blogue dedepxh

Concurso de relatos 25 de novembro

O Concello e mailo CPI de San Sadurniño volven promover o Concurso de relatos 25 de novembro, co que se busca que a rapazada reflexione sobre a igualdade a través da escritura. Este ano presentáronse un total de 16 obras que xa están expostas na Casa da Cultura. Son unha mostra de creatividade literaria con mensaxe, pero tamén o triste recordatorio de que a violencia contra as mulleres e a desigualdade dos xéneros son dous dos grandes problemas aos que a sociedade lles debe dar solución. As Nacións Unidas estiman que alomenos un 70 por cento da poboación feminina mundial sufriu ou sufrirá algún tipo de agresión ao longo da súa vida.

A exposición das obras escritas polos cativos e cativas de 3º e 4º da ESO permanecerá aberta ata o 31 de novembro no recibidor da Casa da Cultura. Na organización do concurso implicáronse o departamento municipal de Igualdade e Equipo de Dinamización da Lingua do CPI. Os premios entregaranse o próximo luns 25 de novembro, Día internacional da Eliminación da violencia contra a muller, a partir das 16.30h. como colofón aos actos dunha xornada que arrancará xa pola mañá.

O alumnado de segundo da ESO participará entre as 9.30 e as 10.20h. na plantación simbólica de flores cos nomes das mulleres falecidas no que vai de ano vítimas da violencia de xénero. Un xesto que repetirán as rapazas e rapaces de primeiro curso entre as 10.20 e as 11. Trátase dunha homenaxe que se desenvolverá nos parterres da Casa do Concello e na que participan Viveiros Florgalicia e Viveiros Horjales - A Casa da planta.

Xa pola tarde, a iso das 15.20h. a compañía teatral Lisístrata traerá á Casa da Cultura as súas Verbas contra a violencia feminina, na que se xuntan poesía, teatro e prosa para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social. É un espectáculo en forma de recital e audiovisual que, segundo Lisístrata, "pretende remover o máis íntimo as conciencias".

Ao remate da obra darase a coñecer o fallo do xurado do concurso de relatos e entregaranse os premios: unha tablet para o primeiro, o libro Faneca Brava para o segundo e a obra Penúltimas tendencias para o terceiro.

Xosé María Díaz Castro. A beleza que fere.

Material didáctico para ed.secundaria . Día das letras galegas 2014.

O día das letras galegas 2014. Xosé María Díaz Castro

Recomendamos as seguintes páxinas web para utilizar nas aulas como ferramenta de traballo cara o día das letras galegas do 2014 adicado a Xosé María Díaz Castro.

 

 A lus do mundo. feito polos alumnos do instituto de Guitirriz Diaz Castro

www.youtube.com/watch?v=ij_so2elqsw

Video do autor homenaxeado Xosé María Díaz castro

http://www.diadasletrasgalegas.com/homenaxeado/xose-maria-diaz-castro_2014

Poema Penelope cantado polo grupo A Quenlla

www.youtube.com/watch?v=KybhJzTCEsE

VISITA DE XOSÉ NEIRA VILAS A SAN SADURNIÑO

Neira Vilas encandila á mocidade

20/12/2013

Imaxen Descriptiva da Nova


85 anos recén feitos. Andar paseniño apoiado nun bastón. Algo de carraspeira. Unha imaxe de fraxilidade en definitiva que se difumina tan pronto como empeza a falar. "Eu querería estar aí sentado con vós nunha butaca. Pero, claro, non hai megafonía. E, ademais, agora que pasei o traballo de subir ao escenario...", dixo con voz firme e, ao tempo, cercana. Foi a presentación de Xosé Neira Vilas perante un auditorio de mozos e mozas que estudan a ESO en San Sadurniño. Rapazada con auriculares, móbiles e o proído propio da idade que, malia todo, quedou cautivada ao momento polo pensamento de quen viviu medio mundo "sempre en galego". Faloulles de todo un pouco: da súa obra, do labor da escrita, do valor da lingua... pero, sobre todo, deulles consellos sobre como converterse en persoas de proveito.

Fuxir da aula despois de xantar debe ser unha opción apetecible para calquera rapaz de hoxe nestes días previos ás vacacións. E máis aínda se a alternativa ás clases é encontrarse cunha lenda viva da nosa cultura, avalada pola súa traxectoria literaria e reivindicativa dunha lingua con entidade de seu.

Xosé Neira Vilas chegou a San Sadurniño pouco antes das catro da tarde acompañado do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e de representantes da editorial Embora, responsable da publicación de "Aquel neno", o seu último libro polo de agora. Na casa da Cultura agardábano impacientes medio cento de mozos e mozas que leron recentemente "Memorias dun neno labrego", a obra máis coñecida do escritor de Vila de Cruces e tamén a máis traducida e reeditada da nosa literatura.

"Memorias..." é, sen dúbida, a novela que mellor retrata o mundo creativo de Neira. Escribiuna na Arxentina, a onde emigrou con 19 anos empuxado por un afán de superación persoal e de "aprender o mundo". Alí formouse como contable, aínda que despois seguiu preparándose para encher a ansia de escribir, primeiro como xornalista e logo como poeta, ensaísta e novelista. "Na Arxentina foi onde descubrín Galicia", asegura Neira, para quen foi vital entrar en contacto coa intelectualidade galega no exilio. "Memorias dun neno labrego" é, segundo o autor, a resposta a unha visión estereotipada sobre o mundo rural galego "que sempre escribían os da cidade como se a aldea fose un mundo idílico e os campesiños fosen xente sempre feliz". "A aldea non era un paraíso", engadiu, en referenza a un tempo de penurias en que a xente tiña pouco máis que para subsistir e pagar rendas. "Quixen dicir a verdade xa que eu son un escritor aldeano que mamou eses problemas e por iso puiden escribir sobre eles."

O repaso da súa obra e dos máis de 40 anos pasados na América Latina servíronlle a Neira Vilas para traer ao caso o seu activismo "defendendo a cultura, incluso moitas veces diante dos propios galegos". No encontro cos rapaces quedou claro que para el a lingua e a cultura son dogma de fe e que o idioma pode abrir moitas portas. "Falando e escribindo en galego chégase a moitos millóns de persoas en todos os continentes", asegura Neira. Para el o galego "ten boa saúde, aínda que sempre se pode mellorar" e a súa pervivencia, cualificada polo escritor como "a creación máis importante de Galicia en 800 anos", depende en grande medida das xeracións máis novas. "O futuro do galego sodes vós", díxolles aos mozos e mozas, a quen lles lembrou que os únicos prexuízos que existen contra o idioma "téñenos os de aquí".

A charla de Xosé Neira Vilas viuse truncada polos bocinazos do autobús que agardaba no colexio polos rapaces. Despedírono con aplausos e pedíndolle que asinase libros, incluso rubricou autógrafos en blocs de notas ou follas soltas. O tempo esfúmase máis rápido do que parece entre lembranzas, preguntas e consellos, moitos consellos, e non só literarios. "Tedes que ler moito e traballar moito. Pero traballar coas mans: plantar unha semente, ver como medra...". "Axudade na casa, non hai traballos "de homes e de mulleres". E axudádevos uns aos outros". Consellos sobre crecemento persoal, igualdade e solidariedade provenientes dun home envestido de autoridade suficiente para aconsellar. A autoridade que non dan nin os títulos nin a escola, senón os anos e ter andado moito mundo.
Galeria de Fotos: Neira Vilas encandila á mocidade

CONCURSO DE ARTIGOS DE OPINIÓN FEBREIRO 2014

CONCURSO DE ARTIGOS DE OPINIÓN

FEBREIRO 2014

 

Organiza: Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI San Sadurniño

 

B A S E S

 

TEMA: Texto relacionado co tema da paz, Premios Nobel da Paz ou outro tema que destaque o traballo individual ou colectivo realizado pola paz mundial.

PARTICIPANTES: Alumno/as de Educación Secundaria e 3º ciclo de Educación Primaria

MODALIDADE: Artigo xornalístico de opinión.

FORMATO: Texto manuscrito en folios tamaño A4.

NÚMERO DE TRABALLOS: Os traballos serán orixinais e realizados individualmente. Cada participante poderá presentar tantos como desexe.

VALORARASE: redacción, argumentación, investigación, presentación,…

ENTREGA: O prazo de entrega terá como límite o xoves, 20 de febreiro.

PREMIOS: Haberá premios para os tres mellores artigos.

Farase a entrega dos mesmos na última semana do mes de febreiro.

 

XURADO: Está constituído por membros do Equipo de Dinamización da Lingua e profesores de Lingua e Literatura

O fallo do xurado, que será inapelable. Nos días previos a esta data os traballos serán expostos ó público nos corredores do Centro. O xurado resérvase o dereito de descalificar calquera traballo que, ao seu xuízo, fose realizado por unha persoa diferente ao concursante, empregase a técnica de calco ou non reunise as condicións sinaladas nestas bases.

Os traballos gañadores quedarán en propiedade do Colexio e poderán ser publicados..

O feito de participar neste concurso conleva a aceptación de todos e cada un dos puntos destas bases.

San Sadurniño, 24 de xaneiro de 2014

 

Distribuir contido