TERTULIA DIALÓXICA SOBRE TEXTO DE Chimamanda Ngozi Adichie

O 20 de novembro de 2017 tivo lugar a xuntanza dialóxica sobre o célebre e breve ensaio “Todos deberíamos ser feministas” da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie. O texto orixinal, de 72 páxinas, recolle o emblemático discurso que deu a autora no seu TEDx Talk sobre o que significa ser feminista no século XXI.

Adichie naceu en Nixeria en 1977. O seu pai era profesor de estatística e a súan nai traballaba tamén na universidade como secretaria. Aos 19 anos mudouse aos Estados Unidos onde estudou Comunicación e Ciencias Políticas na universidade de Drexdel, en Filadelfia. Posteriormente continuou os seus estudos na Universidade Estatal do Leste de Connecticut, na que se graduou no 2001. Tamén levou a cabo estudos de escritura creativa na Universidade John Hopkins de Baltimore e obtivo un máster de estudos africanos na Universidade de Yale.

 A pesar da súa produción narrativa, entre a que se atopan obras galardonadas con prestixiosos premios como “Purple Hibiscus” (A Flor Púrpura) e  “Half of a Yellow Sun” (Medio Sol Amarelo), foi a súa charla de TED a que lle deu fama mundial, ata o punto de que nun país como Suecia, cada estudante recibe aos 16 anos un exemplar.

Após a lectura das 14 páxinas escollidas a comunidade fíxose consciente da necesidade de que homes e mulleres se consideren feministas, malia a confusión e as reticencias que este concepto soe xerar. Debateuse sobre a incidencia da maternidade na vida das mulleres, e se esa diferenza biolóxica (a capacidade de xestar e aleitar) debería ou non determinar diferenzas tan marcadas na vida laboral e persoal de homes e mulleres. Comentáronse aspectos relevantes do texto como o concepto de feminismo, a diferenza salarial entre homes e mulleres, o peso das tradicións, e outros.

Ao finalizar a xuntanza, a coordinadora da mesma, propuxo facer unha reflexión sobre o feito de que as nenas participen menos que os nenos en todas as xuntanzas que se realizan no centro, incluída unha xuntanza feminista coma esta, na que se debaten temas que as prexudican moito máis a elas. Como di Chimamanda “Ás nenas aprendémoslles a encollerse, a facerse máis pequenas”.

 

 

AdjuntoTamaño
IMG-20171122-WA0003.jpg269.62 KB