DÍA DA PAZ: TIRANDO MUROS E CONSTRUÍNDO IGUALDADE

Para conmemorar o 30 de xaneiro, Día Internacional da Paz, decidimos traballar en torno ao 30 aniversario da caída do Muro de Berlín; para poñernos un pouco en situación, un muro impediu o noso aceso habitual ao edificio de Infantil e Primaria cun muro que nos facía bordear as instalacións do centro durante unha semana e ser conscientes da barreira que nos impón. O luns 3 de febreiro, con un pouquiño de retraso, inauguramos no comedor coa canción de Scorpions “Wind of change” homenaxeando ao vento de esperanza que parecía traer aquel momento, cos profes Gabriel, Benjamín, Javi e Julián. Xiana falounos “destes muros que son a expresión do noso medo ao que é distinto a nós. A forma visible de rexeitar o que é diferente á nosa forma de entender a existencia”. De que “hai moitos muros visibles, pero que todos son expresión dos muros invisibles, moito máis numerosos, que todos/as levamos dentro. Por veces, as nosas palabras son muros que provocan o rexeite polo outros e son máis fortes que a Gran Muralla, con centos de palabras coas que excluímos aos individuos porque ameazan a nosa forma de pensar ou de ver o mundo”. Tamén nos recordou que “en 1990 desapareceu o chamado Telón de Aceiro e a súa caída ocasionou un momento de esperanza, en contra da que fomos reconstruíndo un mundo izándoo de novos muros: raciais, de riqueza, de nacionalidade, de xénero, de ideoloxías e identidades,… Polo que é preciso que abramos os ollos e cobremos consciencia de que, por riba das nosas diferenzas, somos todos/as membros dunha familia común, a raza humana que vive e comparte a mesma casa”.Jesús, David e Sofía de 1º de Eso investigaron cos profes Gabriel e Marga sobre os novos muros que emerxeron e continúan a aparecer: Suecia, Brasil, Israel, México e o gran Mediterráneo que separa o sur da promesa europea dunha vida mellor. 

A continuación, as rapazas e rapaces de 4º, 5º e 6º de Primaria fixéronnos pensar sobre a importancia das persoas que loitan para tirar a baixo todas estas barreiras e conseguir un mundo mellor, poñendo en relevancia ás mulleres que, de forma continua e silenciada, o fixeron ao longo da historia e, das que só unhas poucas obtiveron un recoñecemento como é o Premio Nóbel da Paz. Nun ano no que a emerxencia climática é un punto clave, Wangari Maathai tiña que ser a muller que artellaba a actividade de plantación simbólica de árbores homenaxeando a cada unha delas.Finalizamos a nosa celebración cunha canción que tamén fala dos muros e do soño dun mundo mellor como é “Panamericana” de Depedro, cantada por todo o alumnado e, de novo, cos profes Javi, Benja, Gabriel e Julián, antes de derribar o noso particular muro que nos devolve de novo á nosa normalidade sen barreiras e procurando a non discriminación de ningunha clase.