Saltar navegación.
Inicio
Narón (A Coruña)

Música

O CPI do Feal aparece no novo vídeo de Simple Minds

12/12/2014

Aínda que poida resultar desconcertante, O Feal aparece no novo vídeo dos escoceses Simple Minds (Let the day begin) durante uns segundos. Para os máis curiosos, pódese atopar a explicación deste sorprendente feito na web oficial de Simple Minds.

Canta Ferrol 2013

Versión en HD: http://youtu.be/Mo5zNJAMR9A?hd=1

 

07/04/2013

Felicitamos de novo á nosa alumna Olga Gil Peñas (de 1º de ESO - A) por animarse con ilusión a participar no concurso "Canta Ferrol", no que estivo entre os 30 preseleccionados da nosa comarca. Finalmente, resultou gañadora a representante do IES Ricardo Carballo Calero (onde a actual xefa de estudos é a nosa apreciada ex-compañeira Gelen Ruiz-Matas). Miriam Rodríguez venceu cunha impresionante interpretación do "Hallelujah" de Leonard Cohen, que incluímos no noso vídeo-resumo (xunto con imaxes do representante dos nosos queridos veciños de As Telleiras). Deixamos tamén algunhas fotos na nosa Galería.

Canta Ferrol 2013

Fai clic para ver máis fotos

Convidada especial no último concerto de Budiño en Narón

Uxía Muíño con Budiño

Uxía Muíño (a primeira zanfona pola esquerda) acompañando a Budiño

29/11/2012

No concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño que tivo lugar en Narón o pasado 22 de novembro, houbo unha convidada especial: a nosa alumna de 4º de ESO Uxía Muíño, que subiu ao escenario representando á aula de zanfona do Padroado de Cultura.

Unha semana máis tarde, a nosa alumna foi convidada de novo para tocar no Pazo da Cultura, neste caso convidada polo grupo local de folk "Os cempés". Desexamos que a zanfona lle dea moitas máis satisfaccións á Uxía!

Postal musical de Paloma

 

Ángel Carrera, 25/05/2010

Despois duns días con esta web nun estado case comatoso, tivo que vir a nosa querida ex-profe de Música Paloma García para comezar a reanimación. Paloma envíanos unha bonita actuación en Santiago na que participa tocando a zanfona. Grazas por seguir téndonos en conta Paloma!

Nos próximos días, trataremos de que a web saia da sala de reanimación grazas a material que esperamos recibir en breve da viaxe a Cataluña, da viaxe a Irlanda (sabemos moito do regreso, pero que pasou antes do colapso aéreo?) e doutras historias... Con todo isto, esperamos que a web do Feal chegue en boas condiciones ao seu terceiro aniversario (este sábado) para poder celebralo.

Rockola escolar

 

Ángel Carrera, 12/04/2010

O alumnado de 4º de ESO con Informática xa está pensado nos seus vídeos musicais de despedida do Feal, que tanto éxito tiveron coa promoción do ano pasado. Para ir entonando, abrimos unha nova rockola (xa tardabamos), esta vez con temática escolar. Non é tan doado como parece, hai moitas cancións infantís sobre os colexios, pero non tantas un pouco máis "adultas". Eu escollín en primeiro lugar un entrañable vídeo dos escoceses Travis (Driftwood) cunha idea tan sinxela como ben resolta: unha foto de fin de curso interrompida por unha treboada. Ademais, engadín un vídeo do vigués Fon Román (Colegio vacío) pola súa letra e tamén un clásico de Police (Don't stand so close to me) e outro de Simple Minds (Don't you forget about me) que soaba nunha película sobre un castigo de sábado pola mañá nun instituto. Outras posibilidades obvias serían a canción máis célebre de Pink Floyd (que non me gusta nada) ou a máis célebre de Britney Spears (bastante máis divertida, pero a súa compañía non permite insertar o vídeo fóra de YouTube). A ver se atopades algunha máis!!

O pop dos 00

 

Ángel Carrera, 25/02/2010

Nalgún momento do século XX, alguén decidiu que a música ía por décadas. Os sesenta, os oitenta...  todo ía ben ata que chegou a primeira década do século XXI... os 00?, os 2000?, non hai un nome en condicións. Tampouco tivo moita personalidade. Parece que xa está case todo inventado no pop e cada vez é máis difícil que xurdan novos subxéneros. Aínda así, entre 2000 e 2009 non faltou a boa música. Non pretendo facer aquí un resumo da década, porque a produción foi infinita e para gustos hai cores, pero polo menos deixo unha pequena lista de cancións dalgúns artistas que eu destacaría no pop do inicio de século que eu coñezo. Hainas ruidosas, suaviñas, descoñecidas, populares... un pouco de todo.

Pódense ver 16 vídeos encadeados no reproductor de YouTube (despois de arrancalo, aparecen miniaturas con enlaces directos a todos os vídeos) e as suás correspondentes explicacións a continuación...

Golpe de estado musical no Nadal británico

 

Ángel Carrera, 22/12/2009

O lugar do mundo onde se toman máis en serio as listas de vendas musicais é o Reino Unido. E a semana onde as vendas son máis importantes é loxicamente a de Nadal. Levaban varios anos consecutivos no que esta semana triunfaba o triunfito de turno de Factor X (en España houbo unha versión deste programa televisivo, aínda que non tan popular como a moi similar Operación Triunfo). Pois ben, nas últimas semanas de 2009 houbo unha rebelión tramada polos fans de Rage Against the Machine, que tras facer un chamamento por Internet, acadaron esmagar a música prefabricada de Factor X chegando ao número 1 das listas navideñas do Reino Unido, cunha canción que Rage Against the Machine publicara xa en 1992: "Killing in the Name". Eu vira a este grupo en directo hai moitos anos e pareceume un concerto brutal (todos temos un lado salvaxe); a súa última trasnada éncheme de felicidade.

O pop volve a ser desterrado da Televisión de Galicia

Banda Curta

Ángel Carrera, 01/10/2009

Estaba cantado, a vida do programa musical "Banda Curta" foi iso: curta. A principios de 2009, celebrabamos nesta web que despois de nove anos de seca, nacía un novo programa especializado na música pop/rock na nosa televisión pública. Chegara xa nos últimos días da anterior lexislatura, e cos cambios na Xunta desapareceu inmediatamente. O programa tiña aspectos mellorables, pero facía moi dignamente o seu papel. Sobrevive “Miraxes”, que dedica unha pequena parte do seu elegante espazo cultural á música.

Os seguidores/as de “Luar” e “Alalá” poden estar tranquilos, porque esa parte da música ten corda para rato na televisión pública galega (goberne quen goberne).

XIX Festival Internacional de Folclore de Narón

Festival Internacional de Folclore 2009

10/07/2009

Un verán máis, o noso centro acollerá durante uns días a grupos folclóricos de diversos recunchos do mundo (nesta ocasión: Portugal, Siberia, Polonia, Arxentina e Brasil). Estes grupos actuarán no festival de Narón do 18 de xullo no paseo marítimo de Xuvia (xunto co grupo Alxibeira de Narón) e tamén noutros festivais galegos. Benvid@s!!

Cucurrucucú...

 

26/06/2009

Botaremos de menos a afiada pluma da colaboradora máis musical da nosa web; Paloma cambia de rumbo e vaise a vivir ao sur de Galicia. Ilustramos esta pequena homenaxe con dúas versións da eterna "Cucurrucucú Paloma": a de Pedro Infante e a máis recente de Caetano Veloso.

Sorte no teu novo destino, Paloma!

Visitaremos de vez en cando a web do teu novo centro para saber que estás argallando.

 

P.D. A petición de Paloma, engadimos o seu vídeo de agradecemento a continuación. "Unha canción preciosa dunha cantante única e confiemos que irrepetible. Que non se diga que non me preocupei pola música no Feal ata o último momento." - Paloma García.

 

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.es
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido