Skip to Content

USO DE TELÉFONOS MÓBILES NO CENTRO

Ante o crecente uso dos teléfonos móbiles por parte do alumnado do centro, queremos recordar que, segundo o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar da Xunta de Galicia as Normas de Organización e Funcionamento de Centro establecen o seguinte:

O decreto 8/2015 sobre convivencia escolar establece no artigo 19.4, a “prohibición do uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación durante os períodos lectivos”. Polo tanto, non está permitido o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos que se poidan empregar como mecanismos de comunicación en todo o recinto do centro, e en particular, non está permitida a tenencia no centro de reloxos intelixentes.

Permitirase o uso destes dispositivos como ferramenta pedagóxica sempre baixo demanda, por escrito, do profesorado que o precise para as súas clases, o que implica que o profesorado debe informar, por escrito, ás familias de que días vai ser preciso o seu uso. Nestes casos o alumnado poderá facer uso dos dispositivos unicamente na clase correspondente e durante o tempo que estean acompañados do/a profesor/a responsable.

Todo o profesorado ten a obriga de solicitar a entrega destes dispositivos, sempre apagados, se observan que algún/algunha alumno/a está facendo uso deles en calquera espazo do centro: aulas, corredores, baños, patios exteriores... Serán depositados, apagados, en Xefatura de Estudos ou Dirección, quedando a disposición da nai/pai/titor/a legal unha vez remate a xornada escolar. A falta terá consideración de falta leve e ao/a alumno/a impoñeráselle inmediatamente unha das medidas correctoras recollidas nos apartados c), d), e), g) ou h) do artigo 43 do Decreto 8/2015. Na gradación destas medidas terase en conta a reiteración na conduta.

A resistencia ou negativa a entregar calquera dispositivo de este tipo será considerada unha falta grave, como se recolle na alínea j) do artigo 38 do Decreto 8/2015. Nestes casos deberase cubrir un documento de comunicación de posible conduta gravemente prexudicial para a convivencia e abrirase o procedemento corrector correspondente para aplicar a medida correctora que se acorde de entre as recollidas nos apartados b) ou e) do artigo 39 do Decreto 8/2015. Na gradación destas medidas terase en conta a reiteración na conduta.

Por todo isto, pregamos que lle insistan ás súas fillas e fillos a importancia de non empregar os teléfonos móbiles no centro. Se precisan poñerse en contacto de forma urxente coas familias, poden facelo a través do teléfono do centro.

Moitas grazas pola súa colaboración.

O equipo directivo.



story | by Dr. Radut