Saltar navegación.
Inicio
Narón (A Coruña)

Taboleiro xeral do profesorado

Aviso para o profesorado que utiliza Moodle

Dr. Moodle

17/09/2013

De cara a actualizar os cursos da nosa Aula Virtual, o máis rápido para eliminar os participantes do curso anterior e as súas actividades é ir ao menú de administración e picar en "Restablecer" ("Reiniciar" se o curso está en castelán), marcando os apartados que interese. A continuación, xa se poden cargar os novos estudantes.

Un problema que pode xurdir é que se conserven os traballos enviados polos repetidores o ano anterior. Neste caso, a solución é picar en "Copia de seguranza", non marcar ningún traballo enviado polo alumnado, e finalmente restaurar o curso.

O profesorado interesado en unirse a esta plataforma educativa pode falar con José Manuel Timiraos (coordinador TIC e mestre de Primaria) ou con Ángel Carrera (profesor de Tecnoloxía de Secundaria).

Restablecer

Coidado co inspector/a!!

 

25/05/2010

O alumnado non entenderá o humor deste vídeo, pero o profesorado si. Grazas a outra querida ex-profe do Feal por descubrirnos esta xoia: Merchi Orjales de Xeografía e Historia. Achegamos unha versión con máis calidade, pero como pesa bastante é preferible descargala co botón dereito do rato (Gardar como) antes de reproducila.

Farta/o de recibir a revista de MUFACE?

Pulmóns forestais
Fai clic para ampliar a imaxe

11/09/2009

Aínda no caso de que consideres interesante a revista que MUFACE envía aos funcionarios/as, poderías conformarte coa versión dixital por razóns ecolóxicas ou simplemente por axudar a reducir o gasto público. Renunciar á edición impresa é sorprendentemente rápido: só tes que introducir un par de datos na web de MUFACE.

A tecnoloxía non o é todo

 

Ángel Carrera, 23/03/2009

Está claro que a tecnoloxía non garante a mellora do ensino. Ilústrao moi ben este sinxelo vídeo brasileiro do que nos falara hai unhas semanas o brutal equipo TIC do CEIP de Sigüeiro.

Aproveitamos para falar dos Cursos abertos de autoformación para o profesorado que a Consellería de Educación ofrece a través de Internet. Utilizan a mesma plataforma que a Aula Virtual do Feal (Moodle) e neles podedes atopar formación en diversas cuestións relacionadas coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, sen que haxa que cumprir ningún prazo, e loxicamente sen que exista ningunha certificación. O enderezo quedará permanentemente no bloque de enlaces externos da nosa web (agora un dos seus apartados está dedicado ás TIC).

O que tamén está claro, é que as novas tecnoloxías están ao alcance de todo o mundo; só tedes que ver a Ambrosio.

Axustes na máquina de café

24/10/2008

Non queremos ser pesados co tema do café porque está claro que temos problemas máis importantes no centro, pero debemos informar de que trala dilixente xestión da secretaria, un técnico da empresa da máquina veu ao Feal para comprobar se estaba ben axustada, e comprobou que era certo o que a xente dicía: o café normal estaba frouxo e o descafeinado cargado. Despois de corrixir as doses, estivo invitando a café ao profesorado presente na sala para que opinara, e a melloría parecía clara. De todas maneiras, necesitamos saber a vosa opinión para seguir axustando o mellor posible a máquina, así que podedes achegarvos a Paloma ou deixar un comentario aquí mesmo (xa sen enquisa).

Conclusión: falando enténdese a xente. Damos as grazas a Paloma por tomarse con fino sentido do humor a enquisa desta web e por ter en conta a opinión do consumidor/a.

Carta aberta da secretaria

"Tenemos un buen café,
aromático y sabroso,
café de Rodrigombia."

Les Luthiers

___No momento en que un secretario ou unha secretaria do CPI do Feal asume o cargo, xura, nun rito iniciático bastante segredo, gardar e mellorar os bens materiais do Centro por encima da súa propia vida. Así o fixeron todos e así o fixen eu.

___Comprenderedes entón, que o resultado da enquisa sobre a cafeteira, proposta polo meu querido antecesor, me teña sumida nun mar de bágoas. Quero e debo explicar as razóns que me levaron a cambiar a máquina:

  1. O compromiso que asume a nova empresa sobre mantemento e posibles reparacións do aparato, mellora en moito á da anterior.
  2. O prezo das bebidas, de momento, é inferior ao que tíñamos.
  3. Parte dos cartos recadados dedícanse a financiar proxectos de comercio xusto.

___Actuei movida polas mellores intencións.

___Gustaríame engadir que só tres persoas déronme a súa opinión (grazas A.C., grazas M.T., grazas G.P.). Considero que o diálogo enriquécenos como persoas -humanas- que somos, por iso espero, con toda a ansia que a miña alma de secretaria pode sentir, recibir suxestións que me axuden a mellorar o servizo de bebidas quentes e calquera outro. Así, coas aportacións de todas e todos, intentarei seguir servindo a esta Comunidade Educativa á que tanto quero e tanto lle debo.

___Paloma García García
___Secretaria do CPI do Feal

Enquisa sobre a nova máquina de café

A nova máquina de café

30/09/2008

Xa levamos máis dunha semana coa nova máquina de café e queremos saber a túa opinión. Para isto, aproveitamos unha ferramenta que ten esta web e aínda estaba sen probar: a enquisa. Por suposto que non ten moito valor científico, pero  como experimento ben vale. Se consideras que un clic non é suficiente para expresar a túa opinión, tamén tes a opción de engadir un comentario (que como outras veces, será revisado antes de ser publicado para evitar actos vandálicos). E lembra que o que O Feal vota... VAI A MISA!!!!:

PARTICIPA NA ENQUISA

Que opinas do café da máquina nova?

Está tan bo que xa non piso o Quijote nin The Corrs
0% (0 votos)
Melloramos
27% (8 votos)
Que queres que che diga
17% (5 votos)
Empeoramos
17% (5 votos)
Non me fales
40% (12 votos)
Total de votos: 30

Virus informáticos

Virus

Seguimos tendo problemas cos virus na sala de profesores e noutros espazos.

Por favor, pasádelle o antivirus ás vosas memorias USB para evitar máis contaxios.

Libro de danos

01/10/2007

En Conserxería hai un libro para que rexistredes os danos que atopedes nas instalacións do Centro.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.es
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido