Skip to Content

ENCONTRO CON LEDICIA COSTAS NO NOSO CENTRO.

O mércores 4 de novembro recibimos no centro a visita da escritora Ledicia Costas. Probablemente será unha das poucas actividades presenciais que imos poder desenvolver ao longo deste curso, pero aproveitámola moi ben: todo o alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO tivo ocasión de participar en senllos encontros coa autora, da que nesta primeira avaliación estamos a ler os seguintes libros:

  • 1º ESO: Recinto gris.
  • 2º ESO: O corazón de Xúpiter.
  • 3º ESO: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Ledicia contounos unha morea de cousas sobre cada unha das tres novelas, e tamén de por que empezou a escribir e cales foron as súas fontes de inspiración para estes traballos literarios.

As alumnas e os alumnos tamén tiveron ocasión de trasladarlle á autora preguntas e comentarios sobre as súas obras, e sorprendéronse ao saber que os libros de Ledicia Costas, escritos orixinalmente en galego todos eles, foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao italiano, ao inglés, ao romanés, ao búlgaro, ao coreano...

A única mágoa desta actividade foi que, debido ás medidas sanitarias en vigor por mor do coronavirus, tivemos que acurtar o tempo de cada un dos encontros, pois a capacidade da sala de usos múltiples está moi reducida este curso.

Pero Ledicia Costas prometeu repetir visita cando poidamos estar todas xuntas e os encontros non teñan que ser tan breves.

Así que... ata pronto, Ledicia! 

Departamento de Lingua Galega e EDLG

PREMEDE NA FOTO PARA VER O ÁLBUM CON EFECTO LIGHTBOX

 

 

Álbum: SECUNDARIA 20/21 -> ENCONTRO CON LEDICIA COSTAS.


album | by Dr. Radut