Mércores 25 de abril: Día da Educación Física na Rúa

Promocionado polo COLEF-CAFDG (Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia), o noso centro celebrará o Día da Educación Física na Rúa.

Os obxectivos desta actividade son moi variados (poden consultarse facendo clic na imaxe anterior), pero a principal finalidade que nos move ao profesorado de Educación Física deste centro é visibilizar unha parte do traballo que desenvolvemos nas nosas sesións. E só unha parte porque, cunha duración dunha hora, resulta imposible mostrar todo o traballo dun curso nas clases de Educación Física (que non "ximnasia").

Así mesmo, queremos destacar que non é unha actividade dirixida só ao alumnado. As familias, o profesorado e a veciñanza poden tomar parte libremente nas diferentes actividades propostas. Para elo só hai que vir equipado adecuadamente (roupa e calzado deportivo).

As actividades darán comezo ás 12:30 e rematarán ás 13:30. Estarán ubicadas na Campa de Xogos Tradicionais (situada nos Xardíns do Concello), na Praza do Convento e no tramo da avenida Marqués de Figueroa comprendido entre a Casa da Cultura e o CPI.

Na seguinte imaxe pódese consultar as diferentes actividades e os cursos que participarán nelas, así coma a súa ubicación (de haber modificacións a imaxe será actualizada):

As actividades a realizar por 3º e 4º de Educación Primaria (a chave, o brilé e o aro) realizaranse na Campa de Xogos Tradicionais.

Xa para rematar, só nos queda agradecer a súa colaboración ao Concello de San Sadurniño, a Brío Danza e Rítmica, ao Club Voleibol Aldebarán, á Asociación de Amigos da Chave de Ferrolterra e á Escola de Atletismo Paula Mayobre. Sen eles non teriamos sido capaces de organizar un evento destas características.

 

AdxuntoTamaño
ubicacion_actividades.png1.1 MB