O Apalpador

 

O APALPADOR   

O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal, concretamente o 31 de decembro, para levarlles agasallos aos nenos. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están ben mantidos e déixalles, ademais de xoguetes, unha presa de castañas.

En Galicia estivo moitos anos esquecido. Agora comeza a recuperarse esa bonita tradición que entronca con outras do Norte de España como o Olentzero basco e o Esteru astur-cántabro.

O rito da “Noite do Apalpadoiro” aparece nomeado na montaña lucense e no Courel, especialmente.

Tamén se chama, noutras zonas de Galicia, “Apalpabarrigas” ou “Pandegueiro”.

Esta noite feiticeira,
loguiño de te durmir,
entre a neve silandeira
o apalpador ha de vir.

Baixará dende a Rogueira,
devesa moi misteriosa,
onde habitan a bidueira
e a faia máis preciosa.

Por Campelo pasará,
por Mostaz e por Moreda,
en Esperante estará,
e tamén irá a Noceda.

Por Pacios, por Mercurín,
Por Folgoso e a Seara...
como non, Ferramulín,
igual verá a súa cara.

Cubrirao a nevarada,
a boina branca terá,
e a toda casa abrigada
a sorpresa levará.

O carboeiro impoñente
moitos traballiños ten,
palpar barrigas da xente
e facer carbón moi ben.


Os rueiros serán seus
na xeada escuridade,
entrará en casa dos teus
coa súa inmensa bondade.

Irá polo corredor
sen facer ningún ruído,
retirará o cobertor
por ver quen está durmido.

Sexas neno ou rapariga,
durante a noite cumprida,
tocarache na barriga
e verá que está mantida.

E con agarimo fondo,
dende o seu corazón puro,
pedirá falar dondo
que non teñas porvir duro.

E ó acordares co abrente
sentirás un arrecendo,
de castañas, seu presente,
que poderás ir comendo.

...           Xurxo Valcárcel

 

Se queredes saber máis e tamén baixar imaxes do apalpador para colorear e a carta para pedirlle cousas, entrade en:

http://www.apalpador.com/

 

O NOSO APALPADOR 12