"O CPI en froita" foi o nome co que o alumno Anxo Pena de 4º ESO A bautizou a exposición de mazá autóctona que montamos no centro, ademais de deseñar as etiquetas identificativas das distintas variedades.
Foi unha actividade organizada polo departamento de Educación Física e o Equipo de dinamización da Lingua Galega (EDLG)
Mazás da horta de froiteiras de San Sadurniño cedidas pola AGFA e mazás que trouxo da casa o alumnado e profesorado formaron esta exposición: Tabardillas, reinetas de gardar, de setembro, tres en cunca, do couce, sangue de touro, ollo mouro, príncipe ou do río vello...
Dende San Sadurniño (Naraío, Ferreira..), Moeche (Abade...) até Valdoviño, Neda ou A Capela chegaron mazás ao centro para poñer en valor a nosa froita, ampliar o coñecemento da riqueza de variedades e vocabulario e animar ao seu consumo.
Durante o mes de outubro no ximnasio do edificio de Secundaria alumnado de E. Intfantil, E. Primaria e ESO puido visitar a exposición de mazá autóctona.
Alumnado de 4º da ESO colaborou co EDLG para guiar e ofrecer explicacións na nosa lingua ao alumnado visitante.
Contamos incluso coa colaboración de Alberto e de Bellas, membros do asociación galega de froita autóctona que nos visitaron e axudaron a identificar algunhas mazás que trouxo o alumnado da casa á vez que animaron á conversa, en galego, sobre esta froita que moitos/as trouxeron da casa de avós, tías, veciños/as...
Finalmente unhas xornadas de degustación, dentro das actividades do Plan de actividades físicas e hábitos saudábeis do centro, fixeron que o alumnado dera boa conta das mazás expostas.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
04.jpg | 2.4 MB |
00.jpg | 3.2 MB |
01.jpg | 2.38 MB |
02.jpg | 3.25 MB |
03.jpg | 3.29 MB |
05.jpg | 2.53 MB |
06.jpg | 193.43 KB |