PROXECTO LOVA EN SECUNDARIA

PROXECTO LOVA EN SECUNDARIA

O pasado martes os rapaces e rapazas de 3ºESO estrearon diante de centos de alumnos de outros centros educativos as obras que crearon dentro do proxecto LOVA. O pazo da cultura de Narón foi o escenario elixido para tal evento.

Hoxe repetiron pase para os seus compañeiros de ESO do colexio na casa da Cultura de San Sadurniño e o resultado foi o mesmo: éxito total.

3ºB presentou unha obra sobre o importante que é a tolerancia e o respecto aos demais como ingrediente para convivir. Foi un traballo de diálogos máis enxebres e cómicos, onde os protagonistas fixéronnos rir un anaco bo...

3ºA baseou a súa obra no poder da amizade, sobre todo esa amizade que nace na infancia e que sobrevive aos envites da vida e aparece de novo, forte e recoñecible, nalgún momento das nosas existencias. Foi un traballo moi sólido en todos os aspectos, tanto organizativos como artísticos, cunhas interpretacións tan convincentes que nos somerxeron totalmente na historia e ata nos permitiron asombrarnos con algunha actuación musical.

A toda esta xeración única: GRAZAS.

O domingo repetirán pase para o publico en xeral na mesma casa da Cultura de San Sadurniño, e seguro que co mesmo éxito.

O mellor premio para eles,  aparte do aplauso e os piropos que están a recibir, seguro que  é comprobar que nunha historia que naceu hai meses e na que houbo momentos duros, saíron a flote e demostraron que funcionan como grupo e que todos, en maior ou menor medida, creceron como persoas, que ao fin e ao cabo é o obxectivo número 1 deste proxecto. Esbozaron unha idea vaga do que querían, foron dándolle forma pouco a pouco, probaron o sabor agre do desalento, da desesperación, do caos...albergaron algunha esperanza segundo ían saíndo os temas musicais e os diálogos, sentiron a ilusión de ver que o asunto empezaba a cobrar vida, de avanzar todos nunha dirección e finalmente gozaron do éxito de ver como esa criatura á que eles deron vida conectaba coa xente, dándolle un sentido a tanto esforzo.

Desde o colexio queremos agradecer tamén a dedicación de Clara, a profesora de música, alma mater deste proxecto, que recibiu tamén a inestimable colaboración de Manolo, profesor de plástica, Daniel, de música, Pilar de LCL e Charo de LGL. Todos eles foron quen que conducir e reconducir a este excepcional grupo de alumnos do colexio. E tamén a Juanjo, o noso conserxe, sempre disposto,  e do que sempre abusamos para todo...

 

En definitiva GRAZAS DE PARTE DE TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA DO CPI DE SAN SADURNIÑO POR FACERNOS PASAR UN RATO TAN DIVERTIDO E EMOCIONANTE.