nosos medos.

Tamén podedes achegarvos ao recantiño de lecturas de terror onde encontraredes un montón de libros de medo… medo????, quen dixo medo???. Atrévete a descubrilos!!!

 
 

 

 

 

O CPI VIRXE DA CELA: 1º PREMIO PROXECTA DE INNOVACIÓN EDUCATIVA 2017

 
 

              

              
 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega dos Premios Proxecta de Innovación educativa correspondentes ao curso 2016/ 17, que teñen como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta. Durante a súa intervención o conselleiro salientou o poder da educación e da formación para acadar as mellores oportunidades que nos brinda o tempo no que vivimos, “a fin de convertelas en novas posibilidades de crecemento económico e social”. Neste sentido, sinalou os Premios Proxecta como uns galardóns que contribúen a que o ensino se adapte ás expectativas futuras, dado que buscan incentivar o desenvolvemento de técnicas de innovación educativa, motivadoras, dinámicas e á vangarda. 

 
    Desta forma, estes galardóns recoñecen a traxectoria colaborativa e multidisciplinar dos centros, buscando integrar dinámicas que incentiven o emprendemento e a creatividade nas aulas, a formación en valores cívicos e sociais, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e o traballo en equipo. Así mesmo, contribúen a preparar ao alumnado “para facerse oco nunha sociedade cada vez máis tecnificada”. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a todas as persoas que fan posible tanto o Plan Proxecta como os premios o seu esforzo diario e compromiso coa educación como ferramenta para mellorar o futuro. Así mesmo felicitou a docentes e alumnos polo traballo realizado, que serve de exemplo de boa práctica e axuda a avanzar ao conxunto da comunidade educativa. 
 

 Centros galardoados

Na categoría A, dirixida ás Escolas de Educación Infantil (EEI), aos Colexios Rurais Agrupados (CRA), aos Centros de Educación Especial (CEE), aos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e aos Centros de Educación Primaria (CEP); o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), o segundo para o CEIP de Laredo (Redondela) e os terceiros para o CEIP A Rúa (Cangas) e o CEIP Illas Cíes (Vigo). Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos seus traballos os CEIP de Espedregada (Pontevedra), Plurilingüe Riomaior (Vilaboa), Plurilingüe San Marcos (Abegondo), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), Xesús San Luís Romero (Carballo) e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol). 
 
Na modalidade B, destinada á participación de Centros Públicos Integrados (CPI), Institutos de Educación Secundaria (IES), Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos; o primeiro premio foi para o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), o segundo para o IES Carlos Casares (Vigo), e os terceiros para os IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e A Cachada (Boiro). Nesta categoría obtiveron accésit os IES Terra de Trasancos (Narón), Fontem Albei (A Fonsagrada) e Brión (Brión), o CIFP Coroso (Ribeira) e os CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e Terras de Maside (Maside). 

O NOSO COLE NA PRENSA

PODEDES PREMER NAS IMAXES PARA LER AS NOTICIAS

 

 

 

 
 
 
 

 

LISTAXES DEFINITIVAS DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DA ESO

Xa están expostas, na entrada principal, as listaxes da asignación dos libros do Fondo Solidario na ESO.

No caso de 1º e 2º da ESO tódolos alumnos solicitantes recibirán os libros de Lingua Galega, Xeografía e Historia e Inglés. Os demais son libros dixitais, polo tanto aínda que figuran na lista non serán entregados.

O reparto de libros farase os primeiros días de clase xa que algúns deles aínda non os temos no centro.

 

AVISOS: NOTAS / RECOLLIDA LIBROS / MATRÍCULA

ENTREGA DE NOTAS DE SETEMBRO

As notas entregaranas as titoras ao alumnado o mércores 6 ás 12.00 nas respectivas aulas

RECOLLIDA DOS LIBROS DO FONDO SOLIDARIO

Entregaranse os libros nunha bolsa co nome do alumno o mércores 6 ás 12.00 á titora do curso,  no mesmo momento da entrega das notas

PRAZO DE MATRÍCULA DA ESO

 

O prazo remata o luns 11 de setembro, pero pregamos se faga antes do venres 8 para facilitar a organización do principio de curso. Pódense matricular desde o mesmo mércores, despois de recoller as notas.

Distribuir contido


by Dr. Radut