Tecendo camiños de paz

Preme no cartel para ver as fotos

Encadrada no Proxecto Educativo de Centro, no programa “Conecta Cultura” e como nova Escola Asociada UNESCO (redPEA), comprometida a fortalecer as dimensións humanista, cultural e internacional da educación, estamos a organizar a campaña TECENDO CAMIÑOS DE PAZ-DONA O TEU TEMPO. O noso obxectivo é facer chegar mantas, bufandas,…a outros nenos e nenas necesitados, de todo o mundo, que viven en situacións difíciles ou zonas en conflito.

Todos podemos colaborar, os rapaces e rapazas, as familias, os amigos e amigas, facendo anacos de tecido que logo uniremos. Como primeiro paso podemos traer á escola nobelos e restos de madeixas de lá, ou madeixas enteiras que teñamos pola casa, e depositalas nas cestas de vimbio que estarán a dispor xa para eso, no vestíbulo da entrada. No colexio disporemos de agullas de gancho e teares e utensilios que necesitemos para poder comezar a tecer.

D oando o seu tempo de lecer para esta causa, os rapaces e rapazas convértense en protagonistas dunha acción coa que desenvolven a solidariedade, a igualdade de xénero, a capacidade de compartir, a creatividade e o traballo en equipo. Poderán tecer durante o tempo libre, nos recreos, nas horas previas de entrada ás clases e noutros momentos que o centro considere ou dispoña. Trátase dun pequeno xesto que tamén os fará pensar, reflexionar, sensibilizarse e relaxarse ao mesmo tempo. Un pequeno xesto que pode axudar a pasar os fríos días de inverno a outros rapaces coma eles. Todas as prendas serán entregadas a ONGs e diferentes asociacións que se encargarán de repartilas.

 

Guardar

Guardar